O presidente asegura que “o 87%, 8.400, cuarentenáronse antes de ir ás aulas”, limitando así ao 13% os casos detectados no propio ensino
Este mércores a Xunta informou de que hai un total de 3.400 casos activos de coronavirus entre o alumnado do ensino non universitario e das escolas infantís. O Goberno galego non vén informando dos novos casos que se van rexistrando cada día senón só dos casos activos en cada momento, pero este mércores o propio Feijóo revelou o dato do total de casos acumulados desde o comezo do curso durante a súa comparecencia no Parlamento de Galicia. [Feijóo quenta a reunión que terá con Pedro Sánchez acusándoo de primar o feminismo e o PSOE á loita contra a COVID].
O presidente asegurou que o ensino é “seguro” e dixo que “dos 9.622 casos acumulados na educación, foron fóra das aulas o 87%, 8.400, que se cuarentenaron antes de ir á aula porque tiñan o virus en circunstancias sociais normais”, limitando así ao 13% os casos detectados no propio ensino. Sen ter en conta as escolas infantís, en Galicia hai unhas 400.000 persoas entre alumnado e profesorado -os colectivos dos que informa a Xunta- desde a Educación Infantil ata o Bacharelato, incluíndo a Formación Profesional.
Feijóo contextualizou tamén algunha das cifras que ofrece a diario a Xunta, como o número de aulas pechadas, actualmente 160, salientando o funcionamento como aulas burbullas e que en moitos casos “se hai un positivo se pecha a aula completa porque aos nenos evidentemente non lles podemos dicir que non se aproximen a outros nenos”.
Actualmente hai 160 aulas inactivas e 9 centros pechados por completo, 8 deles escolas infantís de pequeno tamaño
Na liña do argumentado por Feijóo, e segundo os datos divulgados este mércores, correspondentes a este martes, ademais dos 3.400 casos activos e 160 aulas pechadas, son 9 os centros pechados por completo, todos eles salvo un -o Centro de Educación Especial de Miño- escolas infantís de pequeno tamaño que pola idade do alumnado non está obrigado a usar máscara.
Entre as novas restricións que veñen de entrar en vigor este mércores a Xunta non contempla ningunha para o ensino infantil e obrigatorio, mentres que as clases nas universidades adían o seu comezo ata o 8 de febreiro, cando comezarán de xeito telemático, ao igual que tamén a distancia terán que seguir desde xa as escolas de idiomas e conservatorios.