O Sergas comeza este mércores a vacinar contra a COVID o persoal sanitario

Vacinación na residencia de Burela, o 29 de decembro de 2020 CC-BY-SA Xunta

O Sergas comezará este mércores 13 de xaneiro a vacinar contra a COVID o persoal sanitario. Ao tempo que remata a administración da primeira dose nas residencias de maiores --o 70% dos residentes e traballadores destes centros en Galicia xa a recibiu--, comezará tamén a poñérllela ao persoal da sanidade. 

O Sergas comeza este mércores a vacinar o persoal sanitario cunha primeira dose dirixida a todos os traballadores e non só á "primeira liña" contra a COVID

Segundo confirmaron a Praza.gal fontes do persoal do Sergas, centros de saúde e hospitais están xa recibindo notificacións, nalgún caso para que os seus traballadores se presenten mañá mércores nos lugares determinados de vacinación para comezar con esta campaña, que en principio ía destinada aos sanitarios "en primeira liña" contra a COVID, pero que finalmente irá dirixida a todos sen excepción. 

As vacinas de Pzifer chegaron a Galicia nun furgón da loxística UPS e foron entregadas á Xunta (na imaxe) coa supervisión do Ministerio de Sanidade © Delegación en Galicia do Goberno de España

A previsión é que, dunha única vez, sexa administrada a primeira dose da vacina a todo o persoal de cada centro de saúde, que debe remitir ao Sergas unha listaxe daquelas persoas que non están dispostas a ser vacinadas. 

Ao tempo que comeza esta segunda fase da vacinación, Sanidade ten previsto que esta semana conclúa a administración da primeira das dúas doses da vacina nos centros de maiores do país libres de gromos de infección de coronavirus. Logo procederá coa segunda e última rolda e coa repesca daqueles residentes ou traballadores aos que non lles foi administrada da primeira vez. 

España recibiu este martes as primeiras doses da vacina de Moderna

Por outra banda, España recibiu este martes as primeiras doses da vacina de Moderna, que será distribuídas nos vindeiros días ás comundiades autónomas. Esta primeira remesa é de 35.700 doses e espérase, segundo informou o ministro de Sanidade, Salvador Illa, que cheguen un total de 599.500. 

Na cuarta semana de xaneira recibiríanse en España 52.000 doses, na primeira de febreiro 127.900 e na terceira, 383.900. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.