Galicia afronta a lenta baixada dende o pico da terceira vaga da COVID cun ritmo de mortes máis elevado que na primeira

Indicacións para persoas citadas nun cribado da COVID na área sanitaria da Coruña CC-BY-SA Foto: Concello de Culleredo | Montaxe: Praza Pública

A expansión da terceira vaga da pandemia do coronavirus vai acougando en Galicia. A evolución das incidencias acumuladas a 7 e 14 días frea dende mediados de xaneiro e ambos indicadores, sobre todo o relativo á última semana, transitan por terreos que apuntan a que, agora si, o país vai deixando atrás o pico deste terceiro golpe.

O Sergas suma 1.184 novos casos en vinte e catro horas e a semana segue na contorna dos mil por xornada

Isto é certo, pero non o é menos que ese descenso está a ser, cando menos polo momento, lento e irregular. O Servizo Galego de Saúde suma este 4 de febreiro 1.184 novos casos da COVID-19 rexistrados entre as seis da tarde do martes e a mesma hora do mércores, 1.091 deles diagnosticados mediante PCR. Son cifras moi semellantes ás da xornada previa (apenas 43 casos máis) e tamén algo máis elevadas que os dous días anteriores, o que suxire un certo estancamento nunha baixada que, non obstante, segue sendo clara na media diaria de diagnósticos da última semana, agora situada en 1.078.

Mentres isto acontece, Sanidade segue computando altas epidemiolóxicas de persoas que se contaxiaran durante as semanas do Nadal, Aninovo e Reis (o total de pacientes que o Sergas dá por "recuperados" da COVID xa supera os 77.000). Estas altas contribúen a que as elevadísimas cifras de "positivos activos" vaian baixando aos poucos -non acontecía dúas xornadas seguidas dende finais de decembro- pero aínda superen as 22.000.

Un ritmo de novas mortes máis alto que na primeira vaga

Esta terceira vaga non é comparable mecanicamente coa primeira en termos de casos detectados, toda vez que daquela a capacidade diagnóstica era moito menor que a actual. Si é máis preciso comparar outras variables como o número de mortes. E esta xa avanza a maior ritmo que daquela: na última semana faleceu unha media de 25 persoas ao día que foran diagnosticadas da COVID-19. No pico deste indicador na primavera de 2020, que se rexistrou arredor do 5 de abril, quedara un chisco por riba das 23 mortes.

Galicia rexistra na última semana unha media de 25 mortes ao día de persoas que contraeran a COVID-19 e todo apunta a que a terceira faga deixará máis vítimas mortais que a primeira

Este forte crecemento das vítimas mortais oficialmente ligadas á pandemia chega mentres o Sergas segue certificando falecementos dos últimos días de xaneiro e mais dos primeiros de febreiro. Este xoves entran no cómputo oficial ata 37 mortes máis, dezaseis delas das últimas vinte e catro horas. O día con máis vítimas confirmadas da terceira vaga e de toda a pandemia en Galicia segue sendo o 28 de xaneiro, no que xa se anotan 36

Dende que as cifras de mortalidade desta terceira vaga se dispararon definitivamente, arredor do 20 de decembro, xa morreron unhas 525 persoas en Galicia que contraeran a COVID-19. Dado o actual ritmo, todo semella indicar que nesta terceira vaga falecerán máis das 619 persoas que morreron, segundo o Sergas, durante a primeira. O total sitúase ata agora en 1.880. [A COVID provocou 400 mortes en Galicia en xaneiro, con máis proporción de falecementos fóra das residencias]

Primeiros (e polo momento, insuficientes) alivios na presión hospitalaria

As altas (e en menor medida, tamén os falecementos) rexistradas nos últimos días e os primeiros acougos nas cifras de novos ingresos permiten que tamén os hospitais comecen a descender do que semella o pico asistencial da terceira vaga. Tamén o fan, en calquera caso, lentamente e polo momento, con altísimas ocupacións especialmente nas unidades de coidados intensivos, con 247 pacientes co coronavirus segundo os datos publicados este xoves, exactamente os mesmos que na xornada previa.

A ocupación das UCI semella transitar polo seu pico con 247 pacientes e a hospitalización total rexistra as primeiras diminucións significativas

No que atinxe ao total de persoas hospitalizadas, o descenso si é máis claro tras tres días de diminución na ocupación de camas ordinarias por pacientes con test positivo da COVID-19. Agora son 1.317, 55 menos que un día antes, pero aínda 38 máis que o mesmo día da semana anterior. Como amosa o gráfico baixo estas liñas, a variación semanal está a piques de chegar a niveis negativos, algo que non sucede dende o Nadal e que sería o primeiro paso para un alivio máis significativo. 

En calquera caso, o total de persoas hospitalizadas con test positivo segue estando máis de 200 por riba que o pico de hospitalización da primeira vaga e son varios os centros hospitalarios galegos que padecen unha forte saturación, especialmente nas UCI. Neste punto seguen destacando complexos hospitalarios como o da Coruña, con 369 camas ocupadas por pacientes coa COVID (87, na UCI) ou o de Ferrol, con 198 (25, na UCI). O único hospital con menos de cen persoas ingresadas por este motivo é o de Lugo, que nas últimas semanas recibiu pacientes doutros centros por mor da súa menor saturación.

Leves baixadas na incidencia a 14 días á espera do efecto das novas restricións

Neste contexto, o estancamento ou lixeiros alivios na curva da terceira vaga percíbese tamén no mapa da incidencia acumulada (casos novos por cada cen mil habitantes) a 14 días, que para toda Galicia segue superando os 700 casos. Os concellos sen novos casos neste período seguen sendo apenas unha ducia e continúan sendo maioría os que presentan incidencias moi elevadas, por riba dos 500 casos. Todo isto, cando se cumpre unha semana da entrada en vigor do vixente paquete de restricións da Xunta, as máis estritas dende o confinamento da primavera de 2020. Como adoito, as novas restricións non se perciben neste indicador ata que transcorran, cando menos, entres dez días e dúas semanas da súa vixencia.

A melloría xeral e significativa aínda está lonxe e así o reflicten tamén as incidencias acumuladas a 14 días nas sete principais cidades do país. Todas elas presentan evolucións máis ou menos estancadas. As que seguen tendo unha incidencia acumulada a 14 días, A Coruña e Ourense (ambas arredor dos 900), amosan uns primeiros sinais de baixada mentres noutras como Pontevedra e Lugo sucede o contrario. O único descenso significativo dos últimos días é o de Santiago, que así e todo tamén alterna as baixadas con lixeiras subas deste indicador.

A baixada da positividade media tamén frea un chisco

Un dos factores que contribúe a que sigan agromando altas cifras de novos casos da COVID-19 é o elevado volume de probas PCR que o Sergas procesa cada día. A media diaria da última semana continúa en niveis máximos (máis de 12.200 probas procesadas ao día) nun contexto marcado polos cribados masivos en diferentes puntos de Galicia.

As probas PCR procesadas cada día seguen en máximos da pandemia e a positividade media rolda o 8%, unha cifra semellante ao que fora o pico da segunda vaga

No que atinxe á taxa de positividade, a media deste indicador a sete días segue baixando, pero faino máis timidamente tras o empeoramento dalgunhas áreas na última xornada. Así e todo, a evolución do indicador para o conxunto de Galicia segue sendo descendente e sitúase agora nunha positividade media do 8,16% a sete días, un nivel moi parecido ao que foi o pico da segunda vaga e aínda máis de tres puntos por riba do 5%, limiar que a Organización Mundial da Saúde sinala como referencia para dar a pandemia por controlada nun territorio.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.