Cifras de récord cun empeoramento notablemente máis veloz ao do único episodio comparable, o do pasado outono. O Servizo Galego de Saúde suma este 14 de xaneiro 1.190 novos casos do coronavirus, os rexistrados entre as seis da tarde do martes e a mesma hora do mércores; deles, 1.025 son diagnósticos mediante PCR. Esta cifra supón bater o propio récord por segundo día consecutivo e só vinte e catro horas despois de sumar máis de mil casos nunha xornada por primeira vez.
O Sergas suma 1.190 novos positivos da COVID-19, o que supón acadar o máximo da serie histórica por segunda xornada consecutiva
Mentres que a comparación coa situación de marzo e abril de 2020 resulta arriscada -daquela, a capacidade de diagnóstico era moi inferior á actual-, o paralelismo co pasado outono si é pertinente e a conclusión é desalentadora. Dende os últimos días do pasado ano, o empeoramento é claro e xeneralizado e a media diaria de novos diagnósticos da última semana disparouse rapidamente ata chegar a un novo máximo dende o inicio da pandemia: máis de 720 casos ao día, cos datos do último día completo dispoñible, o 12 de xaneiro.
A evolución dos novos casos detectados tamén é de récord en termos de días naturais (das 00:00 ás 23:59 de cada día). O 12 de xaneiro, Galicia traspasou por primeira vez o limiar dos mil casos nun día (1.141) e tamén rexistrou por vez primeira máis de mil diagnósticos mediante PCR (1.021).
A incidencia acumulada a 14 días aumenta a ritmo elevado en todas as áreas sanitarias e para o conxunto de Galicia está a piques de superar o pico da vaga do outono
Ás portas da aplicación do novo paquete de restricións por parte da Xunta, os ecos dos encontros do Nadal, Noitevella e Reis -en cuxos días clave estivo permitido traspasar os peches perimetrais para celebrar encontros familiares- xa se perciben con crueza nos datos de incidencia acumulada (casos novos detectados por cada 100.000 habitantes). Cos datos pechados a día 12 -último completo dispoñible-, este indicador xa supera os 334 casos para o conxunto de Galicia e, previsiblemente, este venres igualará ou mesmo superará oficialmente o máximo acadado no outono (342). A diferenza de outubro e novembro, cando o ritmo de empeoramento era dispara entre áreas sanitarias, desta volta os incrementos son igualmente pronunciados en todas elas.
Mentres isto sucede, Sanidade segue comunicando falecementos de persoas que contraeran o coronavirus. Este 14 de xaneiro incorpora ao rexistro oficial outras 6 mortes (tres delas, das últimas vinte e catro horas) ata chegar a un total de 1.480. [A Xunta pecha 63 concellos pola nova vaga da COVID, adianta o toque de queda e restrinxe máis a hostalería]
A incidencia segue disparada en Santiago, coa máis elevada das cidades
Os concellos sen novos casos rexistrados nas últimas dúas semanas son xa menos de medio cento
Como amosa o mapa baixo estas liñas, aínda que o empeoramento é xeneralizado, seguen existindo notables diferenzas territoriais en canto á incidencia acumulada do virus a 14 días. Cando só resta algo menos de medio cento de concellos sen novos casos nas últimas dúas semanas (en decembro chegaron a roldar o centenar), a provincia da Coruña é a que presenta maiores incidencias no conxunto do seu territorio. Dentro dela, destacan concellos da Costa da Morte, de Santiago e da súa contorna e tamén no Ortegal, os municipios lindeiros con concellos da Mariña con incidencias moi elevadas.
No sur, os municipios do Baixo Miño chegan a triplicar a incidencia media de Galicia a 14 días. O mesmo sucede, mesmo con máis intensidade, en concellos suroccidentais da provincia de Ourense. Neste sentido, a Xunta vén poñendo o foco no contacto con concellos do norte de Portugal onde a situación epidemiolóxica é tamén moi desfavorable.
Por cidades, como amosa o gráfico sobre estas liñas, a peor incidencia acumulada a 14 días continúa sendo a de Santiago non só por ser a máis elevada, xa por riba dos 400 casos por cada 100.000 habitantes en dúas semanas, senón tamén porque, tras unhas xornadas de certo acougo, volve dispararse con forza. A tendencia á alza é tamén clara no resto de cidades, aínda que a intensidade en Ourense, A Coruña e Ferrol é moito máis alta que en Vigo e Pontevedra. Lugo, pola súa banda, segue combinando lixeiras alzas con lixeiras baixadas e, con 119 casos por cada 100.000 habitantes, mantén a incidencia máis baixa da Galicia urbana.
Positividade media máis elevada e presión hospitalaria máis acelerada
As 10.752 PCR procesadas nas últimas vinte e catro horas son outro máximo e a positividade media evoluciona peor que no outono
Este elevado afloramento de novos casos do coronavirus prodúcese nuns días nos que o ritmo de realización de probas PCR volve ser notablemente elevado. Os 10.752 test procesados entre as seis da tarde do martes e a mesma hora do mércores supoñen un novo récord nunha xornada (de seis a seis da tarde) e a media diaria da última semana vai camiño de igualar e mesmo superar os máis de 8.000 test por día acadados antes do Nadal, en semanas marcadas por numerosos cribados poboacionais.
Non obstante, prodúcese unha significativa diferenza a respecto de decembro. Mentres que daquela, a realización dos cribados contribuía a baixar as taxas de positividade (porcentaxe de PCR que dan negativo), agora ese indicador elévase dun xeito rápido e constante. Ata o punto de que, en termos de positividade media da última semana, o 9,13% que agora se rexistra é xa a máis elevada dos dous períodos comparables, o pasado outono e finais do verán.
Como amosa o gráfico sobre estas liñas, as taxas de positividade da primeira vaga eran moito máis elevadas tanto para o conxunto de Galicia como en todas as áreas sanitarias. Non obstante, a situación non é equipable mecanicamente porque daquela, o día con máis probas PCR apenas superou 3.700 e na actualidade, a media a sete días xa supera as 7.000, con días rozando as 10.000.
As 545 persoas hospitalizadas con test positivo son 126 máis que hai apenas unha semana
Como adoito, o empeoramento xeral bate tamén nos hospitais. Aínda que desta volta faino tamén cun ritmo máis veloz que en anteriores ocasións. As persoas hospitalizadas con test positivo da COVID-19 son agora 545, o que supón 34 máis que un día antes. Delas, 82 están na UCI (+9) e 463 (+25) en unidades de hospitalización ordinaria.
Hai apenas unha semana, o número de persoas hospitalizadas era de 126 menos. Daquela, nas UCI galegas rexistrábanse 25 persoas menos con test positivo do coronavirus que na actualidade. No anterior pico de hospitalización, o pasado outono, chegou a haber 611 persoas ingresadas ao mesmo tempo con test positivo do coronavirus.
Malia a que algunhas áreas sanitarias aínda rexistran menos hospitalizacións de pacientes coa COVID-19 que as que rexistraban cando, o 11 de novembro, Galicia tocou o teito de ingresos daquela vaga, outras xa superan os niveis daqueles días. É o caso das áreas da Coruña, Santiago e Ferrol.
A carga de traballo aumenta nos hospitais e tamén na Atención Primaria a efectos de detección e seguimento de casos. Non en van, en plena campaña de vacinación, o número de casos considerados como "positivos activos" vén de superar o limiar dos 10.000, cun total de 10.215 que supón estar a piques de igualar os 10.276 que, o pasado 7 de novembro, marcaron o que ata agora era o máximo histórico en Galicia.