As tres universidades galegas retomarán as clases o 8 de febreiro, tras o período de Nadal e dos exames -presenciais como norma xeral-, e farano, cando menos durante unha semana, a través de internet. É unha das restricións aprobadas pola Xunta este luns dentro do novo paquete de medidas contra a COVID-19, que serán publicadas no Diario Oficial de Galicia este martes, 26 de xaneiro.
Dentro das novas restricións da Xunta, as tres universidades retomarán as clases a través de internet o 8 de febreiro, inicialmente por unha semana
A restrición á presencialidade nas aulas universitarias -que os equipos reitorais das universidades de Santiago, A Coruña e Vigo xa están a comunicar ao profesorado e alumnado- non atinxe ao conxunto do ensino. Afirma Alberto Núñez Feijóo que, atendendo ás cifras de casos do coronavirus vinculados con colexios é institutos, é posible afirmar que "as aulas seguen sendo un lugar ben seguro" e, por este motivo, o Goberno galego non contempla activar, cando menos de momento, a opción non presencial.
Os datos máis recentes de casos activos da COVID-19 vinculados ao ensino (que non inclúen á universidade) son os divulgados pola Xunta o pasado sábado e ían na liña ascendente que veñen marcando dende despois das vacacións de Nadal. Os 2.754 positivos activos cos que finalizou a semana pasada nos centros educativos supuña outro máximo dende o inicio do curso, se ben a incidencia de casos activos sobre o total de profesorado e alumnado (unhas 300.000 persoas) veu sendo semellante ou mesmo inferior á do conxunto de Galicia.
Como no conxunto de Galicia, o número de positivos "activos" ligados aos centros de ensino aumentou en maior medida tras o Nadal
Á hora de ollar estes datos cómpre ter en conta, non obstante, que a liña da evolución dos casos de coronavirus vinculados ao ensino amosa só a foto fixa de cada xornada. Ao contrario do que sucede cos datos xerais, o Goberno galego non revela o número de altas que se producen entre alumnado e profesorado, polo que non é posible coñecer os casos novos e tampouco obter unha suma, un acumulado do total de positivos rexistrados no que vai de curso.
Durante o pico da pandemia do pasado outono, as aulas pechadas en Galicia apenas superaran as 70; agora, cos últimos datos da pasada semana, xa son case o dobre
A pasada semana foi tamén a que acadou un maior número de aulas co seu alumnado en corentena por mor da existencia de positivos da COVID-19, un total de 135. O anterior máximo rexistrárase en novembro, nas semanas de maior número de casos do coronavirus no conxunto de Galicia, e apenas superara as 70 aulas pechadas ao mesmo tempo. Tampouco neste indicador existe información pública que permita coñecer o número acumulado de aulas que tiveron que pechar por esta razón.
No remate do primeiro trimestre escolar, sindicatos do ensino, organizacións estudantís e asociacións de pais e nais asociaron a situación relativamente controlada da COVID-10 nas aulas ao "comportamento exemplar" do alumnado no cumprimento das medidas de seguridade. O sindicato maioritario do sector, CIG-Ensino, considerou que este comportamento, unido ás medidas adoptadas polo profesorado, compensaron o que consideran medidas "improvisadas" da Xunta e mesmo as súas "ordes contraditorias" cando se detecta un posible positivo.