A terceira vaga da pandemia está a ter nas residencias galegas menor impacto que no conxunto da sociedade

Interior dunha residencia de maiores © DomusVi

A terceira onda da pandemia COVID en Galicia está a ser a máis dura de todas as rexistradas. É, con moita diferenza, a que rexistrou un maior número de diagnósticos positivos (en parte, debido á maior capacidade de detección con respecto á primeira onda), provocou xa un maior número de hospitalizacións e ingresos e UCI que as dúas primeiras vagas e, así mesmo, está xa moi preto de superar en pouco máis dun mes as 619 mortes que causou a primeira onda entre marzo e xuño. 

Hai un ámbito no que a terceira onda está a ser menos grave que as dúas anteriores: as residencias de maiores e de atención á discapacidade

Cando a comparación se establece coa segunda onda (cun nivel de realización de probas de detección semellante), as diferenzas son abismais, igualando o número de casos detectados entre o 1 de xaneiro e o 8 de febreiro a todos os que se diagnosticaran entre o 1 de outubro e o 31 de decembro. E, igualmente, con case 600 mortes nas terceira onda, fronte ás 250 rexistradas nos últimos tres meses do pasado ano. A terceira onda, ademais, deixou un novo récord de casos tanto entre o persoal sanitario coma nos centros de ensino.

Porén, entre todas as malas novas, hai un ámbito no que a terceira onda está a ser menos grave que as dúas anteriores: as residencias de maiores e de atención á discapacidade, instalacións ademais que nos últimos anos rexistraron o maior número de falecementos por mor da Covid-19, sumando ata o momento un total de 734 falecementos pola enfermidade.

Durante o mes de xaneiro, as defuncións de usuarios e usuarias das residencias representaron o 26,5% do total, fronte ao 40% de meses anteriores

A diferenza é clara no que atinxe ao número de falecementos, como destacabamos hai uns días nestoutra análise. Durante o mes de xaneiro, as defuncións de usuarios e usuarias das residencias representaron o 26,5% do total, fronte ao 40% de meses anteriores. De feito, durante a primeira onda, entre marzo e o verán, as residencias de maiores sumaron o 45,4%. En xaneiro a cifra de mortes seguiu a ser moi elevada (106 defuncións), pero en termos relativos a situación experimentou unha mellora.

Ademais, dende o 1 de xaneiro as residencias acumulan un total de 1.552 positivos de coronavirus (1.116 entre os usuarios e usuarias e 436 entre o persoal), unha cifra moi elevada, pero que se sitúa a un nivel semellante ao que se rexistrou durante a segunda onda da pandemia. Cómpre ter en conta que no conxunto da sociedade o impacto da terceira onda está a ser moito maior, polo que o número de contaxios no interior das residencias tamén debería ser (moito) máis elevado do que foi no outono.

A diferenza obsérvase claramente no número de 'casos activos' notificados pola Consellaría de Sanidade, é dicir, o número de persoas que nun momento determinado están infectadas pola Covid. Durante a segunda onda da pandemia a cifra de casos activos chegou a ser de 10.368 (7 de novembro). Máis ou menos neses días pódese colocar o 'pico' de diagnósticos da segunda onda, que iniciou un descenso ata mediados de decembro. En cambio, durante a terceira onda o indicador de casos activos chegou a acadar os 22.912 o 30 de xaneiro, máis do dobre do punto máximo do outono. 

Dende o 1 de xaneiro as residencias acumulan 1.552 positivos de coronavirus, unha cifra moi elevada semellante á da segunda onda da pandemia

Pola contra, nas residencias non se observa esa diferenza entre os indicadores de casos activos do outono e do inverno. Na segunda onda o número máximo de persoas infectadas polo coronavirus á vez chegou a ser de 799 (o 22 de novembro). Mentres, na terceira onda o 'pico' de casos nas residencias foi de 868 (o 29 de xaneiro), apenas un 8%. 

De feito, entre os usuarios e usuarias das residencias o récord de casos activos na segunda onda (22 de novembro) e na terceira onda (29 de decembro) foi exactamente o mesmo: 560 persoas. Hai unha pequena diferenza, iso si, entre o persoal, que chegou a un máximo de 293 activos na segunda onda e de 308 na terceira.

A escalada de casos que se viviu ao longo de xaneiro nunca chegou a acadar nas residencias a dimensión que si tivo no conxunto de Galicia

No gráfico anterior podemos observar a diferenza na terceira onda da pandemia entre a evolución xeral e a que se está a rexistrar nas residencias. Tomando como base 100 o valor máis elevado acadado pola cifra de casos activos no conxunto de Galicia e nas residencias, vemos como se moveron as curvas de incidencia en decembro, xaneiro e o que levamos de febreiro.

Observamos, en primeiro lugar, como ao longo de decembro o número de casos activos descendeu moito máis nas residencias que no conxunto da sociedade. Mentres que a incidencia en Galicia nunca chegou a reducirse por debaixo da metade do seu valor máis elevado acadado a comezos de novembro, nas residencias si chegou a moverse ao redor do 30% do seu nivel máximo da segunda onda.

Na terceira onda o máximo de casos activos en Galicia duplicou o acadado na segunda onda. Pero nas residencias foi case igual ao de novembro

E, sobre todo, vemos como a escalada de casos que se viviu ao longo de xaneiro nunca chegou a acadar nas residencias a dimensión que si tivo no conxunto de Galicia. A cifra global de casos activos de Covid-19 en Galicia chegou a ser máis do dobre da acadada na segunda onda. En cambio nas residencias superou por pouco o nivel de novembro. Nas residencias, ademais, a velocidade de incremento do número de casos comezou a ralentizarse claramente a partir do 22 de xaneiro, un momento no que seguía a medrar rapidamente no conxunto do país. O 'pico' si chegou case á vez, pero nas residencias a incidencia comezou a descender antes que no resto.

Entre os factores que puideron levar a esta menor mortalidade nas residencias de maiores e tamén ao menor número de contaxios están as restricións impostas polo Goberno galego ás visitas de familiares nestes centros

Entre os factores que puideron levar a esta menor mortalidade nas residencias de maiores e tamén ao menor número de contaxios están as restricións impostas polo Goberno galego ás visitas de familiares nestes centros. En cambio, entre as persoas que viven fóra das residencias producíronse moitos contaxios provocados polas reunións familiares que tiveron lugar no Nadal. 

Outro factor que podería comezar a ter un impacto importante a partir de agora é o proceso de vacinación iniciado en xaneiro e que está a piques que completar a administración das dúas doses da vacina de Pfizer a todos os usuarios, usuarias e persoal das residencias. O 11 de xaneiro a primeira dose fora xa administrada ao 70% dos e das residentes e nos vindeiros días practicamente o 100% destes dous grupos terá recibido a segunda dose.

Parte do descenso que se está producindo en contaxios e, sobre todo, nas mortes pode ser atribuíble ao efecto das vacinas, pero os maiores efectos comezarán a verse nos datos das vindeiras semanas

Cómpre lembrar, iso si, que a vacina de Pfizer que se está a administrar só acada a súa máxima eficacia (un 95%) uns días despois da administración da segunda dose. E, ademais, a vacina non se administra ás persoas que xa están infectadas, polo que naquelas residencias nas que ao longo do mes de xaneiro se produciron gromos aprazouse a administración da vacina ata que as persoas afectadas superararan a enfermidade. Parte do descenso que se está producindo en contaxios e, sobre todo, nas mortes pode ser atribuíble ao efecto das vacinas, pero os maiores efectos comezarán a verse nos datos das vindeiras semanas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.