O profesorado de cada centro seguirá sendo o primeiro responsable da súa atención educativa a distancia e só casos excepcionais serán atendidos por un equipo provincial nunca máis de 5 horas semanais
Tres meses despois de iniciado o curso, a Consellería de Educación dita no Diario Oficial de Galicia (DOG) deste xoves 3 de decembro “instrucións para a atención educativa ao alumnado vulnerable ou alumnado con conviventes vulnerables durante o curso 2020/21 como consecuencia da pandemia da COVID-19”. O texto contempla que o profesorado de cada centro seguirá sendo o primeiro responsable da atención educativa a distancia do alumnado vulnerable á COVID e só casos excepcionais serán atendidos por un equipo provincial nunca máis de 5 horas semanais.
As instrucións agora publicadas no DOG afectan “ao alumnado vulnerable e ao alumnado que por ter familiares conviventes vulnerables non acode ao centro educativo como consecuencia da COVID-19 e as comisións provinciais de seguimento (CPS) determinan como xustificada a súa ausencia, así como ao alumnado que deba permanecer convalecente no seu domicilio por un período superior a un mes”.
As ausencias que unha comisión provincial de seguimento considere non xustificadas serán trasladadas á Fiscalía
O texto comeza sinalando que “corresponde á dirección do centro valorar, en primeira instancia, se as faltas de asistencia á clase dun alumno ou alumna se consideran xustificables”. As que tanto a dirección do centro en primeira instancia como posteriormente unha comisión provincial de seguimento consideren non xustificadas serán trasladadas á Fiscalía. Pola contra, no caso de alumnado de ausencia xustificada, este deberá ser atendido a distancia en primeiro lugar polo seu profesorado habitual ou en segunda instancia polo departamento didáctico correspondente do centro.
“No caso de que esa atención educativa non poida realizarse desde o centro educativo, a dirección deberá comunicarllo ao Servizo Territorial de Inspección Educativa”, di o texto, momento no que comezan unha serie de avaliacións do caso que poden supoñer que a xefatura territorial de Educación propoña igualmente “a atención educativa de este alumnado por parte do persoal do centro” ou pola contra por un “equipo provincial de atención virtual ao alumnado (AVA). “No caso de proposta de atención polo equipo provincial AVA, a Xefatura Territorial emitirá unha resolución que concretará a asignación horaria en función da etapa educativa do alumno ou alumna e que nunca superará as 5 horas semanais”, din as instrucións.
A Xunta xa tardou dous meses desde o inicio do curso en presentar o seu plan de ensino virtual xeral
As instrucións para a atención educativa a distancia das familias vulnerables á COVID chegan despois de que unha nai con problemas de saúde denunciase publicamente que a Xunta lle abrira expediente pola súa decisión de non enviar o seu fillo ao colexio como medida de protección. Tras publicar varios medios a situación o Goberno galego decidiu pechar o caso e agora publica estas instrucións para eses supostos.
Educación tamén tardou dous meses despois de iniciado o curso en presentar un plan de ensino virtual para os casos en que sexa necesario pechar aulas ou centros.