O Ministerio de Sanidade anunciou este mércores que as persoas maiores de 80 anos serán o seguinte grupo en ser vacinado (unha vez se complete a inmunización dos usuarios e usuarias de residencias, persoal sanitario e grandes dependentes non institucionalizados), o que sucederá nas vindeiras semanas. Nos primeiros días de marzo comezará a segunda fase do proceso de vacinación, que avanzará na protección dun dos colectivos máis vulnerables ante a enfermidade e que en Galicia constitúe un grupo moi numeroso, máis de 234 mil persoas, case o 9% da poboación.
As persoas maiores de 80 anos serán o seguinte grupo en ser vacinado (unha vez se complete a inmunización dos usuarios e usuarias de residencias, persoal sanitario e grandes dependentes non institucionalizados)
Este venres a Comisión de Saúde Pública do Ministerio aprobou a actualización da Estratexia de vacinación, que entre as súas principais novidades incorpora á primeira quenda de vacinación (a desenvolver ata o mes de marzo) a profesionais do ámbito hospitalario e de Atención Primaria non considerados de primeira liña e a persoal de Odontoloxía, hixiene dental e outro persoal sanitario que aiende sen máscara de protección durante máis de 15 minutos.
Máis adiante será a quenda dos restantes colectivos sinalados para ser vacinados nesta "segunda fase", que debería chegar ata o mes de xuño: persoas entre 65 e 79 anos, traballadores e traballadoras esenciais, persoas que traballan en espazos pechados, poboación vulnerable social e economicamente, persoas con condicións de risco..., nunha orde aínda non decidida polas autoridades sanitarias.
O 74% de todas as persoas que faleceron pola Covid-19 dende marzo en Galicia tiñan máis de 79 anos
A elección deste colectivo de persoas de 80 anos ou máis non foi casual. Está a ser un dos grupos máis directamente afectado pola pandemia. O 74% de todas as persoas que faleceron pola Covid-19 dende marzo en Galicia tiñan máis de 79 anos. No conxunto do Estado, máis do 12% das persoas maiores de 80 anos que enfermaron de Covid-19 acabaron morrendo e outro 28% necesitou ser hospitalizado.
Está en xogo neste momento a protección de toda unha xeración, persoas nacidas nos anos 20 e 30 do pasado século, ata o inicio do ano 1941. Os galegos e galegas, polo tanto, que viviron a Guerra Civil e a dura postguerra no inicio da ditadura franquista, unha xeración que está a ser duramente golpeada por esta pandemia.
Está en xogo neste momento a protección de toda unha xeración, persoas nacidas nos anos 20 e 30 do pasado século, ata o inicio do ano 1941
A partir de xuño sería o momento no que se comezaría a vacinar o resto da cidadanía non incluída nestes grupos preferentes, co obxectivo de chegar a un mínimo do 70% da poboación vacinada no remate do verán. Con todo, todos estes prazos, sinalados como "optimistas" por parte de moitas voces expertas, dependen do ritmo de vacinación (que deberá ser superior ao actual) e, ademais, de factores externos, como a chegada ao Estado Español dos distintos lotes de vacinas (as dúas xa aprobadas: Pfizer e Moderna; e as que aínda están a ser avaliadas: AstraZeneca/Oxford, Johnson & Johnson...).
400.000 doses da vacina
A vacinación deste colectivo de persoas de máis de 80 anos supón un gran salto adiante no proceso de vacinación. Nas tres primeiras semanas de vacinación administráronse ao redor de 60.000 vacinas en Galicia, cubrindo a primeira dose na práctica totalidade dos usuarios e usuarias de residencias, persoal sociosanitario destas instalacións e persoal sanitario en primeira liña. Na actualidade xa son máis de 65 mil, con máis de 7 mil persoas que recibiron xa a "pauta completa", é dicir, dúas doses da vacina de Pfizer.
En cambio, as persoas de máis de 80 anos en Galicia son ao redor de 234.000 persoas (datos do 1 de xaneiro de 2020), das que habería que descontar aquelas que viven en residencias de maiores e aqueles e aquelas grandes dependentes non institucionalizadas.
Para vacinar esas 200.000 persoas (400.000 doses) nun prazo razoable habería que incrementar moito o actual ritmo de administración (100.000 doses ao mes)
Das 20.000 persoas que viven nas residencias de maiores galegas, o 59,7% teñen 80 anos ou máis (ao redor de 12.000), persoas que xa están a ser vacinadas nestes momentos. Ademais, dos 35.000 grandes dependentes que viven en Galicia (datos de 2017), ao redor de 27.000 teñen 75 anos ou máis. Así, quedarían unhas 200.000 persoas maiores de 80 anos pendentes de vacinar a partir de marzo. Cifras, polo tanto, moi superiores.
Entre o 4 de xaneiro e o 19 de xaneiro aplicáronse 47.000 doses da vacina en Galicia. Polo tanto, para vacinar esas 200.000 persoas (400.000 doses) nun prazo razoable habería que incrementar moito o actual ritmo de administración (dependente tamén das vacinas dispoñibles). Ao actual ritmo (100.000 doses mensuais) tardaríanse catro meses en inmunizar por completo a este grupo.
Galicia, segundo territorio con máis poboación maior de 80 anos
Galicia é unha das CCAA na que a poboación maior de 80 anos representa unha porcentaxe maior sobre o total. A Xunta xa reclamou que no reparto de vacinas nesta fase se teña isto en conta
Galicia é, ademais, unha das comunidades autónomas do Estado nas que a poboación maior de 80 anos representa unha porcentaxe maior sobre o total. O 8,67% que supón este grupo en Galicia só é superado polo 9,34% de Castela e León e sitúase moi próximo ao dato de Asturias (8,62%). No resto de territorios a proporción de maiores de 80 é moi inferior e a media no conxunto do Estado é do 5,97%. A Xunta xa reclamou que no reparto de vacinas nesta fase se teña en conta o número de persoas de máis de 80 anos, o grupo ao que se quere inmunizar, se xeito que as comunidades que teñan máis persoas deste colectivo reciban tamén un maior número de doses.
Debido ao crecente envellecemento da poboación, en moitas zonas de Galicia as persoas de 80 anos ou máis representan unha porcentaxe dos seus habitantes moi superior. Así, en Parada de Sil, Lobeira ou San Xoán de Río supoñen máis do 25%, 1 de 4 persoas, e no conxunto da provincia de Ourense esa porcentaxe é superior ao 12%.