A maior parte dos exames universitarios do primeiro cuadrimestre, iniciados xa na USC e na Uvigo e que na UDC comezarán o luns 18, serán presenciais. Grupos de estudantes alertaran nos últimos días da posibilidade de contaxios de Covid-19 nestas probas e reclamaran que todos os exames se realizasen de forma online, como unha forma de reducir os risco no contexto da terceira onda da pandemia. Porén, as tres universidades galegas e a Xunta garantiron nas últimas horas a "seguridade" destas probas, que manterán o seu formato presencial para asegurar a igualdade de oportunidades para todo o alumnado.
Núñez Feijóo defendeu a realización de exames presenciais e subliñou que as tres universidades xa están a poñer en marcha medidas para limitar os riscos e garantir a seguridade
Este mércores, na rolda de prensa na que Alberto Núñez Feijóo detallou as novas restricións aprobadas para conter o incremento de contaxios, o presidente da Xunta defendeu a realización de exames presenciais e subliñou que as tres universidades xa están a poñer en marcha medidas para limitar os riscos e garantir a seguridade. Así, os exames online serán unicamente unha excepción, reservada para algunhas materias en función de cuestiones particulares.
Nas últimas semanas, grupos de estudantes das tres universidades galegas impulsaran varias iniciativas na rede reclamando que os exames de xaneiro, correspondentes ao primeiro cuadrimestre, se puidesen realizar de forma online "por motivos de saúde pública". Algunha destas peticións en plataformas como change.org demandaban a suspensión dos exames presenciais, sinalando por exemplo que "moitos dos estudantes da UDC conviven con persoas de risco e existe un medo xeneralizado entre o alumnado".
Nas últimas semanas, grupos de estudantes das tres universidades galegas impulsaran varias iniciativas na rede reclamando que os exames de xaneiro se puidesen realizar de forma online, suprimindo as probas presenciais
Outra das peticións, dirixida á Universidade de Vigo, facía fincapé no perigo de posibles contaxios provocados polas "aglomeracións que se poden producir, tanto fóra como dentro da aula, nas probas escritas" e, igualmente, "nos desprazamentos que se poden producir de cidade en cidade, xa que a maioría dos/as estudantes residen fóra da cidade de estudo e terían que convivir con compañeiros/as de piso que se atopan na mesma situación".
Porén, as propias universidades, ao igual que outros grupos de estudantes preocupados polo prexuízo que a realización de exames online podería provocar para parte do alumnado, defenderon a importancia de manter a presencialidade das probas.
A USC sinalou que, mentres que as autoridades sanitarias non recomendasen o contrario (algo que de momento non sucedeu nin está previsto), os exames serán realizados de forma presencial "extremando as medidas de seguridade", destacou o reitor Antonio López. As facultades poden optar pola realización de exames online, presenciais ou pola avaliación continua, como quedou recollido na guía elaborada hai meses para o funcionamento do curso universitario no contexto da pandemia, e de feito cada departamento optará por distintas fórmulas.
As tres universidades galegas e a Xunta garantiron nas últimas horas a "seguridade" destas probas, que manterán o seu formato presencial para asegurar a igualdade de oportunidades para todo o alumnado
O reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, defendeu tamén que "os exames ideais son os presenciais” e garantiu que se van respectar as máximas medidas de seguridade. A Uvigo empregará o pavillón deportivo do campus de Vigo para realizar parte dos seus exames. A Universidade de Vigo destaca ademais que non recibiu ningunha petición formal por parte do estudantado para a supresión dos exames presenciais, e tampouco a cargo do Consello do Estudantado.
As universidades barallan fórmulas para incrementar a seguridade, como a realización dos exames en varias quendas separadas para evitar aglomeracións na entrada e saída e a masificación das aulas
Ademais das medidas de seguridade xa existentes, as universidades galegas están barallando novas fórmulas para reducir ao máximo as posibilidades de contaxios. Por exemplo, a realización dos exames en varias quendas separadas para evitar aglomeracións na entrada e saída e permitir que os grupos que se xunten no mesmo espazo sexan o máis reducidos posible.
As distintas facultadas poderían facer uso, ademais, de máis aulas para a realización simultánea das probas destes grupos divididos, xa que xaneiro non é un mes lectivo e polo tanto todos os espazos están baleiros. Quérese garantir, ademais, que as aulas de realización das probas estean correctamente ventiladas, mantendo as fiestras abertas sempre que se poida.
Exames presenciais, pero garantindo a seguridade
O estudantado de Económicas da UDC propón que os exames se realicen repartindo o alumnado en varias aulas, en grupos pequenos, e asegurando que as fiestras e portas se manteñen abertas
Pola súa banda, este mércores un grupo de estudantes da Facultade de Económicas da Universidade da Coruña criticou o espazo escollido para a realización dos exames neste centro, a Aula Magna, pois carece de ventilación, o que podería supor un risco de contaxio, tendo en conta o grande número de estudantes que deberán realizar o exame ao mesmo tempo e a gran duración destas probas.
O estudantado propón que os exames se realicen mantendo as mesmas medidas de prevención seguidas nos últimos meses, durante as clases impartidas dende outubro: repartindo o alumnado en varias aulas da facultade, en grupos pequenos, e asegurando que as fiestras e portas se manteñen abertas para conseguir unha axeitada ventilación.