En ruta coa enfermería na vacinación contra a COVID: da emoción nas residencias á loita contra a desinformación

Lidia López, á esquerda, coa súa compañeira, preparando as vacinas nunha residencia de maiores CC-BY-SA Praza Pública / Cedida

"Houbo días nos que custaba aguantar as bágoas, custaba non chorar de emoción", di Lidia López. É unha das enfermeiras que participa na campaña de vacinación contra a COVID en Galicia, parte dos equipos que conforman máis de 2.000 profesionais que levan administradas máis de 30.000 doses da vacina contra a COVID ao 70% do persoal e usuarios de residencias de maiores. 

A enfermeira Lidia López relata en Praza.gal unha xornada de vacinación nas residencias de maiores

Enfermeira eventual, como a maioría na sanidade pública galega, pasou por varios postos, traballou nas urxencias e desde finais de ano ocupaba unha vacante nun centro de saúde en Monforte. De aí pasou á campaña de vacinación, un traballo que define como "gratificante" malia a responsabilidade que implica e a un proceso rigoroso e fundamental na loita contra a pandemia que relata con detalle a Praza.gal. 

Enfermeiras do Sergas nunha proba de vacinación CC-BY-SA Xunta

Coordinado desde Santiago e organizado en cada área sanitaria, Lidia empeza a súa xornada consultado o planning, que varía segundo a cantidade de vacinas dispoñibles polo Sergas. "Un ou varios días antes sei xa a onde teño que ir e ímonos organizando", explica quen forma parte dun dos varios equipos de dúas enfermeiras que acoden ás residencias. 

Cada xornada, Lidia comproba o 'planning', carga o material e viaxa en taxi coa súa compañeira á residencia encomendada

No seu caso, correspóndelle a área de Lugo e, máis concretamente, o distrito sanitario de Monforte de Lemos. No inicio da xornada, prepara o material, que lle foi enviado polo Sergas e que inclúe medicación e utensilios para calquera posible reacción adversa ás vacinas ou o ordenador onde as enfermeiras fan un rexistro das doses administradas e das persoas vacinadas. 

Ela e mais a súa compañeira collen cada mañá un taxi --reservado xa no día anterior-- no que poder levar todo este material e diríxense á residencia que lles foi encomendada para ese día. Tamén nestas xornadas de frío, nevaradas e temporal. É no propio centro onde reciben as vacinas, "contadas para as persoas que se deben vacinar en cada xornada"

Un transporte específico do Sergas leva as vacinas a cada centro de maiores e pasa logo a recoller os excedentes e os viais baleiros

Ata alí as doses chegan nun transporte específico do Sergas para as vacinas, que ten un itinerario marcado para ir deixándoas en cada residencia. "En canto rematamos, avisamos e pasan tamén a recoller os excedentes, se é que os hai, e os viais baleiros para levar ben o reconto", explica. 

As vacinas chegan desconxeladas desde Santiago --hai unha marxe de cinco días para administralas desde que saen dos conxeladores-- e as enfermeiras dan rexistro de entrada das doses en canto acceden á residencia. Alí, de inmediato, controlan a temperatura. "É o primeiro que facemos, cuns dispositivos que veñen cos viais e cos que comprobamos a través do ordenador que non se saíron dos límites marcados", conta. 

Equipo de vacinación do distrito de Lugo tentando chegar á Fonsagrada © Colexio de Enfermería de Lugo

A continuación, comproban as listaxes de persoas a vacinar no centro, facilitados pola Consellería de Política Social a cada área sanitaria, e corrixen, de habelos, os erros. "Ás veces faltan usuarios nas listas... Cousas normais", explica Lidia, que insiste en que o labor diario de cada equipo "depende sempre do número de doses dispoñibles". 

"Nun centro pequeno podemos vacinar a todo o mundo nun día, pero nas máis grandes podemos acudir mesmo tres ou catro días"

"Hai ocasións nas que podemos deixar vacinados todos os residentes e traballadores dun centro, pero hai outras nas que faltan persoas na listaxe ou nas que as doses non chegan para residencias con moita xente", aclara. Nese caso, o equipo de vacinación apunta quen falta para volver administrar a vacina nunha "repesca". 

A algunhas residencias con moitos usuarios desprázanse ata dous equipos pero, insiste Lidia, todo depende das doses das que se dispoña. "Nun centro pequeno podemos vacinar a todo o mundo nun día, pero nas máis grandes podemos acudir mesmo tres ou catro días para completar a dose a todas as persoas", aclara quen nunha xornada, xunto coa súa compañeira, chegou administrar 130 vacinas. 

"Foi algo excepcional porque fixemos o traballo de dous días, pero roldamos entre as 60 e as 100 vacinas diarias, dependendo do tamaño do centro", engade tras asegurar que hai xornadas nas que supera o horario marcado e outras nas que aproveita o tempo que lle sobra "para o papeleo". "É moi importante para comprobar os rexistros, organizar as listas de vacinación do día seguinte ou recoller os consentimentos informados de todas as persoas", explica sobre un labor intenso pero "moi gratificante". 

"Houbo días nos que custou aguantar as bágoas; a xente pasouno fatal e recíbete con alegría porque chegas con ese anaquiño de esperanza"

"Está sendo moi bonito e houbo días nos que custou aguantar as bágoas; estamos vacinando xente que o pasou fatal e que te recibe con alegría porque chegas con ese anaquiño de esperanza...", resume emocionada ao lembrar o "dilema" que ás veces ten que resolver para decidir a quen se administra unha dose sobrante cando hai máis dun aspirante ou cando explica a algún ancián que, pola súa situación de saúde, non pode recibir aínda a dose.

Lidia nin tan sequera sabe canto lle van pagar como gratificación polo traballo. Nin tan sequera pode asegurar que lle vaian pagar un extra. Non o pensou. "No momento que me dixeron da posibilidade de incorporarme á campaña de vacinación, dixen que si; comentáronnos que este traballo pagaríase á parte, pero nunca nos concretaron cantidades nin nada; é igual, aquí estou... É moi bonito", conta. 

Vacinas de Pzifer nas dependencias do Sergas en Santiago CC-BY-SA Xunta

"A desinformación e a conspiranoia coas vacinas que se oíron nalgúns medios non fixeron ningún ben"

Refírese, sobre todo, ás mostras de cariño dos máis vellos. "O que máis fan, seguido, é dar as grazas; para eles é unha alegría, aínda que tamén hai quen ten medo e pregunta polos posibles efectos secundarios, pero o certo é que non houbo nada grave, nada que non puidese ocorrer con calquera outra vacina", engade quen critica a "desinformación e conspiranoia": "As cousas que se oíron nalgúns medios non fixeron ningún ben". 

Ela e outras tres compañeiras incorporáronse á campaña de vacinación. "Cubriron a medias, meteron tres persoas no centro de saúde polas catro que estamos vacinando", explica sobre unha circunstancia que, entre a esperanza e a ilusión da campaña, volve deitar luz sobre os problemas que o persoal sanitario --especialmente a enfermería-- sofre en Galicia. 

"Estou totalmente en contra da externalización da vacinación que promulgan algunhas administracións"

Por iso reivindica o "esforzo", unha vez máis, dela e das súas compañeiras "malia os recortes" e a precariedade que sofren e que levan anos denunciando. Tamén Lidia, implicada na loita do colectivo Eventuais en Loita, mobilizado en representación dunhas 7.000 enfermeiras con vinculación temporal coa Administración galega que pelexan por unha maior estabilidade e a mellora das súas condicións laborais. 

Tamén por esa razón, lamenta as "barbaridades" que se escoitan respecto da vacinación. "Neste labor hai que saber anticiparse, valorar os posibles efectos adversos, saber co que se está tratando", reivindica, situándose "totalmente en contra da externalización que promulgan algunhas administracións". 

Vacinación na residencia Santa Ana de Ponteareas, o 29 de decembro de 2020 CC-BY-SA Xunta

"Debemos tranquilizar a poboación porque por enfermeiras non vai ser, por nós non vai quedar sen inmunizar ninguén; dependemos da loxística, de que haxa vacinas e de que as administracións respondan, pero somos nós as que podemos asegurar a administración da vacina nun medio seguro e de calidade", di Lidia, asumindo tamén as demandas de Eventuais en Loita. 

"A vacinación non parará en ningún momento pola nosa falta"

"Algúns responsables políticos están a poñer en dúbida a capacidade das enfermeiras como encargadas desta campaña vacinal tan importante, e mesmo hai propostas estériles e ineficaces como a autovacinación cidadá, a vacinación pola ventanilla do coche ou por parte de persoal sanitario non capacitado", lembra o colectivo, que advirte de que "xa existen profesionais perfectamente capacitadas" para levar a cabo as campañas. 

"Debemos tranquilizar a poboación porque por enfermeiras non vai ser, por nós non vai quedar sen inmunizar ninguén"

"Somos as enfermeiras quen, a pesar de sufrir recorte tras recorte, volveremos demostrar sobradamente o noso valor e mesmo poderemos dotar dunha maior velocidade á campaña de vacinación contra a COVID", di Eventuais, que rexeita "de pleno" a externalización deste servizo, "tal e como se está a facer nalgunha comunidade autónoma, con calquera empresa privada ou organización".

"Imos poñer a nosa total disposición para vacinar a toda a sociedade galega, facendo o necesario para garantir a sua inmunidade. A campaña de vacinación contra o coronavirus, non se parará en ningún momento pola nosa falta", insiste o colectivo. Tamén Lidia. Que volverá cargar co seu material no taxi, volverá comprobar as listaxes e a temperatura das vacinas e volverá escoitar e sentir a emoción dos usuarios das residencias logo de seren vacinados. "Porque é moi bonito, as cousas como son", resume. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.