A incidencia da COVID xa remite en Galicia e a hospitalización total comeza a frear, pero as UCI seguen en máximos

Cribado da COVID no Barco de Valdeorras e incidencia acumulada a 14 días por concellos CC-BY-SA Foto: Sergas | Montaxe: Praza Pública

Tras un mes seguido de incremento disparado pola explosión de contaxios detectados tras as semanas do Nadal, Aninovo e Reis, xa é posible afirmar que a terceira vaga da pandemia da COVID-19 comeza a remitir en Galicia. Por primeira vez dende os primeiros días de decembro, as incidencias acumuladas (casos novos por cada cen mil habitantes) tanto a 7 como a 14 días son, ao mesmo tempo, inferiores que o mesmo día da semana anterior.

As incidencias acumuladas a 7 e 14 días son inferiores ás de hai unha semana por primeira vez dende comezos de decembro, pero aínda seguen en niveis moi elevados

Aínda que ambos indicadores viñan freando no seu incremento dende mediados de xaneiro, a diminución tardou máis en chegar e en ambos casos prodúcese tras acadaren cotas inéditas a unha gran velocidade. A incidencia acumulada a 7 días comezou a descender arredor do día 27 do mes pasado tras roldar os 430 casos novos por cada cen mil habitantes e agora segue descendendo, camiño dos 300. No caso da incidencia a 14 días non houbo sinal claro de cambio de tendencia ata esta semana cando, en todo caso, segue sendo moi elevada, con máis de 700.

Como amosa o gráfico sobre estas liñas, no momento en que comeza a remitir tamén é posible afirmar que a terceira vaga foi moito máis do dobre de virulenta que a segunda, a única coa que é comparable, toda vez que durante a primeira a capacidade diagnóstica -de detección e seguimento de casos- era moito menor. Mostra disto é que o pico da incidencia a 7 días (uns 427 casos novos por cada cen mil habitantes) superou folgadamente o que fora, o pasado novembro, o pico da incidencia a 14 días (arredor de 340).

En case unha ducia de concellos con máis de dez mil habitantes, a incidencia acumulada a 14 días segue superando os mil casos novos por cen mil habitantes

Un mes despois dos últimos días en que a Xunta flexibilizou as restricións para permitir encontros familiares, estes primeiros sinais de acougo vanse estendendo aos poucos polo mapa de Galicia. Pero moi aos poucos. Aínda son case 180 os municipios con incidencias acumuladas a 14 días por riba dos 500 casos novos por cada cen mil habitantes. Tamén son varios os municipios de máis de 10.000 habitantes onde este indicador segue superando os mil casos. Esta segunda situación é na que se atopan, de momento, relevantes concellos como Betanzos (1.739), Poio (1.663), Arteixo (1.432), Vilalba (1.271), Monforte (1.253), Sarria (1.237), Sanxenxo (1.124), Ordes (1.132), Sada (1.068), Ponteareas (1.020) ou Cambre (1.004). A tendencia xeral, non obstante, é xa de leves descensos.

Eses leves descensos tras un período de estabilidade ou estancamento percíbense tamén na incidencia acumulada da maioría das sete principais cidades. A Coruña e Ourense, que seguen en incidencias acumuladas a 14 días moi elevadas -ambas por riba de 800- semellan iniciar unha tendencia descendente que en Santiago comezou a finais de xaneiro e que leva a capital galega a aproximarse aos 600 casos. Mentres, as outras catro cidades trazan liñas máis estables, con Vigo e Lugo coas incidencias máis baixas, pero tamén en niveis que no caso lucense cuadriplican os acadados antes do Nadal e o vigués os duplican amplamente.

Aínda arredor dos mil casos ao día e impulso das altas para baixar os activos

A media de diagnósticos diarios segue descendendo aos poucos, pero aínda triplica amplamente o que fora o pico da segunda vaga

Estes freos nos indicadores de incidencia acumulada prodúcense nun contexto no que o Sergas segue rexistrando arredor de mil novos casos diarios por xornada, unha cifra moi elevada pero máis baixa que as dos últimos días de xaneiro, con xornadas que chegaron a aproximarse aos dous mil. Este 5 de febreiro, Sanidade incorpora ao seu cómputo 1.025 casos novos -os rexistrados entre as seis da tarde do mércores e a mesma hora do xoves-, dos que 874 son diagnósticos mediante PCR.

A media de diagnósticos por PCR na última semana sitúase na contorna dos 1.050, o que implica que polo momento a liña descendente teña un ritmo semellante á ascendente das semanas previas. De calquera xeito, como amosa o gráfico, tan certo é que os niveis actuais supoñen un freo como que seguen sendo moi superiores ao pico da segunda vaga e seguen implicando máis que triplicar o ritmo de novos casos das semanas previas ao Nadal.

O freo aos poucos no número de novos casos e mais a suma dun gran número de altas epidemiolóxicas de persoas contaxiadas nas semanas das festas -máis de 8.300 na última semana, para un total de algo máis de 78.800- contribúe tamén nos últimos días a que comece a diminuír o número de positivos activos. Por primeira vez dende o 28 de xaneiro baixan dos 22.000 e quedan en 21.686. Na segunda vaga, o pico apenas chegara a superar os dez mil. [A serie completa de casos activos por áreas sanitarias, nesta ligazón]

As UCI, aínda en máximos

O total de hospitalización é inferior ao de hai unha semana por primeira vez dende finais de decembro, pero a presión nas UCI segue sen ceder

Como xa agardaban os responsables dos diferentes hospitais, os primeiros sinais de acougo da terceira vaga tardan en repercutir de xeito notable nas cifras de persoas coa COVID que precisan estar ingresadas. O total de hospitalizacións situase en 1.289, o que supón que sexan menos que o mesmo día que a semana anterior (-51) por primeira vez dende finais de decembro. Non obstante, o total de ingresos simultáneos de pacientes coa COVID segue sendo maior que no pico da primeira vaga e a presión nas UCI aínda non descende.

As unidades de coidados intensivos tiñan ingresadas ás seis da tarde do xoves un total de 251 persoas con test positivo do coronavirus. Son catro máis que o día previo e 42 máis que o mesmo día da semana anterior. Daquela, tamén na liña do agardado polo persoal sanitario, o elo máis crítico do sistema volve ser o último en percibir os primeiros sinais de alivio e continúa cunha carga inédita dende o comezo da pandemia. Non en van, a máxima ocupación das UCI con persoas que padecían a COVID-19 na primeira vaga quedara en 177 persoas.

Novas mortes a maior ritmo que na primeira vaga

Ao contrario que as cifras de novos casos detectados, tanto os niveis de ocupación hospitalaria como as cifras de mortalidade si son, en boa medida, comparables coa primeira vaga. En termos absolutos, os ingresos hospitalarios xa a superaron e, no que atinxe aos falecementos, a tendencia apunta a que as vítimas mortais da terceira vaga en Galicia serán máis que as da primeira.

A media diaria de falecementos da última semana é a máis alta da pandemia e o total chega a 1.910

O rexistro oficial incorpora este 5 de febreiro un total de 30 mortes máis, das que quince corresponden coas últimas vinte e catro horas previas e as restantes, cos días 26 e 31 de xaneiro (un deceso de cada día) e cos días 2 e 3 de febreiro (unha e doce, respectivamente), segundo o Sergas. Isto implica que dende o comezo da terceira vaga, a finais de decembro, morreron xa en Galicia case 560 persoas que contraeran a COVID. Dado o ritmo actual de novas mortes notificadas, con máis de 26 ao día na media da última semana, os datos apuntan a que o número final de mortes desta onda será maior que as 619 da primeira. O total queda, polo momento, en 1.910.

Mentres todo isto sucede, o número de probas PCR procesadas continúa en máximos da pandemia (unha media superior ás 12.200 diarias na última semana) e as súas taxas de positividade media (porcentaxe das que dna positivo) seguen baixando, pero moi lentamente por mor dos incrementos dos últimos días nalgunhas áreas sanitarias. A positividade media a sete días para o conxunto de Galicia está agora arredor do 7,8% nun contexto que, ademais, segue marcado pola realización de cribados masivos. Estes cribados a amplos sectores da poboación adoitan contribuír a baixar as taxas de positividade -agás en áreas cunha moi alta incidencia- ao testar non só a persoas sospeitosas de padecer o virus e os seus contactos, senón tamén a outras moitas que non sofren a doenza, á procura de casos asintomáticos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.