Dende o pasado luns o Servizo Galego de Saúde está a aprazar cirurxías non urxentes nas áreas sanitarias da Coruña, Santiago e Ferrol co obxectivo de liberar camas de UCI para o seu uso por parte de pacientes positivos en Covid-19. As operacións afectadas son cirurxías con ingreso complexas que poden requirir no post operatorio o uso de camas de críticos. Con esta "reprogramación" búscase garantir que haxa camas hospitalarias suficientes para facer fronte ao aumento de ingresos que xa se está a producir no marco da terceira onda da pandemia e que continuará a incrementarse nos vindeiros días.
O Sergas sinala que as operacións adiadas son "intervencións cirúrxicas cuxa reprogramación non xera complicación algunha de tipo clínico na natureza médica da mesma". O resto da actividade cirúrxica continuará desenvolvéndose "con total normalidade", indica a Consellería de Sanidade, "dando cobertura a todos os procesos cirúrxicos de natureza oncolóxica, a toda a cirurxía urxente e á cirurxía ambulatoria".
Neste momento o número de camas de UCI ocupadas nos hospitais galegos por pacientes Covid-19 é de 82. Os números achéganse xa ao máximo acadado na segunda onda da pandemia (110), pero están aínda moi lonxe dos niveis que se rexistraran a comezos de abril
Neste momento o número de camas de UCI ocupadas nos hospitais galegos por pacientes Covid-19 é de 82, ao redor do 12% do total. No resto de unidades de hospitalización hai outras 463 camas ocupadas (o 6,5%) do total. Os números achéganse xa ao máximo acadado na segunda onda da pandemia (110 camas de UCI e 516 no resto), pero están aínda moi lonxe dos niveis que se rexistraran a comezos de abril, cando chegou a haber ao redor de 1.100 persoas enfermas de Covid-19 nos hospitais galegos, 168 nas UCI.
Con todo, a situación nas áreas de Ferrol, A Coruña e Santiago é máis preocupante, pois nestas zonas o incremento no número de ingresos nas últimas semanas está a ser máis rápido. Na Coruña, por exemplo, o número de pacientes Covid nas UCI pasou de 17 a 27 dende o 25 de decembro e en Ferrol de 2 a 6. Durante a segunda onda da pandemia a área sanitaria da Coruña-Cee chegou a ter 35 persoas enfermas de Covid-19 nas súas UCI, non lonxe da cifra actual.
O xefe da UCI do CHUAC da Coruña, David Freire, afirma que "a situación é crítica" e pide que a poboación reduza os contactos sociais "ao mínimo"
A decisión adoptada pola Consellaría de Sanidade coincide coa alerta lanzada nas últimas horas polo xefe da UCI do CHUAC da Coruña, David Freire, que afirma que "a situación é crítica, semellante se non peor á de marzo" e que "a UCI ten unha ocupación na unidade COVID próxima ao 75%". Engade, así mesmo, que varios dos pacientes que están a ingresar son máis novos dos que ingresaban na primeira onda e que moitos non teñen patoloxías previas.
Freire pide á cidadanía que reduzan os contactos sociais "ao mínimo", limitando ao máximo as visitas ao hospital e saíndo de casa "o estrictamente necesario". "O mellor aplauso é quedar na casa", conclúe, solicitando esta colaboración en nome do persoal sanitario.