A CIG ve no plan da Xunta para xeneralizar a docencia online o "desmantelamento" da universidade pública de calidade

O curso 2021/2022 sería o de implantación deste modelo na maioría das titulacións © Uvigo

O curso 2021/2022 sería o de implantación deste modelo na maioría das titulacións

O pasado martes a Consellería de Educación anunciou que traballa coas universidades galegas na implantación da docencia mixta, online e presencial, a partir do vindeiro curso, seguindo o modelo denominado blended learning. Con ese obxectivo, conformouse un grupo de traballo para a posta en marcha desta iniciativa que se desenvolverá a través dun Programa de transformación á docencia innovadora no SUG.

O proceso iniciarase en fase piloto e voluntaria no curso 2020/2021. Os centros que decidan adherirse ao programa neste momento comprométense a impartir integramente as materias dun título de grao mediante este sistema de docencia mixta. O curso 2021/2022, de xeneralización, sería o de implantación deste modelo na maioría das titulacións de grao universitario impartidas polas universidades do SUG, de xeito que dentro de ano e medio a maioría dos graos poderían ser semipresenciais, impartíndose a docencia teórica de forma online. 

Todo o proceso será coordinado apoiado pola Fundación Empresa-Universidade Galega (FEUGA), de tipo privado, e supervisado academicamente pola Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG).

"É un auténtico plan de desmantelamento do sistema universitario público de calidade", denuncia a CIG

O anuncio foi recibido con grandes críticas por parte da CIG-Ensino, que sinala que o Programa de Transformación "é un auténtico plan de desmantelamento do sistema universitario público de calidade". "É todo un cúmulo de despropósitos, disfrazando de pseudo-innovador", di o sindicato, "un plan feito, ademais, con nocturnidade e aleivosía, aproveitando a situación de estrés e de anestesia social derivados do actual estado de alarma", engade.

O sindicato chama ás universidade galegas "a dar resposta a esta estratexia da Xunta" © Uvigo

O sindicato chama ás tres institucións universitarias galegas "a dar resposta a esta estratexia da Xunta e esixe a paralización deste disparate"

A CIG critica o feito de que se busque "desvirtuar o carácter presencial das nosas institucións, destruíndo a relación entre os docentes e os estudantes e a vida universitaria entre o estudantado". O sindicato relaciónao ademais coa inminente posta en marcha da primeira universidade privada en Galicia: "a Xunta busca restar espazo ás universidades públicas, desfigurándoas e facendo que perdan a súa esencia como espazo de produción e intercambio de coñecemento, ideas e vivencias; como referentes da investigación, a innovación e como alicerce do progreso e avance dun país". 

A CIG denuncia, así mesmo, que "o seguinte paso será prescindir dunha boa parte do profesorado e substituílo por colaboradores docentes altamente precarizados e sen conexión coa misión investigadora, como sucede nas universidades a distancia existentes". O sindicato chama ás tres institucións universitarias galegas "a dar resposta a esta estratexia da Xunta" e esixe "a paralización deste disparate". Así mesmo, considera "gravísimo que se usen os efectos desta pandemia como desculpa para dar un golpe de man que poña en risco unha das principais funcións das universidades galegas".

O momento de "dar un salto"

Na introdución do programa destácase que o momento actual, no que as universidades levan dous meses funcionando online, "semella o idóneo para, cara ao vindeiro curso 2020-21, dar un salto inda maior que aproveite, estenda e consolide todo o labor formativo e de emprego masivo de ferramentas informáticas de comunicación polo profesorado universitario".

Durante o primeiro cuadrimestre do curso 2020-21 os centros elaborarán unha proposta de modificación do título que integrará definitivamente as conversións da docencia de presencial pura a blended

O programa detalla que o sistema de avaliación continua será o sistema por defecto nas guías docentes, e incorporará o máximo de actividades que faciliten a avaliación ao longo de todo o período lectivo. E, igualmente, que o alumnado debe ter acceso online á totalidade dos recursos materiais necesarios para superar a materia. Tamén se prevé que durante o primeiro cuadrimestre do curso 2020-21 os centros elaborarán unha proposta de modificación do título que integrará definitivamente as conversións da docencia de presencial pura a blended.

Unha parte esencial do programa consiste en que os centros acometan investimentos materiais que acompañen o esforzo do profesorado para que a docencia mixta dun título se desenvolva en condicións similares á docencia presencial pura clásica. Isto pasa tanto pola formación do persoal docente investigador para que poida impartir formación de calidade nestas mesmas circunstancias como pola mellora da docencia virtual (adquisición de hardware, materiais e licenzas, entre outros aspectos) e o afondamento nas posibilidades de seguimento virtual do alumnado, destácase no documento.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.