"Temos unha situación mala" que reflicten os datos de cada día. E "os hospitais empezan a estar cheos". Que fala é o doutor Tato Vázquez Lima, xefe de Urxencias do Hospital do Salnés e membro do comité clínico que asesora á Xunta ante a pandemia da COVID-19. Vázquez Lima, un dos integrantes do comité que máis cauto se mostrara en público ante a relaxación de restricións para as festas do Nadal, Aninovo e Reis, resumía así ante a prensa este 19 de xaneiro os efectos que a explosión de positivos do coronavirus dos últimos días está a ter sobre o sistema sanitario.
As 778 persoas ingresadas con test positivo da COVID-19 xa son máis que no pico do outono e o seu ritmo de incremento é semellante ao da primavera de 2020
En apenas unha semana, o Sergas computou máis de 8.000 novos positivos da COVID-19, casos resultantes de contaxios durante as semanas das festas. Dada a actual capacidade diagnóstica, resulta pouco adecuado comparar as magnitudes totais de casos coas da primeira vaga da pandemia, pero o impacto nos hospitais si é comparable. O total de persoas ingresadas con test positivo da COVID-19, 778, xa superou amplamente o pico do pasado outono (611) e medra a un ritmo semanal -agora son 287 máis que sete días antes- equiparable ao de finais de marzo de 2020.
As persoas na UCI por mor da COVID tamén superan o pico de novembro
Do total de 778 persoas ingresadas con test positivo, 114 están en unidades de coidados intensivos. Son tamén máis que no máximo acadado no outono (110) e a suma total é, igualmente, moi parecida á de finais de marzo. Admite o xerente do Sergas, José Flores, que a presión da pandemia se incrementa en "todos os niveis" do sistema sanitario, cun incremento da carga hospitalaria "paralelo ao do número de positivos" que tamén reflicten, por exemplo, incrementos de "entre o 30% e o 20%" de casos de COVID nas Urxencias hospitalarias.
Así e todo, asegura Sanidade que, cando menos de momento, non prevé botar man de hospitais de campaña. Si comezara a montalos en marzo do ano pasado en Santiago e na Coruña, aínda que acabara desbotando o seu uso apenas dúas semanas despois.
Este martes, o Sergas suma 1.183 novos casos, máis de mil en vinte e catro horas por sétima xornada consecutiva
Nun contexto no que o efecto nos hospitais adoita ir arredor de dúas semanas por tras dos incrementos significativos de positivos, todo fai agardar que a presión hospitalaria aínda continuará á alza nos vindeiros días e semanas. Non en van, este 19 de xaneiro o Sergas agrega ao seu cómputo un total de 1.183 casos novos, os rexistrados entre as seis da tarde do domingo e a mesma hora do luns. Deles, 970 son diagnósticos mediante PCR.
Son xa sete as xornadas con máis de mil casos novos (entre as seis da tarde dun día e a mesma hora do seguinte). En termos de días naturais, ese limiar superouse por primeira vez hai unha semana (o martes 12) e o mesmo aconteceu os cinco días seguintes. O domingo, día 17, último día completo dispoñible, o total de casos novos quedou un chisco por baixo do milleiro, en 975. Estes números levan a media semanal de diagnósticos a un novo máximo, 982, se ben o incremento deste indicador na última xornada é menos pronunciado que en días anteriores.
Vinte e catro mortes máis de catro días
As cifras da pandemia son moi avultadas e nesta xornada sono tamén no que atinxe aos falecementos oficialmente ligados ao coronavirus. O cómputo oficial suma ata 24 máis este 19 de xaneiro, ata chegar ás 1.536. Cinco celas corresponden ás vinte e catro horas previas e as outras dezanove están datadas nos tres días previos. Ao domingo, 17 de xaneiro, corresponden ata 13 destes falecementos.
Entre as 24 mortes comunicadas inclúese a dunha muller de 57 anos que, segundo Sanidade, non padecía ningunha outra enfermidade previa
Once das mortes agora computadas son de persoas que vivían en residencias de persoas anciás e con discapacidade, o que supón que xa morreron co coronavirus 619 persoas que vivían nestes centros, onde se agarda que nos vindeiros días comece a estenderse a inmunización produto da segunda dose da vacina. A maior parte das vinte e catro mortes comunicadas son de persoas de idade avanzada, aínda que tamén faleceu unha muller de 57 anos no hospital de Pontevedra que, segundo Sanidade, non padecera "patoloxías previas" á COVID-19.
Apenas unha trintena de concellos sen casos en 14 días
Con este elevado volume de novos casos detectados, a incidencia acumulada do coronavirus a 14 días segue un día máis á alza. O valor medio para toda Galicia xa supera os 470 casos novos por cada cen mil habitantes, pero as áreas sanitarias de Ourense, A Coruña-Cee, Ferrol e Santiago xa están por riba dos 500, o cal tamén acontece en máis dun cento de concellos, atendendo aos datos feitos públicos este 19 de xaneiro.
Amplas áreas da provincia da Coruña, o Baixo Miño, a Mariña Occidental e o Ortegal, a área de Verín e da Limia ou a contorna de Arzúa, Melide e da Ulloa destacan por teren as incidencias acumuladas máis elevadas e as incidencias superiores a mil casos novos por cada cen mil habitantes xa non son exclusivas de concellos moi pouco poboados, onde uns poucos casos fan que este indicador se dispare. É o que sucede, por exemplo, en Viveiro, Arteixo ou Xinzo de Limia, onde a Xunta vén de impoñer un modelo reforzado de restricións. Mentres, os concellos sen novos casos nas últimas dúas semanas, que en novembro e decembro chegaron a roldar o cento, apenas son xa unha trintena. [A Xunta pecha hostalería e actividade "non esencial" en Arteixo, Viveiro e Xinzo e suspende todo o deporte federado autónomico]
Por cidades, os datos evidencian que o acougo está lonxe de chegar. As que xa estaban en nivel máximo de restricións (Santiago, Ourense, A Coruña e Ferrol) continúan a súa escalada e a capital galega xa sube por riba dos 570 casos novos por cada cen mil habitantes en dúas semanas. Na banda contraria segue Lugo, a única cidade en nivel alto de restricións -aínda que con peche perimetral-, que continúa cunha incidencia máis contida, aínda que xa superando os 166 casos novos por cada cen mil habitantes, o que significa duplicar a incidencia á que dera chegado antes das festas do Nadal.
Certo acougo nas taxas de positividade
A media diaria de probas PCR da última semana, máis de 9.000, é a máis elevada dende o comezo da pandemia
Todas estas elevadas cifras rexístranse nun contexto no que tamén seguen sendo elevado o número de probas diagnósticas procesadas pola sanidade pública galega. No que atinxe ás PCR, o test de referencia do que o Sergas dá datos máis concretos, a media diaria de probas procesadas na última semana é a máis elevada dende o comezo da pandemia e supera por primeira vez as nove mil. Nas últimas vinte e catro horas das que hai datos (das seis da tarde do domingo ás do luns) procesáronse 9.819 PCR, un número que destaca por tratarse da fin de semana.
Nos últimos días, o procesamento dun gran número de probas non provocou o efecto que si provocara antes do Nadal, cando a realización de cribados contribuíra a facer baixar as taxas de positividade (porcentaxe de probas que dan positivo). Este indicador segue en niveis elevados, por riba do 10% (a OMS sinala o 5% como limiar para dar por controlada a pandemia nun territorio), se ben en termos de positividade media a sete días, o ritmo dos últimos días apunta a un leve acougo que mesmo permite, entre o dato do domingo e o do luns, descender unhas seis décimas. Aínda é cedo, non obstante, para coñecer se este é o comezo dun cambio de tendencia ou só un descenso puntual.