Os beneficios da vacina contra a Covid-19 son superiores aos hipotéticos riscos da súa administración. Ou, o que é o mesmo, o risco xerado pola non vacinación (sobre todo no caso de persoas de idade avanzada) é moito maior que o risco ligado aos seus posibles efectos adversos. Así o determinan dúas sentenzas xudiciais, coñecidas este mércores, que autorizan a administrar a vacina a un usuario e a unha usuaria de residencias de maiores de Santiago de Compostela.
Nun caso, a titora legal da residente negárase a que a muller fose vacinada, argumentando o seu "medo a reaccións adversas", a súa "desconfianza cara á vacina por producirse tan rápido" e polo "consello de terceiros"
Nun caso, a titora legal da residente negárase a que a muller (que na actualidade "carece de capacidade para decidir sobre a vacina") fose vacinada, argumentando o seu "medo a reaccións adversas", a súa "desconfianza cara á vacina por producirse tan rápido" e polo "consello de terceiros".
No outro fora o propio residente o que rexeitara a súa aplicación, fronte ao consentimento informado por substitución emprestado pola entidade tutelar pública F.U.N.G.A., dependente da Xunta. Porén, a propia sentenza subliña "a total ausencia de capacidade de decisión" neste tema, "non estando o paciente en condicións para valorar nin as vantaxes e eventuais riscos e contraindicacións derivados da vacina nin os riscos consecutivos á súa negativa a vacinarse e en particular o risco de contraer a covid-19".
Os ditames lembran que mentres un paciente "pode adoptar decisións contrarias á indicación médica que afecta ao mesmo, o substituto ou representante legal non ten semellante marxe de decisión"
Estas dúas novas sentenzas engádense aos varios ditames coñecidos nas últimas semanas e que en todos os casos apuntan a conclusións semellantes, permitindo ou obrigando á vacinación das persoas internadas en residencias de maiores, atendendo aos beneficios da vacina, superiores en todos os casos aos posibles riscos. Así o fixo un dos primeiros autos coñecidos no Estado Español ao respecto, ditado tamén en Compostela o pasado 13 de xaneiro e que autorizou a vacinación dunha residente en DomusVi San Lázaro a pesar da oposición da súa filla.
"A autorización da vacina pola Axencia Europea do Medicamento permite supor que se elaborou coas máximas garantías de calidade, seguridade e eficacia e que por iso mesmo os beneficios da súa administración das mesmas superan notoriamente os riscos derivados da mesma"
As dúas sentenzas parten do feito de que a vacinación non é obrigatoria. Porén, ante a ausencia dun pronunciamento directo válido por parte de ambas as dúas persoas, os ditames lembran que "o consentimento por substitución debe outorgarse sempre en favor do paciente", de xeito que mentres un paciente "pode adoptar decisións contrarias á indicación médica que afecta ao mesmo, o substituto ou representante legal non ten semellante marxe de decisión".
Partindo desta base, e ante a ausencia de patoloxías que supuxesen unha contraindicación para a súa administración, os ditames limítanse a ponderar os hipotéticos riscos da vacina cos beneficios probables desta. Lembran en ambos os dous casos que "por idade e patoloxías o paciente áchase incluído entre os grupos máis vulnerables que deben vacinarse de maneira prioritaria, sendo superior o risco pola circunstancia do seu ingreso residencial".
A vacina permitirá aos pacientes "gozar dun maior réxime de estadías e comunicación cos seus familiares e achegados", atenuando "a grave e continuada separación da súa contorna máis inmediata que padecen dende marzo de 2020"
As sentenzas subliñan que "a autorización da vacina pola Axencia Europea do Medicamento permite supor que se elaborou coas máximas garantías de calidade, seguridade e eficacia e que por iso mesmo os beneficios da súa administración das mesmas superan notoriamente os riscos derivados da mesma" e sinalan que "a vacina é a única alternativa actual para superar a pandemia".
Os ditames conclúen que "o risco de reaccións adversas debe estimarse moi inferior ao risco derivado da non vacinación e ao consecutivo perigo e risco que debe cualificarse como moi grave e efectivo de desenvolver enfermidade de contraer o virus da Covid-19", incidindo na súa "idade avanzada" e as súas patoloxías e, ademais, no feito de estaren ingresados en residencias de maiores, elemento que incrementa o perigo de contaxio e de falecemento.
Ademais, os autos engaden que a vacina, ademais de evitar "o risco de contraer a enfermidade e con iso mesmo de morrer", permitirá aos pacientes, unha vez acadada a súa inmunidade, "gozar dun maior réxime de estadías e comunicación cos seus familiares e achegados", atenuando "a grave e continuada separación da súa contorna máis inmediata que padecen o noso maiores residentes dende marzo de 2020 con presumible menoscabo do seu benestar emocional".