A terceira onda da pandemia de Covid-19, provocada polas reunións sociais e a mobilidade que tivo lugar durante as semanas de Nadal, deixa xa en Galicia e no conxunto do Estado español as maiores cifras de positivos dende marzo. De igual xeito, está a incrementar a saturación dos hospitais, que nos vindeiros días superarán os niveis acadados nos peores momentos da segunda vaga, entre outubro e novembro. Ademais, o aumento no número de contaxios pode obstaculizar o proceso de vacinación contra a enfermidade, no que a sociedade puxo as súas esperanzas de limitar os efectos desta doenza.
Gestal: "Non creo que coas medidas adoptadas se consiga frear o crecemento da curva, as incidencias son moi elevadas"
Falamos con Francisco Caamaño Isorna, profesor titular de Medicina Preventiva e Saúde Pública da USC e director do Departamento de Psiquiatría, Radioloxía, Saúde Pública, Enfermaría e Medicina da universidade compostelá, e con Juan Gestal, Juan Gestal, Profesor Emérito de Medicina Preventiva e Saúde Pública da USC, dúas das voces galegas máis respectadas nos últimos meses á hora de seguir a evolución da pandemia e de recomendar solucións para reducir a súa incidencia.
Preguntámoslles sobre a situación actual en Galicia, os posibles efectos sobre o sistema hospitalario e o proceso de vacinación en marcha. Así mesmo, solicitamos a súa opinión sobre os erros cometidos durante o Nadal e tamén sobre o posible risco ligado a aparición de variantes do virus máis contaxiosas. Finalmente, pedímoslles a súa valoración sobre as medidas adoptadas ata o momento pola Xunta e o Goberno central e sobre a necesidade de endurecer estas restricións.
As medidas adoptadas hai uns días pola Xunta (peche perimetral de concellos, adiantamento do toque de queda, limitacións á hostalería...) serán suficientes para frear o actual aumento de casos ou sería conveniente endurecelas?
Caamaño: "Son escéptico de que consigamos modificar a situación de maneira significativa sen adoptar medidas excepcionais porque me dá a sensación de que moita xente perdeu o medo ao virus"
Juan Gestal: O peche perimetral ten sentido cando se está ao comezo dunha pandemia e a enfermidade está localizada nunha zona para evitar que se estenda a outras, pero agora que a enfermidade está en todas partes ten pouca efectividade. Supoño que o fan para tratar de diminuír os contactos sociais, pero a efectividade é mínima. O toque de queda si é máis efectivo e, de feito, canto máis cedo se aplique máis preto estamos da efectividade do confinamento domiciliario. As limitacións da hostalería son para que non se teña motivo para saír da casa e diminuír os contactos sociais, pero o peche total da hostalaría tampouco sería suficiente, senón que son necesarias medidas que diminúan aínda máis os contactos sociais. En resumo, non creo que coas medidas adoptadas se consiga frear o crecemento da curva de casos da Covid, as incidencias son moi elevadas.
"Vivimos nunha sociedade hedonista, a liberdade individual está sacralizada, calquera norma limitante nos parece horrible. Todo isto ten cousas moi boas, pero tamén algunha mala, como estamos vendo"
Francisco Caamaño: Son escéptico de que consigamos modificar a situación de maneira significativa sen adoptar medidas excepcionais porque me dá a sensación de que moita xente perdeu o medo ao virus. En parte supoño que é unha consecuencia da existencia da vacina, da redución do número de mortes con respecto á primeira onda e de que unha parte importante dos contaxios correspondan a xente nova e que polo tanto teñan consecuencias menos graves. A poboación está máis relaxada e, ademais, está fatigada.
Vivimos nunha sociedade hedonista, a liberdade individual está sacralizada, calquera norma limitante nos parece horrible. Todo isto ten cousas moi boas, pero tamén algunha mala, como estamos vendo, pois cando chega unha situación como esta, parece que a moita xente lle custa lidiar cun cambio de chip.
Sería conveniente un confinamento domiciliario temporal, semellante ao da primavera ou ao que están aplicando outros países europeos?
Gestal: "Chégase tarde outra vez, e cómpre lembrar que esta é unha enfermidade que ten un crecemento exponencial. Parece que xa nos esquecemos de marzo"
Juan Gestal: Si, sen dúbida ningunha, e canto antes. Nun primeiro momento cun mes de duración e despois xa se irá vendo. O que ocorre é que o decreto do actual Estado de Alarma non o contempla e será necesario aprobar un novo decreto, e niso vaise perder un tempo precioso. Chégase tarde outra vez, e cómpre lembrar que esta é unha enfermidade que ten un crecemento exponencial. Parece que xa nos esquecemos de marzo. No verán e no outono eran moitos os asintomáticos, por iso era máis controlable coas medidas brandas, pero agora son máis os casos sintomáticos nos positivos dos test, o que supón unha maior demanda de atención sanitaria, e que a busca de fontes de infección cos test é menos eficiente.
Caamaño: "Se entre esta semana e o comezo da seguinte a curva non se aplana e comeza a descender rapidamente, haberá que tomar medidas adicionais que poden incluír algún tipo de confinamento"
Francisco Caamaño: Veremos que efectos teñen as medidas aplicadas hai unha semana. Supoño que as administracións analizarán esta semana e no comezo da seguinte como evolucionan os datos. Pero se neste prazo a curva non se aplana e comeza a descender rapidamente, haberá que tomar medidas adicionais que poden incluír algún tipo de confinamento, semellante á Fase 1 da primavera, no que haxa que permanecer na casa pero no que se poida saír a pasear e no que se seguramente se manterán abertos os colexios. Os colexios e garderías non son lugares de especial risco e ademais o feito de que se manteñan abertos facilita en gran maneira a vida dos pais. Outra cousa son os institutos ou universidades, onde o alumnado ten máis autonomía e pode seguir mellor clases virtuais.
Se non melloramos a situación antes do final da semana que vén, supoño que as autoridades farán algún anuncio neste sentido. Dende logo, o chamamento por parte dos epidemiólogos é dende hai varios días é o de quedar na casa o máximo posible, agás para ir traballar, á escola e facer compras esenciais.
O relaxamento das medidas de prevención e restricións durante o Nadal demostrou ser un erro?
Gestal: "Non podemos culpar a poboación do ocorrido: os Gobernos permitiron as reunión da Noiteboa, Nadal, Fin de Ano, Aninovo, Reis..., despois de ver o ocorrido na Ponte da Constitución, e aquí temos as consecuencias"
Juan Gestal: Si, foi un erro moi grande. Víase claramente o que ía pasar e non foi porque non se advertise. Non podemos culpar a poboación do ocorrido: os Gobernos permitiron as reunión da Noiteboa, Nadal, Fin de Ano, Aninovo, Reis..., despois de ver o ocorrido na Ponte da Constitución, e agora aquí temos as consecuencias. Ademais, sabendo que a COVID-19 é unha enfermidade na que a transmisión se produce fundamentalmente na fase asintomática por supertransmisores e en eventos de supertransmisión, como son as comidas e reunións nos domicilios.
Francisco Caamaño: Si, dende logo. Agora estamos vendo o efecto das xuntanzas sociais que se produciron durante o Nadal, días nos que houbo moitísimos movementos e que agora se traducen en contaxios. Era algo que estaba máis ou menos previsto: moitas voces alertaban de que se non nos comportabamos como había que facelo, a consecuencia ía ser esta, e así ocorreu.
Caamaño: "Nunca acabei de comprender por que dende as administracións se convidaba a unirse dúas familias, mesmo tres nalgúns casos. Creo que non había necesidade, non tería pasado nada por celebrar o Nadal cada un na súa casa"
Nunca acabei de comprender por que dende as administracións se convidaba a unirse dúas familias, mesmo tres nalgúns casos. Creo que non había necesidade, non tería pasado nada por celebrar o Nadal cada un na súa casa por unha vez na vida. Calquera outra indicación, debates sobre se contaban os nenos ou non contaban os nenos, sobre se o límite tiñan que ser 6 persoas ou 10 persoas..., todo iso creo que contribuíu a que na poboación se xerase confusión e unha sensación de que non había tanto risco. As autoridades sabían que isto ía pasar e sabían, ademais, que era fundamental evitar unha terceira onda no momento en que iamos comezar a vacinar.
Corremos o risco de chegar a unha saturación do sistema hospitalario semellante ao da primeira onda da pandemia?
Juan Gestal: Si, ou incluso peor canto máis se tarde en tomar a medida do confinamento.
Francisco Caamaño: Si, pode haber problemas graves nos hospitais
O actual incremento de casos supón un obstáculo grave no proceso de vacinación?
Caamaño: "O aumento de contaxios destes días ten algunhas implicacións importantes no proceso de vacinación. O primeiro efecto negativo é que persoas que se vacinaron hoxe dentro de tres días van enfermar de Covid-19 e iso vai xerar a sensación de que a vacina non funciona, cando non é así"
Juan Gestal: Si, supón unha dificultade. Deberíase estar vacinando máis rapidamente dependendo unicamente da chegada das vacinas. Canto antes vacinemos os máis vulnerables diminuiremos a presión sanitarias e as mortes, e vacinando o persoal sanitario con máis relación coa Covid-19 evitaranse as baixas e o colapso que estas poden favorecer no funcionamento de diferentes servizos hospitalarios e da atención primaria.
Francisco Caamaño: O aumento de contaxios destes días ten algunhas implicacións importantes no proceso de vacinación. O primeiro efecto negativo é que persoas que se vacinaron hoxe dentro de tres días van enfermar de Covid-19 e iso vai xerar a sensación de que a vacina non funciona, cando non é así, porque a vacina só é eficaz unha semana despois da administración da segunda dose. En segundo lugar, o feito de vacinar a persoas que xa tiñan o virus ou que enferman nos primeiros días despois da súa administración vai axudar á capacidade de adaptación do virus, limitando a eficacia da vacina; se iso se repite en miles e miles de persoas podería levar a crear cepas resistentes á vacina. En terceiro lugar, o feito de que haxa persoas con síntomas graves de Covid é un atranco para o propio proceso, porque non poden ser vacinados. E en cuarto lugar, vai suceder que haberá enfermeiros e enfermeiras, as persoas encargadas de administrar a vacina, que estean enfermos e enfermas, o que tamén entorpecerá o proceso.
En que medida son preocupantes as novas variantes do virus, como a descuberta hai unhas semanas no Reino Unido?
Gestal: "A variante descuberta no Reino Unido está circulando por España e tamén en Galicia, pero de momento non é a predominante. É xa moi difícil contela, e os virólogos estiman que en dous meses ou incluso algo menos podería facerse dominante"
Juan Gestal: A variante descuberta no Reino Unido está circulando por España e tamén en Galicia, pero de momento non é a predominante. Polo que se está vendo no Reino Unido ten unha grande transmisibilidade, o que supón un incremento do número de casos que pon en maior perigo a capacidade de asistencia do sistema nacional de saúde. É xa moi difícil contela, e os virólogos estiman que en dous meses ou incluso algo menos podería facerse dominante.
Francisco Caamaño: Os procesos de mutación son normais, os virus están mutando continuamente e continuamente aparecen variantes diversas. Algunhas variantes son máis contaxiosas e outras menos e as máis contaxiosas teñen a impoñerse. Pero, do mesmo xeito, esas variantes máis contaxiosas tenden a ser menos letais, porque as máis virulentas, que matan ao hospedador, reprodúcense peor por este motivo. Polo que sabemos ata agora, as vacinas aprobadas funcionan exactamente igual con estas novas cepas e mesmo se nalgún momento non o fixesen, sería moi doado modificalas para que seguisen sendo eficaces.
Atendendo ao que sabemos actualmente, as vacinas aprobadas suporán o final da pandemia, cando cheguemos con elas á inmunidade de grupo? Ou teremos que afacernos a convivir coa Covid como unha enfermidade que regrese todos os anos (aínda que con menor virulencia, como a actual gripe común)?
Gestal: "O control da pandemia non se acadará ata que non esteamos vacinados un 60% da poboación. Cando o consigamos en España, poderemos diminuír algo as medidas de prevención"
Juan Gestal: O control da pandemia depende en efecto das vacinas e non se acadará ata que non esteamos vacinados un 60% da poboación. Cando o consigamos en España, poderemos diminuír algo as medidas de prevención, pero ata que se consiga a nivel mundial non terá rematada a pandemia. Se o virus vai quedar entre nós como os coronavirus do catarro común e visitarnos periodicamente no outono-inverno é algo que non sabemos. Dependerá en gran medida de que sexamos capaces de eliminalo rapidamente da circulación en todo o mundo mediante a vacinación, para o que será preciso un apoio aos países con menos recursos.
Francisco Caamaño: Eu creo que si, nese tema son bastante optimista. Iso si, gustaríame que o ritmo de vacinación fose maior e non sei se se está poñendo toda a carne no asador en todas as comunidades autónomas. Creo que se deberían poñer aí todos os recursos dispoñibles e na medida en que haxa vacinas dispoñibles, deberíase pensar en vacinar 24 horas ao día, todos os días da semana.
Caamaño: "A enfermidade convivirá con nós nos vindeiros anos, aínda que a súa gravidade será menor e a vacina acabará estando no calendario de vacinación xunto coas que xa coñecemos"
Outro tema distinto é que seguramente si que teremos que aprender a convivir coa enfermidade. Pensar na erradicación absoluta é moi complicada, ata agora na historia da humanidade foron moi poucas as enfermidades erradicadas por completo. A enfermidade convivirá con nós nos vindeiros anos, aínda que a súa gravidade será menor e a vacina acabará estando no calendario de vacinación xunto coas que xa coñecemos. Ademais, aínda son moitas as incógnitas e polo momento non podemos estar seguros de canto tempo nos vai cubrir esta vacina e se teremos que poñer outra dentro duns poucos anos.