A Xunta xustificou a súa marcha atrás na "utilización da iniciativa para a confrontación que están a facer determinados colectivos". Pero a realidade é que a rectificación veu precedida dun rotundo rexeitamento do plan por parte das tres universidades galegas
Este martes ao mediodía a Consellaría de Educación anunciaba a súa renuncia a seguir adiante co seu 'Programa de transformación á docencia innovadora', unha proposta que lles realizara sete días antes ás tres universidades galegas e que implicaba a substitución do actual modelo de docencia presencial por outro "mixto", no que unha parte importante das clases teóricas dos graos poderían pasar a impartirse en liña.
A Xunta xustificou a súa marcha atrás na "utilización da iniciativa para a confrontación que están a facer determinados colectivos", en referencia ás criticas recibidas dende sindicatos, profesorado ou asociacións de investigadores. Pero a realidade é que a rectificación veu precedida dun rotundo rexeitamento do plan por parte das tres universidades galegas, que xa o pasado venres lle comunicaron á conselleira de Educación ás súas críticas á proposta e que este martes a primeira hora lle presentaran unha proposta alternativa que modificaba substancialmente o proxecto.
"Na xuntanza do pasado 19 de maio deuse a coñecer un documento que xa viña elaborado e no que os integrantes das universidades no grupo de traballo non participaran en absoluto. E dábase un tempo para que as universidades fixésemos simples alegacións"
Esta proposta conxunta das tres universidades, baixo o título de Plan de Impulso e Consolidación das Competencias Dixitais como apoio á Docencia Presencial no SUG para o curso 2020-2021, afonda nalgúns dos obxectivos que tamén tiña o programa impulsado pola Xunta, buscando avanzar nas posibilidades que ofrece a tecnoloxía para a mellora da docencia. Porén, a diferenza do proposto polo Goberno galego, o plan presentado polas tres institucións aséntase "no carácter presencial das universidades públicas galegas", que resulta "compatible coa incorporación de de solucións non presenciais", funcionando "como complemento da actividade presencial en situacións de normalidade" e "como solución excepcional diante de situacións extraordinarias", como a vivida nos últimos meses.
Ademais, reivindica a "autonomía universitaria", fronte ao plan da Xunta, e, igualmente, aposta pola "flexibilidade" e a "gradualidade" na súa implantación, e por darlle un papel "máis activo" ao estudantado no proceso. O plan inclúe accións de planificación académica, de infraestruturas e tamén de formación no uso das novas ferramentas tecnolóxicas.
As universidades reciben a proposta o martes 19 de maio
Antonio López, reitor da USC, destaca en conversa con Praza.gal que as tres universidades galegas se viron sorprendidas pola proposta da Xunta, que ficaba lonxe dos obxectivos iniciais das conversas que se viñan mantendo para "avanzar nas solucións que ofrecen as novas tecnoloxías como complemento da docencia, aproveitando a experiencia deste último cuadrimestre".
"Máis ben parecía unha aposta por un modelo de docencia universitaria distinto, camiñando cara a un modelo mixto ou mesmo un modelo non presencial", relata Antonio López
"Na xuntanza do pasado 19 de maio deuse a coñecer un documento que xa viña elaborado e no que os integrantes das universidades no grupo de traballo non participaran en absoluto. E dábase un tempo para que as universidades fixésemos simples alegacións", explica López, que sinala que, en primeiro lugar, "non nos parecía coherente dende o punto de vista da autonomía universitaria". "Estamos falando de incorporar novas solucións tecnolóxicas na docencia universitaria, polo que parece que é un tema clave no que as universidades temos que levar a iniciativa", di.
O segundo motivo de crítica das universidades galegas foi o feito de que no texto se encargaba a elaboración e o deseño dese plan "a institucións que non son as universidades, como a FEUGA e algunha consultora externa". E, sobre todo, en terceiro lugar as tres universidades ficaron preocupadas "porque máis alá dunha incorporación de solucións derivadas das novas tecnoloxías para a mellora da docencia, máis ben parecía unha aposta por un modelo de docencia universitaria distinto, camiñando cara a un modelo mixto ou mesmo un modelo non presencial", relata Antonio López.
O venres 22 as universidades comunican o seu malestar
O martes a primeira hora da mañá as tres universidades galegas preséntanlle á Consellería de Educación a súa proposta alternativa e moi pouco despois a Xunta anuncia a súa renuncia á proposta
Despois de estudar o documento durante tres días, o venres 22 as tres universidades trasladáronlle á conselleira de Educación a súa visión sobre el e comezaron a traballar nun proxecto propio, "asentado sobre o principio de presencialidade e sobre o principio de respecto pola autonomía das universidades, un novo plan que fose flexible, adaptable sobre as necesidades que temos en cada centro", destaca o reitor da USC. "Nós estivemos traballando nunha alternativa e non nos limitamos a dicir 'non nos gusta', senón que propuxemos unha solución diferente, unha solución consensuada e acordada", engade.
O martes 26 a Xunta recúa ante o rexeitamento frontal das universidades
O martes a primeira hora da mañá as tres universidades galegas preséntanlle á Consellería de Educación a súa proposta alternativa e moi pouco despois a Xunta anuncia a súa renuncia á proposta que realizara unha semana antes. "Iamos ter unha reunión por videoconferencia á unha e media e foi inmediatamente desconvocada, xunto co anuncio de que se retiraba o plan", relata Antonio López, que conclúe que "dado que o plan da Consellería tiña unhas eivas importantes, benvida é a súa retirada".
O contacto directo entre profesorado e estudantes segue sendo esencial"
O reitor da USC anuncia que as universidades "imos seguir traballando neste proxecto, que trata de incorporar elementos dixitais para mellorar a docencia, pero que tamén abrangue cuestións de investimento, académicas e de formación no uso das novas ferramentas". "Pode que nalgún grao ou máster (sobre todo nos máster) se incorporen algúns elementos semipresenciais. Pero queremos seguir sendo unha universidade presencial", reitera.
As universidades, presenciais
Antonio López destaca "o papel que xoga a universidade como un elemento de dinamización e de desenvolvemento para unha cidade"
Antonio López defende o carácter esencialmente presencial da formación e da docencia como unha das bases do sistema universitario. "A aprendizaxe destes dous últimos dous meses foi positiva, hai solucións e ferramentas moi valiosas que nos permiten mellorar o que facemos, pero sempre mantendo a presencialidade na formación que nós damos. O contacto directo entre profesorado e estudantes segue sendo esencial", di.
Entre os varios elementos que achega esa presencialidade, un deles é "o papel que xoga a universidade como un elemento de dinamización e de desenvolvemento para unha cidade ou para un ámbito xeográfico determinado", destaca. Ademais, "dende o punto de vista formativo, o contacto persoal segue a ser un aspecto fundamental", engade.
Como se adaptou a comunidade universitaria á situación vivida dende marzo?
Finalmente, Antonio López valora de forma "moi positiva" a capacidade que tivo a Universidade de Santiago e todas as persoas da súa comunidade universitaria para se adaptar á situación excepcional vivida por mor da pandemia de coronavirus. "Implicou someter as universidades a unha proba de estrés total. Dun día para outro non só se suspendeu a docencia presencial, senón que pasamos a ter pechadas as instalacións universitarias e coas persoas confinadas nos seus domicilios. A situación foi extremadamente complicada", di.
"Do que se trata é que incorporar algúns elementos desta experiencia para mellorar a docencia nos vindeiros cursos. Iso si, sen cambiar o modelo, mantendo un modelo esencialmente presencial"
"Dentro dese escenario, penso que a valoración ten que ser moi positiva. Deuse solución á necesidade de continuar coa docencia, fíxose un esforzo notabilísimo para adaptar a estas novas circunstancias o proceso de avaliación no que imos entrar agora. E, de feito, o 60% vai avaliarse a través de avaliación continua e só un 18% de materias se avaliarán unicamente cunha proba final", destaca.
Antonio López conclúe que "hai que recoñecerlle este esforzo a toda a comunidade universitaria, dende o profesorado ao estudantado e persoal de administración e servizos". "Por iso, do que se trata é que incorporar algúns elementos desta experiencia para mellorar a docencia nos vindeiros cursos. "Iso si, sen cambiar o modelo, mantendo un modelo esencialmente presencial", remata.