A Xunta recúa e retira a súa proposta para xeneralizar a docencia online nas universidades da man dunha fundación privada

Xuntanza do grupo de traballo para a posta en marcha da iniciativa de docencia online CC-BY-SA Xunta

A Consellaría de Educación vén de anunciar que retira a proposta realizada hai uns días ás universidades galegas para levar a cabo unha rápida transformación do modelo de docencia, que pasaría a ser online en boa parte dos contidos teóricos. O denominado 'Programa de transformación á docencia innovadora' iniciaríase en fase piloto e voluntaria no curso 2020-21 e xeneralizaríase no curso 2021-22, no que se implantaría este modelo na maioría das titulacións de grao universitario impartidas polas universidades galegas.

O proceso, que se completaría no curso 2021-22, ía ser coordinado pola Fundación Empresa-Universidade Galega 

O proceso ía ser "coordinado e apoiado" pola Fundación Empresa-Universidade Galega (FEUGA), de tipo privado, e sería supervisado academicamente pola Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG). Precisamente o papel outorgado a esta fundación privada, conformada por grandes empresas como Naturgy, Endesa, BBVA, La Voz de Galicia ou Caixabank, Pescanova, ENCE ou Sabadell, foi un dos aspectos máis críticados na proposta realizada polo Goberno galego. O sindicato CIG-Ensino dixo, por exemplo, que o proxecto implicaba o "desmantelamento" da universidade pública de calidade en Galicia. Unha valoración semellante á realizada pola Asemblea de Investigadoras de Compostela.

Teledocencia © Uvigo

A Xunta sinalou precisamente estas críticas como o motivo que a leva a retirar a proposta, sinalando que o fai "ante a utilización da iniciativa para a confrontación que están a facer determinados colectivos". Nunha nota de prensa, a Consellaría de Educación sinala que a súa proposta buscaba avanzar "nun ensino público universitario innovador e de calidade" e que o modelo de docencia mixta (presencial e online) está a ser implantado por "diversas universidades de todo o mundo".

Educación di que toma esta decisión "ante a utilización da iniciativa para a confrontación que están a facer determinados colectivos"

Desde a Secretaría Xeral de Universidades "laméntase" que o alumnado das universidades públicas galegas "perda esta oportunidade de dispoñer de máis graos semipresenciais con docencia innovadora xa o vindeiro curso". En calquera caso, as universidades que desexen transformar algún título de grao á modalidade semipresencial poderán facelo co calendario habitual deste proceso, que remata o 1 de agosto de cada ano, e se implantaría no curso 2021/2022.

A pasada semana a conselleira Carmen Pomar presidiu a reunión do grupo de traballo para a posta en marcha desta iniciativa, con representación das propias universidades, da ACSUG, de Feuga e do Sergas, distribuíndo un borrador da proposta, que funcionaría como documento de traballo. 

A CIG alertara de que o plan desvirtuaba "o carácter presencial das nosas institucións, destruíndo a relación entre os docentes e os estudantes e a vida universitaria entre o estudantado"

Na introdución do documento destacábase que o momento actual, no que as universidades levan dous meses funcionando online, "semella o idóneo para, cara ao vindeiro curso 2020-21, dar un salto inda maior que aproveite, estenda e consolide todo o labor formativo e de emprego masivo de ferramentas informáticas de comunicación polo profesorado universitario". Un argumento, o da oportunidade xerada pola pandemia, repetido este martes pola Consellaría, que destacou que "o esforzo feito polas universidades galegas tras a suspensión de clases presenciais para potenciar sistemas de avaliación continua e exames finais en liña" podería ser a base para seguir avanzando cara a semipresencialidade en determinados graos", de forma voluntaria, engade.

"Profundaría nas desigualdades económicas e tecnolóxicas xa existentes", criticou a Asemblea de Investigadoras de Compostela

Pola contra, tanto CIG-Ensino coma a Asemblea de Investigadoras de Compostela como outros colectivos alertaban de que o programa buscaba "desvirtuar o carácter presencial das nosas institucións, destruíndo a relación entre os docentes e os estudantes e a vida universitaria entre o estudantado" e, igualmente "restar espazo ás universidades públicas, desfigurándoas". Así mesmo, sinalábase que a proposta da Xunta "supón un ataque sen precedentes ao principio de equidade educativa, pois profundaría nas desigualdades económicas e tecnolóxicas xa existentes e aumentaría a fenda social que percorre a nosa sociedade". 

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.