A situación da pandemia de COVID-19 nos centros de ensino galegos segue unha tendencia semellante á rexistrada no conxunto da sociedade. A mellora iniciada dende hai unha semana, co descenso no número de novos diagnósticos da enfermidade, ten o seu reflexo nas escolas e institutos, que dende este martes tamén presentan unha diminución no seu número de casos activos.
A cifra de casos marcou o martes un máximo dende o inicio da pandemia. Dende entón vén descendendo, pero aínda triplica o nivel co que se iniciou o trimestre
A cifra de casos achegada pola Xunta o pasado martes (correspondente ao luns) marcou un máximo dende o inicio da pandemia, con 3.952 persoas infectadas. Dende entón, o número de casos veu descendendo e este sábado sitúase en 3.609. Segue a ser un nivel moi elevado, máis de tres veces superior ao número de casos cos que se iniciou o trimestre, á volta das vacacións de Nadal (1.033). Porén, nos días seguintes, as cifras de contaxios disparáronse.
Segue a haber case 200 aulas pechadas (179), preto do máximo acadado o pasado martes (198). Hai, ademais, catro centros de ensino pechados na súa totalidade: en Fene, Viveiro, Ourense e Vigo.
O CPR Plurilingüe Liceo La Paz da Coruña é o centro que rexistra un maior número de positivos (32)
O CPR Plurilingüe Liceo La Paz da Coruña é o centro que rexistra un maior número de positivos (32), seguido do IES Manuel Murguía de Arteixo, o CPR Santiago Apóstol de Soutomaior, o CEIP Plurilingüe Rosalía de Castro de Vilagarcia, o CPR Eiris, o CPR Plurilingüe Salesiano San Juan Bosco (ambos os dous na Coruña) e o CEIP Plurilingüe Cruceiro (en Sanxenxo).
O CEIP de Maceda, o CEIP A Canicouva (Vigo) e o tamén vigués CPR Plurilingüe Compañía de María son os centros con máis aulas pechadas.
Un total de 949 centros de ensino, correspondentes a 205 concellos, rexistran cando menos un positivo de coronavirus
Un total de 949 centros de ensino, correspondentes a 205 concellos, rexistran cando menos un positivo de coronavirus. A Coruña, Vigo, Ourense e Pontevedra son as localidade que presentan un maior número de casos. Fóra das cidades, é Arteixo o lugar con máis positivos, tamén moi elevados en Monforte, Vilagarcía, Ponteareas ou Culleredo. Vigo é o concello que acumula un maior número de aulas pechadas.