Presión sen precedentes no Sergas pola COVID tras sumar máis de 22.000 casos dende o inicio de xaneiro

Toma de mostra para unha PCR durante un cribado do Sergas e evolución de casos activos por áreas sanitarias ata o 22 de xaneiro CC-BY-SA Foto: Xunta | Montaxe: Praza Pública

O número de persoas que padecen a COVID-19 e están ingresadas nalgún hospital galego chega este sábado, 23 de xaneiro, con datos pechados ás seis da tarde do venres, ás 967. Son 35 máis que un día antes e 370 máis que o mesmo día da semana anterior. E apenas 140 menos que no pico de hospitalización da primeira vaga da pandemia, nivel que, dado o ritmo xeral das últimas xornadas, será acadado e superado a comezos da vindeira semana.

As actuais 967 hospitalizacións ligadas á COVID son apenas 140 menos que no pico de presión hospitalaria da primeira vaga

O número xeral de ingresos e, moi especialmente, o volume de pacientes infectados que precisan ir á UCI -actualmente son 142, mentres que o pico do outono quedou en 106 e o da primeira vaga se situou en 177- son o principal indicador da presión que o sistema sanitario sofre por mor da pandemia. Pero non o único. Combinado con outros, xa é posible afirmar que a actual carga que soporta o Servizo Galego de Saúde a causa do coronavirus non ten precedentes e é a maior dende o comezo da pandemia. [Un de cada catro pacientes COVID que foi á UCI en Galicia dende o desconfinamento ingresou nas últimas dúas semanas]

O primeiro feito que xustifica esta afirmación é que a presión hospitalaria non é só a reflectida nas cifras de persoas con test positivo da COVID-19 que ocupan unha cama ordinaria ou na UCI. Non en van, en aplicación dos protocolos vixentes, as persoas ingresadas por mor do coronavirus e superan a infección, desaparecen desta estatística aínda que precisen continuar hospitalizadas por mor doutras complicacións de saúde.

O gran número de "positivos activos", por primeira vez máis de 18.000, contribúen a incrementar a presión sobre a Atención Primaria e o rastrexo

Cómpre ademais ter en conta outro factor. Tamén está disparado o número de persoas que, tras dar positivo, teñen prescrito o illamento domiciliario. Son todas as persoas consideradas como casos "positivos activos" que non están hospitalizadas. 

Tras rexistrar un total de 22.277 novos casos dende o pasado 1 de xaneiro, o total de casos activos superou este sábado a barreira dos 18.000 e deles, 17.319 (incluíndo residentes en centros de maiores e dependentes) están illadas a domicilio. Isto implica, daquela, unha carga sen precedentes para os servizos de rastrexo mais tamén para a Atención Primaria en plena campaña de vacinación.

Manuel Ferreiro, médico de Urxencias do CHUAC: "Estamos sufrindo un dos momentos máis duros, polo número de casos e pola súa gravidade"

Dende a área sanitaria con máis persoas hospitalizadas e máis casos activos, a da Coruña-Cee, as alertas do propio persoal do Sergas véñense multiplicando nos últimos días e son difundidas dende a propia xerencia. Este sábado, quen pon voz a esas advertencias é Manuel Ferreiro, médico no servizo de Urxencias do CHUAC.

"Os profesionais de Urxencias estamos sufrindo un dos momentos máis duros da pandemia, tanto polo número de pacientes" que chegan a causa do coronavirus "como pola gravidade dos cadros clínicos que presentan", explica o doutor Ferreiro. "Sempre estaremos aí para atendelos, pero o cumprimento das normas é fundamental para que, entre todos, superemos con éxito esta situación de extrema esixencia", resume.

Catro máximos seguidos no cómputo de casos novos

Este é o cadro xeral sanitario nun contexto no que a foto fixa do día está lonxe de reflectir acougo. Os 1.889 novos casos que se incorporan este sábado ao cómputo xeral (1.515 deles, diagnósticos mediante PCR), os rexistrados entre as seis da tarde do xoves e a mesma hora do venres, supoñen un récord máis de positivos en vinte e catro horas, o cuarto consecutivo.

O Sergas suma 1.889 casos novos, outro récord en vinte e catro horas, e 15 mortes máis

En termos de días naturais, a situación é semellante. O pasado mércores, día 20, rexistrouse o que ata agora é o máximo de casos (1.859) e os datos do xoves, último día cos datos pechados, son practicamente idénticos (1.854). Neste contexto, a media diaria de diagnósticos por PCR a sete días segue á alza e xa se aproxima aos 1.200 nun contexto no que o único e levísimo sinal esperanzador é que os ritmos de incremento semellan comezar a decelerar.

Mentres todo isto sucede, o empeoramento xeral segue traducíndose en máis falecementos. Este sábado, os datos do Sergas confirman outros 15 que elevan o total ata 1.599. Dez destes falecementos corresponden ás vinte e catro horas previas e os outros cinco, a días anteriores. Unha desas mortes ten data o pasado mércores, día 20, o día con máis falecementos de persoas contaxiadas pola COVID-19 dende o 18 de abril [datos completos, nesta ligazón]. Nos últimos sete días, Galicia rexistra unha media dunha ducia de mortes por xornada oficialmente ligadas á pandemia.

Incidencia acumulada a 14 días superior a 600 por primeira vez

A gran cantidade de novos casos que afloran mantén á alza, cun ritmo e intensidade igualmente sen precedentes, os datos de incidencia acumulada (casos novos por cada cen mil habitantes) tanto a 7 como 14 días. A incidencia das últimas dúas semanas, cos datos do último día completo, supera por primeira vez os 600 casos novos por cada cen mil habitantes para o conxunto de Galicia, pero tres áreas sanitarias (A Coruña, Santiago e Ferrol) están xa por riba dos 700.

A actual incidencia acumulada a 7 días da COVID-19 en Galicia xa é maior que o que, o pasado novembro, foi o pico máximo da incidencia a 14 días 

A incidencia acumulada a 7 días tampouco permite albiscar, polo momento, un cambio de tendencia. Ben ao contrario, os 365 casos por cada cen mil habitantes na última semana que reflicten os últimos datos dispoñibles dan lugar a unha situación que reflicte ben ás claras o empeoramento xeral. A actual incidencia acumulada a 7 días xa é maior que o que, o pasado novembro, foi o pico máximo da incidencia a 14 días, que roldara os 342 [ambas series completas, nesta ligazón]

As incidencias acumuladas máis elevadas a 14 días esténdense cada vez máis sobre o mapa de Galicia. Os concellos con máis de 500 novos casos por cada cen mil habitantes nas últimas dúas semanas son xa case 150 e os que superan os 1.000 son máis de 70. Ademais, esas incidencias máis elevadas xa non atinxen só a concellos de poucos habitantes (onde poucos casos fan dispararse este indicador). Mentres, os municipios sen novos casos rexistrados nas últimas dúas semanas quedan en 25. En novembro e decembro chegaran a roldar o cento.

Ourense e A Coruña cruzaron xa o limiar dos 700 casos novos por cen mil habitantes en dúas semanas

Como adoito, as sete principais cidades son reflexo do empeoramento xeral. Dúas das máis poboadas, Ourense e A Coruña (por esta orde) rexistran as incidencias acumuladas a 14 días máis elevadas da Galicia urbana, tras superaren ambas os 700 casos novos por cada cen mil habitantes. A única nova relativamente boa neste ámbito é o ritmo de incremento da incidencia a 14 días en Santiago: a capital galega semella que comeza a aplanar a súa curva, aínda que ten unha incidencia por riba dos 600. Na banda contraria, Lugo, segue con niveis moito máis baixos que os do resto de cidades e que os do conxunto de Galicia, pero abandona a senda da estabilidade e xa supera os 200 casos por cada cen mil habitantes a 14 días.

Probas PCR ao máximo nivel, positividade entre o 10% e o 11%

Todas estas cifras rexístranse nun contexto no que a o número de probas PCR procesadas polo Sergas continúa en máximos de toda a pandemia. Nas últimas vinte e catro horas foron 12.332, máis de doce mil nunha xornada por terceiro día consecutivo. Por días naturais, o primeiro día con máis de 12.000 foi o pasado mércores e a media diaria da última semana é a máis elevada dende o comezo, por riba das 10.300 [podes consultar a serie completa aquí].

As taxas de positividade (porcentaxe de PCR que dan positivo) destas probas, condicionadas pola realización de amplos cribados poboacionais, amosan tamén o longo camiño que fica por diante antes dunha mellora clara da situación da pandemia. A positividade media a sete días segue trazando unha liña lixeiramente ascendente, cun ritmo de incremento menor nos últimos días, que se mantén un chisco por baixo do 11%. A Organización Mundial da Saúde segue tendo o 5%, menos da metade, como limiar para dar por controlada a pandemia nun territorio.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.