A expansión da COVID por Galicia rebaixou dende decembro de 100 a 16 os concellos libres de contaxios

Evolución do número de concellos libres de Covid sobre a imaxe dun cribado realizado en Barbadás © Sergas

O pasado 15 de decembro Galicia gozaba dunha das mellores situacións epidemiolóxicas dende o mes de setembro. A segunda onda fora controlada, o número de novos casos diagnosticados cada día (ao redor de 300) e a incidencia acumulada a 14 días (algo máis de 150) levaban mes e medio en descenso e a taxa de positividade situábase por debaixo do 4%. Ademais, 102 concellos (case un terzo do total) levaban cando menos 14 días sen rexistrar novos contaxios. 

Os 102 concellos libres de Covid-19 do 15 de decembro eran xa pouco máis de 80 o día de Noiteboa e dende entón non fixeron máis que descender. Na actualidade son unicamente 16

Aquel foi o punto de inflexión. Os desprazamentos realizados durante a ponte da Constitución e a relaxación das restricións en Galicia, tanto na hostalaría coma nas xuntanzas con persoas non convivintes, estaban provocando xa unha maior circulación do virus, e despois as celebracións do Nadal (cun maior relaxamento das medidas de prevención por parte das autoridades sanitarias e un menor cumprimento por parte da poboación) contribuíron a multiplicar os contaxios e a espallalos por todo o territorio.

Os 102 concellos libres de Covid-19 do 15 de decembro eran xa pouco máis de 80 o día de Noiteboa e dende entón non fixeron máis que descender. Na actualidade son unicamente 16 as localidades que non tiveron algún diagnóstico da enfermidade nos 14 días anteriores, localidades rurais escasamente poboadas (entre todas suman menos de 15 mil habitantes) e situadas na súa maior parte no interior das provincias de Lugo e Ourense: A Teixeira, Alfoz, Baleira, Carballedo, Cervantes, Entrimo, Gomesende, Larouco, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, O Páramo, Parada de Sil, Quintela de Leirado, Ribeira de Piquín, Triacastela e Vilariño de Conso.

A expansión do coronavirus durante esta terceira onda non só incrementou o número total de infeccións (especialmente nas zonas urbanas), senón que tamén as espallou por todo o país

Como curiosidade, catro destes concellos (Gomesende, Negueira de Muñiz, Ribeira de Piquín e Vilariño de Conso) non rexistraron ningún positivo de Covid-19 cando menos dende mediados de novembro, momento no que a Xunta comezou a ofrecer datos individualizados de todas as localidade.

A expansión do coronavirus durante esta terceira onda non só incrementou o número total de infeccións (especialmente nas zonas urbanas), senón que tamén as espallou por todo o país, mesmo por zonas nas que ata este Nadal o virus estivera relativamente ausente. É probable que a este esparexemento contribuíse de forma decisisva a mobilidade que se rexistrou en Noiteboa, Nadal, Fin de Ano e Reis.

Dende o 31 de decembro o número de casos multiplicouse por 5 en Valga, Culleredo ou Salvaterra do Miño, por 6 en Narón, Oleiros, Moaña, Padrón ou Xinzo de Limia, por 9 en Cambre, Poio ou Sada, por 10 na Cañiza ou Fene e de forma aínda máis importante en Carballo, Ponteareas, Arteixo, Sarria, Monforte ou Betanzos

Aínda que a incidencia da enfermidade comezou a medrar en Galicia o 11 de decembro, durante varios días fíxoo de vagar e a menor realización de probas de detección durante as dúas semanas de Nadal contribuíu a invisibilizar a maior circulación do virus, que se fixo evidente a partir do 5 de de xaneiro. En menos dun mes a situación mudou completamente en practicamente toda Galicia, comezando polas sete cidades, con incrementos no número de casos que van do +165% de Vigo ao +441% da Coruña ou ao +513% de Ourense.

Dende o pasado 31 de decembro o número de casos multiplicouse por 5 en Valga, Culleredo ou Salvaterra do Miño, por 6 en Narón, Oleiros, Moaña, Padrón ou Xinzo de Limia, por 9 en Cambre, Poio ou Sada, por 10 na Cañiza ou Fene e de forma aínda máis importante en Carballo, Ponteareas, Arteixo, Sarria, Monforte ou Betanzos.

Nestes 26 días de xaneiro a situación só mellorou en 24 concellos, nos que o número de casos descendeu, localidades que na maior parte dos casos estaban a rexistrar nos días anteriores á Fin do Ano gromos de importancia, como Boiro, Bueu, Vimianzo, Santa Comba, Rianxo ou A Illa de Arousa

A seguinte gráfica recolle a evolución no mes de xaneiro da incidencia acumulada a 14 días (número de casos por cada 100.000 habitantes) nos 49 concellos máis poboados de Galicia, localidades que en conxunto suman 1,84 millóns de habitantes, dous terzos da poboación galega. O incremento no número de casos é xeneralizado (Bueu e Boiro son as únicas excepcións) e prodúcese tanto nas cidades e nas súas áreas metropolitanas como en cabeceiras de comarcas non urbanas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.