Dende o inicio da pandemia o persoal sanitario e sociosanitario foi un dos colectivos profesionais máis afectado polos contaxios de Covid-19, ao formar a primeira liña de defensa contra o coronavirus. Estes contaxios non só provocaron a enfermidade entre estas persoas, senón que constitúen un atranco máis para a loita contra esta doenza, debilitando un sistema de saúde xa falto de recursos.
Na última semana 421 traballadores e traballadoras da saúde contaxiáronse en Galicia
O Ministerio de Sanidade publica todos os venres unha actualización semanal do número de diagnósticos neste colectivo en cada comunidade autónoma. Nas últimas semanas o empeoramento da situación epidemiolóxica que vivimos está a provocar un novo incremento no número de contaxios entre estes traballadore e traballadoras.
5.000 profesionais de saúde de Galicia sufriron o contaxio dende o inicio da pandemia o pasado mes de marzo
Así, na última semana 421 persoas máis contaxiáronse en Galicia, un número semellante á da semana anterior. En total, estas cifras elevan a máis de 5.000 a cantidade total de profesionais de saúde que sufriron o contaxio dende o inicio da pandemia o pasado mes de marzo.
Unha parte moi importante tiveron lugar nas primeiras semanas, entre marzo e abril, en boa medida pola carencia de medios de protección individual e ante a ausencia de protocolos axeitados. Entre os primeiros días de maio e o 7 de maio rexistráronse un total de 1.708 casos de coronavirus entre o persoal sanitario galego. A cifra, elevadísima, significaba nesa primeira semana de maio que a metade dos casos activos de coronavirus correspondían a profesionais dos centros sanitarios e das residencias de maiores e dependentes.
Nos últimos 14 días o número de novos diagnósticos de Covid-19 entre o persoal sanitario galego elevouse ata os 60 casos diarios, 5 cada dúas horas
Nos meses seguintes, as maiores medidas de protección e prevención e un descenso na incidencia da enfermidade fixeron que entre o 11 de maio e o 2 de xullo só se rexistraran 34 contaxios entre os profesionais sanitarios galegos. E entre o 2 de xullo e o 22 de outubro foron ao redor de 700 os positivos. A segunda onda da pandemia supuxo unha nova escalada no número de diagnósticos, con case 1.500 entre o 22 de outubro e o 4 de decembro.
Despois de varias semanas cun novo descenso nos contaxios, dende o 8 de xaneiro son máis de 1.200 os novos casos entre o persoal sanitario, 848 deles unicamente nas últimas dúas semanas. Nestes últimos 14 días o número de novos diagnósticos de Covid-19 entre o persoal sanitario galego elevouse ata os 60 casos diarios, 5 cada dúas horas.
Esta elevada incidencia da Covid-19 entre o persoal sanitario fixo que este colectivo fose incluído nas primeiras fases de administración da vacina contra a enfermidade, un proceso que se está a realizar nestas semanas. Cómpre lembrar que a elevada efectividade das vacinas de Pfizer e Moderna só se acada uns días despois da aplicación da segunda dose, que se administra 21 e 28 días despois da primeira, respectivamente.
As últimas cifras do proceso de vacinación indican que en Galicia foron administradas 78.772 doses e que 20.268 persoas recibiron xa a segunda dose. No conxunto do Estado o número de doses aplicadas achégase ao millón e medio, con máis de 250.000 persoas xa coa 'pauta completa', é dicir, coas dúas doses.