Galicia prepara o regreso ás aulas presenciais para o luns 25 con críticas sindicais pola planificación da Xunta

O alumnado de 2º de Bacharelato e dos últimos cursos dos ciclos medios e superiores podería regresar ás aulas o luns 25 © USC

A partir do vindeiro luns 25 de maio, se Galicia pasa á Fase 2 do desconfinamento, a actividade regresará ás aulas dos centros de ensino. Unicamente os alumnos e alumnas de 2º curso de Bacharelato e do 2º curso de graos medios e superiores de Formación Profesional volverán ás clases presenciais e, ademais, de forma voluntaria, de xeito que os que non o fagan poderán optar por manter a fórmula telemática iniciada hai dous meses.

Unicamente os alumnos e alumnas de 2º curso de Bacharelato e do 2º curso de graos medios e superiores de Formación Profesional volverán ás clases presenciais e, ademais, de forma voluntaria

Este mércores representantes da Consellaría de Educación e dos sindicatos mantiveron unha longa xuntanza no marco da mesa sectorial docente non universitaria, na que se trataron as condicións deste posible regreso ás aulas e na que os sindicatos transmitiron directamente as demandas que veñen realizando nas últimas semanas. A maior parte das centrais alertaran hai uns días que non se daban as condicións para a reapertura dos centros de ensino e para o retorno das clases presenciais.

Na xuntanza a Xunta presentoulles aos sindicatos un documento de instrucións para o que resta do presente curso, con medidas de prevención e hixiene para a reapertura parcial nos centros de ensino, un texto que será sometido o venres ao Comité de Prevención de Riscos Laborais. 

Xuntanza da mesa sectorial docente non universitaria, este mércores © Xunta

Para o segundo curso de Bacharelato (cuxo alumnado pode presentarse ás probas de acceso á universidade no mes de xullo) prevese que o profesorado imparta as clases de modo presencial no horario habitual. Con todo, deberase manter en todo momento unha distancia mínima de dous metros entre todos os ocupantes da aula, sinalando a Consellaría que "en caso de que o número de alumnos asistentes non permita manter as distancias de seguridade e sexa preciso realizar desdobres, requirirase a presenza do profesorado do departamento que ditamine a dirección do centro".

A actividade presencial da aula para os segundos cursos de Bacharelato e de FP "poderá ser retransmitida por medios telemáticos para o alumnado que non acude ao centro"

Ademais, a Consellaría de Educación prevé que a actividade presencial da aula para os segundos cursos de Bacharelato e de FP "poderá ser retransmitida por medios telemáticos para o alumnado que non acude ao centro". De igual xeito, o restante profesorado (todo o persoa docente, agás o que dea algunha clase de 2º de Bacharelato ou algún dos "desdobres" obrigados pola falta de espazo) deberá continua coa docencia telemática aínda que a atención ao alumnado poderán realizala desde o seu domicilio ou desde o propio centro educativo. Así mesmo, sinala o Goberno galego, o centro educativo poderá requirir o seu retorno presencial para atender necesidades específicas, para actividades de avaliación, reunións, sinaturas de actas ou outras actividades de carácter académico ou administrativo.

Os anuncios realizados pola Consellaría de Educación foron recibidos con grandes críticas por parte de CIG-Ensino, que defende o mantemento da teledocencia até finais de curso en todos os niveis e avoga porque sexa o criterio docente o que determine a presencialidade do alumnado nos centros educativos. O sindicato cualifica de "temeridade" a intención da administración de "dar sensación de normalidade" coa presencialidade xeral do profesorado nos centros, "que pon en risco a saúde de familias enteiras nun momento no que a pandemia aínda está sen controlar".

CIG-Ensino cualifica de "temeridade" a intención da administración de "dar sensación de normalidade" coa presencialidade xeral do profesorado nos centros, "que pon en risco a saúde de familias enteiras"

A Xunta si aceptou algunha das demandas realizadas polas centrais sindicais nas últimas semanas e, por exemplo, non estará obrigado a incorporarse aos centros educativos o profesorado con fillos e fillas de ata 12 anos (inclusive) ou sen límite de idade no caso de fillos e fillas con discapacidade ou de persoal que se atope ao coidado de maiores ao seu cargo. Así mesmo, o profesorado que pertenza a outros grupos vulnerables (diabete, enfermidade cardiovascular, incluída hipertensión, enfermidade pulmonar crónica, cancro en fase de tratamento activo, inmunodeficiencia, embarazo e maiores de 60 anos) poderá solicitar a non incorporación e non terá que incorporarse mentres o servizo de inspección médica non emita un informe ao respecto.

Xuntanza da mesa sectorial docente non universitaria, este mércores © CIG-Ensino

CIG-Ensino: Manter a actual teledocencia

Para CIG-Ensino, coas medidas organizativas presentadas este mércores pola Consellaría de Educación "desbótase todo o esforzo realizado pola comunidade educativa para a implantación da teleformación, incluída a recente adaptación das programacións didácticas". Lembra, neste senso, que as avaliacións en 2º BACH son ao redor do 7 e 8 de xuño. "Non ten sentido romper a dinámica actual antes desa data", engade.

"De existir unha volta ás aulas esta debe centrarse basicamente no alumnado de 2º de BAC que vaia concorrer á ABAU e só para casos nos que o profesorado teña detectado desconexión ou necesidades de apoio presencial", di CIG-Ensino

O sindicato critica que "en ningún momento ten en conta a opinión dos equipos docentes sobre a eventualidade e conveniencia da incorporación do alumnado, con que condicións e para que cometido". E engade que "de existir unha volta ás aulas esta debe centrarse basicamente no alumnado de 2º de BAC que vaia concorrer á ABAU e só para casos nos que o profesorado teña detectado desconexión ou necesidades de apoio presencial, nunca como unha sorte de volta por completo ás aulas se así é a vontade do alumnado".

Ademais, CIG-Ensino amosa a súa preocupación porque a nova instrución da Consellería leve a "unha nova sobrecarga de traballo para o profesorado", pois "non se pode simultanear traballo presencial con teledocencia". E indica que "boa parte do profesorado que imparte 2º de Bacharelato tamén imparte 1º ou ESO. Afirmar que impartirá as aulas no seu horario habitual é un despropósito". O sindicato esixe igualmente que se elimine a mención a que os centros de ensino poderán requirir "a presenza do profesorado do departamento que ditamine a dirección do centro".

Limpeza e elementos de protección

A consellería fornecerá os centros de máscaras, pero estes deben achegar o resto do material

A Consellería de Educación encargarase do aprovisionamento de elementos de sinalización e das máscaras de protección, que deberán usar tanto o profesorado como o alumnado cando non se poidan manter as distancias de seguridade. Pola contra, o resto do material (xel hidroalcohólico, dispensadores, luvas, papeleiras de pedal, impresión de carteis...) deberá ser adquirido polos centros.

Os centros deberán levar a cabo unha limpeza e desinfección das instalacións cando menos unha vez ao día, reforzándoa naqueles espazos que o precisen en función da intensidade de uso; deberán, ademais, prestar especial atención ás zonas uso común e ás superficies de contacto máis frecuente como pomos de portas, mesas, mobles, pasamáns... No caso de baños e aseos, a limpeza será de tres veces ao día como mínimo. Finalmente, colocarase un dispensador de xel desinfectante en todas as aulas.

Aula baleira nun centro de ensino galego © Xunta

Críticas de Anpas Galegas

A Confederación Anpas Galegas criticou tamén a forma en que a Consellaría de Educación está a preparar este retorno ás aulas presenciais, sinalando que "unha vez máis estamos a ver como a Consellería de Educación permanece á espera de que alguén asuma as responsabilidades que ela mesma ten, ante a situación tan grave que estamos a vivir". Anpas Galegas esixe "instrucións concretas e homoxeneamente aplicábeis en todos os centros galegos para a incorporación do alumnado ás aulas en menos dunha semana".

Anpas Galegas esixe "instrucións concretas e homoxeneamente aplicábeis en todos os centros galegos para a incorporación do alumnado ás aulas en menos dunha semana"

A entidade rexeita a decisión de que "sexan os equipos directivos quen organicen o retorno ás aulas así como a compra do material preciso para manter as condicións de seguridade". "Isto pode crear unha desigualdade de criterios que fan difícil crer nunhas garantías reais", engade.

Ademais, subliñan que "existe unha fonda diferenza entre teleformación e retransmisión en directo da clase", rexeitando neste senso "que a atención non presencial quede cuberta simplemente con esa retransmisión".

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.