Dende as cero horas deste 27 de xaneiro de 2021 a Xunta terá en marcha o que, na práctica, é o paquete de restricións sociais e económicas por mor da COVID-19 máis estritos para Galicia dende a fin do confinamento da primavera de 2020. Á espera da súa concreción completa no DOG, o Goberno galego afronta a que segue sendo a vaga expansiva dos contaxios das pasadas festas con medidas como o peche perimetral de todos os concellos, a suspensión de toda a actividade cultural presencial ou da hostalería agás para consumo a domicilio, así como o veto aos encontros sociais entre non conviventes.
Tras rexistrar ata 27 novos falecementos, tres deles da última xornada, o total chega aos 1.649 e a media diaria de mortes da última semana rolda as 15
Faino nun contexto no que os novos casos do coronavirus detectados cada día e a súa incidencia acumulada nas últimas semanas comezan a amosar os primeiros e polo momento lixeirísimos sinais de acougo. Pero, aínda no caso de que nas vindeiras xornadas comezase a observase un freo significativo -o cal aínda non sucede-, o impacto dos peores días desta terceira vaga aínda se prolongaría máis dunha semana na forte presión que sofre o sistema sanitario e tamén nas cifras de mortalidade.
Este 26 de xaneiro entran no rexistro oficial do Sergas entran á vez ata 27 falecementos de persoas que contraeran a COVID, elevando o total a 1.649. Tres destas mortes son das vinte e catro horas previas e as restantes vinte e catro, dos tres días anteriores. Con estas novas notificacións, o pasado venres, 22 de xaneiro, convértese no día con máis mortes ligadas á pandemia en Galicia dende o pasado abril, cun total de 22. A media diaria de falecementos a sete días sitúase, deste xeito, na contorna dos 15.
Con estes datos, os falecementos de persoas que contraeran a COVID superan xa os 240 dende que comezou o ano e xaneiro de 2021 xa é, mesmo antes do seu remate, o terceiro mes con máis mortes ligadas á pandemia en Galicia. Polo momento está por tras do pasado novembro (298) e de abril de 2020 (429). O groso destes falecementos seguen sendo, maioritariamente, de persoas de idade avanzada (algo máis do 45% tiñan entre 80 e 89 anos), se ben nos últimos días morreron tamén coa COVID persoas máis novas. É o caso dun home de 60 anos en Carballo e doutro home de 58 anos en Vigo.
Despois de superar o pico de hospitalización total da primeira vaga, está a piques de suceder o mesmo coa ocupación máxima das UCI
Os contaxios das semanas previas golpean nos datos de mortalidade e ségueno facendo na presión hospitalaria. Co pico de hospitalización da primeira vaga xa superado, o único dato relativamente favorable é que o ritmo de incremento semanal semella comezar a frear. Os datos deste 26 de xaneiro -pechados o día previo ás seis da tarde- inclúen 1.201 persoas ingresadas en Galicia con test positivo do coronavirus, 94 máis que no pico de abril, 47 máis que un día antes e 423 por riba do mesmo día da xornada anterior.
Destas máis de 1.200 persoas ingresadas, 170 precisan de asistencia en coidados intensivos. Son só seis menos que no momento de máxima ocupación de abril e as autoridades sanitarias prevén que o incremento continúe nas vindeiras xornadas.
A carga hospitalaria é a máis visible e tamén un dos principais argumentos para emprender estas duras restricións xusto un mes despois da súa relaxación para os encontros do Nadal. Mais non é a única fonte de presión para o sistema sanitario. O incremento da capacidade de detección de positivos a respecto da primeira e -en menor medida- da segunda vaga provoca que os "positivos activos" sigan marcando máximos e xa superen os 20.000.
Este indicador, que agora chega aos 20.481, comezará previsiblemente a descender dentro de pouco, por mor das altas que comezarán a recibir persoas contaxiadas nos primeiros días do Nadal. Así e todo, o gran volume de casos continuará presionando durante moitas semanas os servizos de Atención Primaria e o rastrexo. [A pandemia rebenta as costuras da Atención Primaria entre a "frustración" do persoal]
Dúas semanas por riba dos mil casos novos por xornada
Todo isto acontece nunha xornada na que o Sergas suma 1.413 novos casos do coronavirus, os rexistrados entre as seis da tarde do domingo e a mesma hora do luns, dos que 1.068 son diagnósticos mediante PCR. Isto supón chegar ás dúas semanas seguidas con máis de mil novos casos por xornada. En termos de días naturais, a dinámica é practicamente idéntica
Neste contexto, a media diaria de diagnósticos mediante PCR a sete días segue ascendendo -aínda que acougando un chisco o seu ritmo de ascenso- e achégase aos 1.300. Este dato non é comparable coa primeira vaga -daquela, a capacidade diagnóstica era moito menor-, pero si o é máis co pasado outono. Daquela, o pico de diagnósticos medios a sete días non chegou aos 650.
Incidencia a 14 días chegando aos 700
Os concellos sen novos casos nas últimas dúas semanas seguen reducíndose e xa só quedan 16
Mentres aínda cómpre seguir agardando para observar se os primeiros sinais de acougo pasan ou non de ser puntuais, o gran volume de novos casos dos últimos días e semanas segue impulsando cara a arriba os indicadores de incidencia acumulada (casos novos por cada 100.000 habitantes) para o conxunto de Galicia tanto a 7 como 14 días. O indicador a catorce días chega xa aos 700 casos e a incidencia acumulada da última semana supera os 400. O pico da incidencia a 14 días no outono fora de 342 [a serie completa de datos, nesta ligazón].
Sobre o mapa, mentres os concellos sen novos casos rexistrados continúan reducíndose por baixo da vintena (xa só quedan 16), as maiores incidencias acumuladas a 14 días continúan nas comarcas máis ao sur e máis ao norte. Tamén en amplas zonas do eixo atlántico e, en xeral, na provincia da Coruña. As comarcas con máis concellos por baixo dos datos globais de Galicia sitúanse, sobre todo, en zonas orientais da provincia de Lugo.
Por cidades, como amosa o gráfico sobre estas liñas, ningunha delas logra polo momento un descenso da incidencia da COVID a 14 días e só unha, Vigo, semella transitar por un punto de certa estabilidade. As maiores incidencias acumuladas a dúas semanas seguen en Ourense e na Coruña, ambas xa claramente por riba dos 800 casos novos por cada cen mil habitantes. A cidade con menor incidencia, Lugo, deixa definitivamente atrás as súas xornadas de moderación na incidencia e xa atravesa con claridade o limiar dos 300.
A media diaria de probas PCR procesadas na última semana é a máis alta da pandemia e a súa positividade media segue estancada arredor do 10%
Mentres todo isto sucede, como nos días previos cómpre ollar os datos en detalle para albiscar algún sinal de posible freo futuo. Estes sinais seguen estando no que semella un freo no crecemento das taxas de incidencia acumulada. Tamén nas taxas de positividade, isto é, na porcentaxe de probas PCR que dan positivo.
Nun contexto marcado pola realización de cribados masivos en múltiples puntos de Galicia, o número total de PCR procesadas seguen en máximos da pandemia (malia ao lixeiro descenso das últimas vinte e catro horas, volveron ser máis de 10.000 por sétima xornada consecutiva e a media dos últimos sete días supera as 11.600, a máis elevada de toda a pandemia. A positividade media a sete días destes test segue estable, estancado na contorna do 10%, e a evolución nalgunhas das áreas sanitarias convida a pensar nun freo que, en calquera caso, aínda é escaso e mantén as taxas moi por riba do 5% que a Organización Mundial da Saúde sinala como limiar para dar por controlada a pandemia nun territorio.