O número de camas ocupadas por persoas enfermas de COVID triplicouse nas últimas tres semanas e segue a medrar

CC-BY-SA Sergas

A situación nos hospitais galegos continúa a empeorar. Dende hai semanas o persoal sanitario vén advertindo da perigosa situación de saturación provocada pola terceira vaga da pandemia de Covid-19 e a propagación da enfermidade dende mediados de decembro e especialemente durante o Nadal. De momento, o número de ingresos provocados polo virus continúa a aumentar e xa se sitúa moi por riba do nivel acadado nos meses de marzo e abril. 

Este venres a Consellaría de Sanidade informa de 1.643 novos casos de Covid-19 en Galicia, dos que 1.390 corresponden a diagnósticos realizados nas últimas 24 horas por proba PCR

Ademais, o 'pico hospitalario' (o momento no que o número de camas ocupadas por pacientes COVID deixe de aumentar) semella aínda lonxe, pois aínda estes días se está chegando ao punto máximo de novos diagnósticos. Esa é a única boa nova. A taxa de positividade (porcentaxe de probas de detección cun resultado positivo) deixou de aumentar hai uns días, iniciando de vagar unha tendencia á baixa e este xoves o Ministerio de Sanidade informou por primeira vez dunha diminución en Galicia da Incidencia Acumulada a 7 días (número de casos por habitante detectados na semana anterior). 

Porén, o número de camas ocupadas nos hospitais galegos seguirá medrando cando menos unha semana máis e o cambio de tendencia aínda tardará máis en chegar no que atinxe ás camas de UCI e tamén no número de mortes provocadas pola enfermidade.

Galicia está acadando o 'pico' de novos diagnósticos. Porén, o 'pico hospitalario' tardará en chegar aínda unha semana cando menos

Este venres a Consellaría de Sanidade informa de 1.643 novos casos de Covid-19 en Galicia, aínda preto dos máximos acadados días atrás, por riba dos 1.800 novos casos diarios. Deses 1.643 novos positivos, 1.390 corresponden a diagnósticos realizados nas últimas 24 horas por proba PCR e o resto a casos de días anteriores que se engaden á serie. A cifra de positivos diarios iniciou nos últimos días un descenso que debería continuar nas vindeiras semanas, pero que probablemente tardará bastante tempo en acadar os niveis anteriores ao Nadal.

Este xoves acadouse un novo récord de PCR realizadas nun día: 13.653

En parte, estas elevadas cifras de novos diagnósticos son tamén consecuencia dun alto nivel de probas de detección realizadas. Galicia leva tres semanas encadeando récords diarios de PCR realizadas, o que de novo sucedeu este xoves, con 13.653 tests. A media diaria na última semana (12.435) é a máis elevada dende o inicio da pandemia e duplica o número de probas que se levaban a cabo nas dúas semanas de Nadal.

Nas últimas dúas semanas engadíronse 221 novas mortes, unha cifra só rexistrada nos peores momentos da primeira onda da pandemia.

Súmanse 30 novas mortes, que elevan a 1.718 a cifra total dende o mes de marzo

A peor nova é que seguen a sumarse novos falecementos provocados pola COVID-19. Este venres súmanse 30 novas mortes, que elevan a 1.718 a cifra total dende o mes de marzo, aínda que unicamente 14 corresponden a defuncións producidas nas últimas 24 horas, mentres que o resto corresponden a días anteriores.

A área sanitaria da Coruña, que suma nove mortes, chega xa a 400 defuncións dende o inicio da pandemia. A de Ourense (7 mortes máis) suma 347 dende marzo e a de Vigo (2 máis) chega a 318.

Este venres a taxa de positividade semanal sitúase no 10,21%, fronte ao 10,94% de hai oito días

A taxa de positividade é un dos indicadores que leva días amosando unha mellora da situación e unha redución na circulación do virus en Galicia. A porcentaxe media de probas positivas nos últimos sete días leva unha semana en descenso, aínda que esta diminución é aínda moi lenta e, de feito, constitúe máis ben unha 'meseta'. Este venres a media semanal sitúase no 10,21%, fronte ao 10,94% de hai oito días. Aínda moi lonxe do 5% que a OMS establece como referencia e máis aínda do 3,6% que se chegou a rexistrar uns días antes da Noiteboa.

A Coruña, Ferrol e Pontevedra seguen a ser as áreas cunha maior porcentaxe de probas positivas, ao redor do 12%

A Coruña, Ferrol e Pontevedra seguen a ser as áreas sanitarias cunha maior taxa de positividade, ao redor do 12%. As restantes áreas sitúanse lixeiramente por debaixo do 10%. A tendencia xeral é dun lento descenso, algo máis rápido na Coruña e Ferrol (as que estaban nunha peor situación hai uns días) e cun empeoramento en Pontevedra.

84 localidades teñen máis de 1000 casos por habitante. Poio é a vila con peores datos

A Incidencia Acumulada segue en niveis moi elevados na maior parte de Galicia e o virus esténdese por case todos os concellos. De feito, unicamente 13 localidades non rexistraron ningún caso nas últimas dúas semanas. Unha semana antes do Nadal había máis de cen concellos 'libres' de coronavirus.

Leiro, Moeche e Oímbra son os tres concellos cunha maior incidencia acumulada, pero hai 24 localidades con cifras por riba dos 2.000 casos por cada 100.000 habitantes nas últimas dúas semanas. Un total de 84 concellos teñen incidencias por riba dos mil casos. Unha parte importante deles sitúanse no sur das provincias de Ourense e Pontevedra, preto da fronteira con Portugal, que está a vivir unha situación aínda máis grave.

Só 13 concellos están libres de Covid-19

Poio (IA de 2.337) é o concello de máis de 10.000 habitantes con máis casos por habitante e outras localidades de importancia, como Xinzo de Limia, Padrón, Arteixo ou Betanzos roldan os 2.000 casos.

As cidades empeoran os seus datos este venres

Nas cidades, a mellora que nos últimos días semellaban rexistrar Santiago, Ferrol ou Vigo convértese este venres en novos ascensos no número de casos activos. Ourense (que leva días estabilizada) e A Coruña son as dúas urbes cunha maior Inicidencia Acumulada, ao redor dos 900 casos por cada 100.000 habitantes nos últimos 14 días. O resto presentan incidencias inferiores, pero todas en ascenso.

Este venres rexístrase un novo récord de camas ocupadas, tanto nas UCI (210 fronte ás 193 deste xoves) como no resto de hospitalizacións (1.121 fronte a 1.086)

Nos hospitais este venres rexístrase un novo récord de camas ocupadas, tanto nas UCI (210 fronte ás 193 deste xoves) como no resto de hospitalizacións (1.121 fronte a 1.086). O número de camas ocupadas sitúase moi por riba peor nivel acadado na primeira vaga da pandemia (177 nas UCI, 1.046 no resto) e duplica os datos da peor semana da segunda onda, o pasado outono.

O número de camas ocupadas triplicouse nas últimas tres semanas. O pasado 9 de xaneiro había 63 pacientes COVID na UCI e 342 no resto de unidades.

O número de camas ocupadas triplicouse nas últimas tres semanas

As áreas da Coruña, Santiago, Ourense, Pontevedra e Ferrol continúan a ser as áreas nunha peor situación, mentres que Vigo e Lugo rexistran un menor número de ingresos nas UCI. No seguinte gráfico pode comprobarse a avolución seguida polas cifras de ocupación de camas nos hospitais de cada área sanitaria dende o mes de novembro. Todas elas superan en moito o peor nivel acadado na segunda onda e a tendencia é aínda dun ascenso acelerado.

Nas residencias de maiores e de atención á discapacidade o número de casos activos de Covid-19 ascende este venres ata os 560 (entre os usuarios e usuarias) e 308 (entre o persoal), fronte aos 536 e 300 de onte. Destaca o incremento de positivos na residencia DomusVi Carballo (9 novos casos), na residencia Mi Casa Ferrol (12 novos casos), na residencia de Bande (5 novos casos) e na residencia para persoas con discapacidade Pai Menni de Betanzos (11 novos casos).

A Residencia DomusVi Carballo (108 casos), a Residencia Nosa Señora do Carme de Sarria (62 casos) e a Residencia Quercus de Leiro (87 casos) son os centros cun maior número de positivos neste momento.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.