Profesionais sanitarios de distintos lugares de Galicia, especialmente da área sanitaria da Coruña, levan días lanzando advertencias sobre a situación na que se atopan os hospitais do país e os seus traballadores e traballadoras ante o incremento no número de contaxios de COVID. "Cada dous ou tres días temos que abrir unha nova planta covid no CHUAC e cada vez hai menos espazo. Imos pasar unha semana moi dura e as seguintes aínda o serán máis", dicía este luns Álvaro Mena, internista do CHUAC.
"Os hospitais empezan a estar cheos", alertaba tamén este martes Tato Vázquez Lima, xefe de Urxencias do Hospital do Salnés
Así mesmo, Pedro Marcos, director de Atención Hospitalaria do CHUAC subliñaba este mércores que "estamos vivindo días moi complicados", con 20 ou 30 ingresos todos os días e cada vez máis unidades do hospital reservadas para pacientes COVID. "Os hospitais empezan a estar cheos", alertaba tamén este martes Tato Vázquez Lima, xefe de Urxencias do Hospital do Salnés e membro do comité clínico que asesora á Xunta ante a pandemia da COVID-19.
"Cada dous ou tres días temos que abrir unha nova planta covid no CHUAC e cada vez hai menos espazo. Imos pasar unha semana moi dura e as seguintes aínda o serán máis", di Álvaro Mena, internista do CHUAC
O mesmo que a pasada semana o xefe da UCI do CHUAC da Coruña, David Freire, afirmaba que "a situación é crítica", pedindo á cidadanía que reducise os contactos sociais "ao mínimo", limitando ao máximo as visitas ao hospital e saíndo de casa "o estrictamente necesario". De igual xeito, Ana Zamora, médico de familia no Centro de Saúde dos Mallos, na Coruña, apelaba á "responsabilidade individual" da poboación e pedía a súa colaboración: "Non nos aplauda, evite os contactos con non convivintes e limite as súas saídas".
A cifra de camas ocupadas xustifica esta crecente preocupación entre os profesionais sanitarios. Os datos deste luns, notificados o martes pola mañá, elevan a 132 o número de camas de UCI ocupadas por pacientes Covid e a 696 as camas nas restantes unidades de hospitalización. Son cifras que aínda non chegan ás acadadas no peor momento da primeira vaga da pandemia, nos primeiros días de abril (177 camas de UCI, 1.107 no resto de unidades), pero que xa comezan a ser comparables. Ademais, os indicadores xa se sitúan moi por riba dos niveis máximos da segunda onda, no outono (110 camas de UCI e 611 no resto de unidades).
A Coruña, Ferrol, Santiago e Vigo superan xa amplamente os peores datos da segunda onda
A situación é máis grave nalgunhas áreas sanitarias, que superan amplamente os datos da segunda onda, como por exemplo na da Coruña-Cee (218 camas ocupadas, fronte ás 173 de novembro), Ferrol (110 fronte ás 63 de novembro), Santiago (132 fronte a 83) ou Vigo (134 fronte a 107). Mentres, Pontevedra, Ourense ou Lugo sitúanse aínda por debaixo do dato do outono, aínda que tamén están a medrar.
Nos últimos días varios pacientes foron trasladados dende o hospital de Ferrol ao de Lugo para aliviar a saturación
A situación xa está a obrigar as realizar cambios na atención sanitaria que se empresta nos hospitais de varias áreas sanitarias. Hai unha semana o Sergas decidiu aprazar cirurxías non urxentes na Coruña, Santiago e Ferrol para liberar camas de críticos. E, de igual xeito, nos últimos días foron varios os pacientes trasladados dende o hospital de Ferrol ao de Lugo para aliviar a saturación que comezaba a vivir a instalación da cidade naval.
Na Área sanitaria de Pontevedra-Salnés vén de decidirse a prohibición de todas as visitas nos hospitais, pois estaban a detectarse contaxios durante as visitas e acompañamentos de pacientes. Ademais, realizaranse test de antíxenos aos pacientes durante a súa hospitalización co obxectivo de detectar "o antes posible" a pacientes que eran negativos en Covid no seu ingreso pero que acabaron por dar positivo nas probas.
Os hospitais galegos están tendo que habilitar continuamente novos espazos (plantas enteiras) para atender o crecente número de pacientes enfermos de Covid-19
Así mesmo, a maior parte dos hospitais galegos están tendo que habilitar continuamente novos espazos (plantas enteiras) para atender o crecente número de pacientes enfermos de Covid-19. Así se fixo na área sanitaria de Ferrol, liberando un andar do Hospital Naval para atender a situación que se estaba a xerar no Hospital Arquitecto Marcide. E, igualmente, na área coruñesa, onde "cada dous ou tres días" o CHUAC ves obrigado a reservar un novo andar do Hospital, como indicaba Álvaro Mena este luns. De momento, iso si, a Consellaría de Sanidade descartou a apertura de hospitais de campaña en instalacións fóra das habituais.
Semanas de empeoramento por diante
O máis preocupante é que o incremento no número de camas ocupadas continuará aínda durante varias semanas. Mesmo se o aumento no número de contaxios se conseguise conter nos vindeiros días, chegando ao desexado pico da terceira onda, quedaría aínda un mínimo dunha semana de crecemento no número de hospitalizacións e cando menos outras dúas semanas de aumentos no número de camas de UCI ocupadas.
Mesmo se o aumento no número de contaxios se conseguise conter nos vindeiros días, chegando ao desexado pico da terceira onda, quedaría aínda un mínimo dunha semana de crecemento no número de hospitalizacións e máis tempo aínda de empeoramento nas UCI
Segundo os datos que vén manexando o Ministerio de Sanidade dende o inicio da pandemia, dende o contaxio ata a aparición dos primeiros síntomas adoitan pasar 5 ou 6 días. Dende os síntomas ata o diagnóstico da enfermidade o lapso é duns dous días e dende a aparición de síntomas ata o ingreso hospitalario daqueles casos máis graves adoitan pasar entre 5 e 7 días. Os hospitais galegos están sufrindo esta semana, polo tanto, o efecto directo dos contaxios producidos aínda nos primeiros de xaneiro. Posteriormente, a estadía media nos hospitais dos pacientes ingresados é duns 7 ou 8 días, pero nese prazo (de media, catro días despois da súa entrada no hospital) unha parte dos pacientes debe ser ingresado nas UCI, onde o tempo de recuperación adoita ser lento, chegando en moitos casos a estadías dun mes.
Outro dato, con orixe igualmente nas estatísticas oficiais que manexa o Ministerio de Sanidade. Dende o comezo da pandemia ao redor do 8,4% de todos os casos detectados en Galicia necesitan hospitalización, unha porcentaxe superior á media española (5,9%) produto seguramente da maior idade media da poboación galega. Ademais, o 1% dos casos necesita o seu ingreso nas UCI (0,5% en España) e o 1,4% do total de persoas diagnosticadas acabou falecendo (1,2% no conxunto do Estado).
Dende o inicio da pandemia, o 8,4% de todos os casos detectados en Galicia necesitan hospitalización e o 1% ingresan na UCI. Nos últimos sete días diagnosticáronse 8.000 positivos, dos que 672 necesitarán ingreso hospitalario e 80 entrarán na UCI
Se temos en conta que nos últimos sete días se detectaron 8.000 novos casos de Covid-19 en Galicia, iso significaría o ingreso de 672 persoas nos hospitais galegos cada semana, un número semellante ao existente na actualidade. Ademais, implicaría a ocupación de 80 novas camas de UCI cada semana, unha cifra moi elevada se consideramos que as estadías nas UCI son moito máis longas.
Prazos longos, que se engaden uns aos outros e que amosan que a actual crise sanitaria está aínda dando os seus primeiros pasos nos hospitais. As autoridades sanitarias fan un chamamento a "aplanar a curva" de contaxios o antes posible para tamén achegar o momento en que a situación nos hospitais comece a mellorar. Porén, para ese momento quedan aínda moitos días de empeoramento.