Galicia albisca o pico de incidencia da COVID con hospitais ao límite e unha media de 16 mortes diarias

Unha traballadora do hospital de Ourense que atende pacientes coa COVID, nunha imaxe divulgada pola área sanitaria ourensá CC-BY-SA Foto: Sergas | Montaxe: Praza Pública

Apúntano os datos e coinciden diversas voces dende os centros sanitarios. Galicia albisca o pico da terceira vaga do coronavirus. A que comezou a inchar coa ponte da Constitución, na que fora presentada como "segunda desescalada", e rebentou de vez en canto comezaron a aflorar os contaxios das semanas do Nadal, Aninovo e Reis. Pero esas mesmas voces tamén coinciden noutro aspecto clave: igual que o incremento de contaxios e de casos detectados repercute nos hospitais cunha ou dúas semanas de demora, o mesmo vai suceder con este posible freo.

O  incremento de hospitalización é o menor nun día dende mediados de mes pero os pacientes na UCI con test positivo da COVID son outro máximo da pandemia, con 193

O Servizo Galego de Saúde está baixo unha presión sen precedentes por mor da COVID-19 e son varios os hospitais galegos que admiten estar ao límite. Os datos deste 28 de xaneiro tren consigo o menor incremento na hospitalización total dende mediados de mes (1.279, +8), con 7 persoas menos en unidades de hospitalización ordinaria con test positivo. Pero tamén son 400 máis que unha semana antes e implica que a ocupación das UCI siga aumentando, con 5 persoas máis ata un total de 193. Todas estas cifras seguen por riba do pico de presión hospitalaria da primeira vaga.

A presión é moi alta nos hospitais e ségueo sendo tamén no resto do sistema sanitario galego. Os positivos activos seguen aumentando, aínda que con menor intensidade por efecto das altas de persoas que se contaxiaran o comezo do período das festas. Así e todo, as 21.613 comunicadas este xoves supoñen outro novo récord, con máis de 20.300 con illamento domiciliario prescrito, o que implica máis esforzos para os centros de saúde no traballo de seguimento e rastrexo. [A pandemia rebenta as costuras da Atención Primaria entre a "frustración" do persoal]

Dous días da última semana rexistraron 22 mortes de persoas que contraeran a COVID-19 e o total chega a 1.688

Os hospitais perciben cun certo retardo as explosións de contaxios e o mesmo acontece coas cifras de mortalidade. O acontecido nas semanas do Nadal golpea con dureza nas cifras de mortalidade dende hai algo máis dunha semana. Sanidade incorpora este xoves a confirmación de ata 27 falecementos de persoas que contraeran a COVID-19. Nove deles son das últimas vinte e catro horas e os restantes, de días previos. 

En menos dunha semana, Galicia rexistrou dous días con máximos no número de persoas falecidas que contraeran o virus. O venres da semana pasada, día 22, morreron vinte e dúas persoas e o martes desta semana, día 26, outras vinte e dúas. Isto supón unha media de arredor de 16 mortes ao día na última semana. O total chega así a 1.688.

Alén das cifras globais, estes falecementos traen consigo tamén outros aspectos salientables. A maior parte das persoas falecidas coa COVID-19 seguen sendo poboación de idade avanzada, se ben nos últimos días Sanidade confirmou tamén mortes de varias persoas de apenas 60 anos. Ademais, nos decesos notificados o peso das persoas anciás que viven en residencias tende a descender, mentres semella aumentar a proporción de persoas que morren tras infectárense noutros lugares.

Os novos casos e algúns sinais de que o freo se aproxima

Mentres Galicia estrea o paquete de restricións xerais máis estrito dende o confinamento da primavera de 2020, o Sergas continúa computando máis de mil casos novos cada xornada. Nas últimas vinte e catro horas (entre as seis da tarde do martes e a mesma hora do mércores) foron 1.468; deles, 1.121 diagnósticos mediante PCR. Son xa máis de dúas semanas por riba dos mil casos detectados cada día (de seis a seis da tarde) e tamén en termos de días naturais (todos os días das últimas dúas semanas agás un). 

Con estas cifras, a media diaria de diagnósticos mediante PCR segue aumentando con arredor de 1.300. Mais sendo isto certo, non o é menos que, tal e como amosa o gráfico sobre estas liñas, ese valor medio decelera o seu incremento, cunha liña cada vez máis inclinada que tamén suxire unha relativa proximidade do pico.

A incidencia a 14 días medra a menor ritmo, pero segue marcando máximos da pandemia cada día

Ese relativo e aínda frouxo acougo trasládase tamén a algúns valores da incidencia acumulada a 14 días. Para o conxunto de Galicia, este indicador supera os 740 casos por cada cen mil habitantes malia á moderación no seu incremento. Sobre o mapa, os concellos con moi altas incidencias son aínda moi numerosos, con case 180 municipios con máis de 500 casos novos por cada cen mil habitantes en dúas semanas e arredor de 80 por riba dos mil mentres son só 15 os que non rexistraron ningún positivo novo nas últimas dúas semanas. [A expansión da COVID por Galicia rebaixou dende decembro de 100 a 16 os concellos libres de contaxios]

Pero tamén nesa incidencia sobre o territorio se comezan a albiscar algúns sinais positivos, aínda escasos e leves. É o caso da incidencia acumulada nas sete principais cidades. A que viña trazando peor evolución dende despois da ponte da Constitución, Santiago, encadea dous días de descenso da súa incidencia acumulada por primeira vez dende Noiteboa e logra baixar dos 700 casos por cada cen mil habitantes. Ademais, Vigo semella transitar polo que podería ser o seu pico de incidencia e Ourense e A Coruña, as que seguen tendo incidencias máis disparadas, apuntan a unha moderación da súa evolución.

Os indicadores de razón de taxas (as incidencias acumuladas a 7 e 14 días comparados cos dos mesmos días da semana precedente) camiñan tamén nesta mesma dirección. Dende mediados de mes, ambos indicadores apuntan a que as dúas incidencias moderan o seu crecemento para o conxunto de Galicia, o cal non quere dicir que aínda non aumenten. Isto non sucederá ata que ambas liñas crucen o limiar do 1, o cal non sucede en Galicia dende os primeiros días de decembro.

Novo récord diario de probas PCR á espera dun descenso claro da positividade

Mentres o sistema sanitario agarda que as restricións acabadas de inaugurar contribúan a acelerar e fortalecer estes primeiros sinais de relativa mellora, o número de probas PCR procesadas cada día segue en máximos da pandemia. Foron máis de 12.700 na última xornada e o último día completo con datos dispoñibles, o martes 26, converteuse no día con máis PCR procesadas ao chegar ás 12.998 [a serie completa de datos, nesta ligazón].

A taxa media de positividade das probas PCR a 7 días segue estancada entre o 10% e o 11%

Este alto número de probas PCR procesadas está intimamente relacionado coa realización de cribados masivos en diversos puntos do país, os cales inciden tamén nas taxas de positividade (porcentaxe de probas que dan positivo), toda vez que cantos máis test se realicen a persoas sen síntomas, máis posibilidades existen de que aumente o número de negativos. Neste contexto, a positividade media a sete días segue estancada entre o 10% e o 11% para o conxunto de Galicia, alternando lixeirísimas subas e baixadas nos últimos días. Así e todo, o relativo acougo en áreas con positividades moi altas convidan a pensar que, de seguir a tendencia, a vindeira semana este indicador si podería mellorar con algo máis de claridade.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.