- ACTUALIZAMOS 👉 A Xunta pecha hostalería e actividade "non esencial" en Arteixo, Viveiro e Xinzo e suspende todo o deporte federado autónomico
O Comité Clínico da Consellaría de Sanidade vén de decidir o endurecemento das restricións e medidas de prevención ante a Covid-19 en 55 concellos de toda Galicia, entre eles as cidades de Vigo e Pontevedra. Todos eles pasan a estar encadrados no nivel máximo de restricións, no que xa se atopaban as cidades da Coruña, Santiago, Ferrol e Ourense. A decisión é consecuencia do rápido empeoramento da situación epidemiolóxica na maior parte de Galicia, cun incremento no número de contaxios e nos ingresos hospitalarios.
Neste concellos pasará a haber limitacións de mobilidade, con peches perimetrais de ámbito municipal
Nestes concellos pasará a haber limitacións de mobilidade, con peches perimetrais de ámbito municipal que farán que estea prohibida a entrada e saída do termo municipal agás causa xustificada (unha medida que xa se aplicaba en Vigo e Pontevedra, o mesmo que en Lugo, a pesar de estaren no nivel alto).
Ademais, a hostalaría deberá limitar a súa actividade ás terrazas, e unicamente cunha capacidade máxima permitida do 50%. O resto das medidas seguirán como ata agora, con reunións de persoas non convivintes limitadas a catro persoas.
A hostalaría deberá limitar a súa actividade ás terrazas
A Xunta aínda non concretou en que momento entrarán en vigor estas novas medidas, que detallará este martes pola mañá. En total, agora pasan a ser 115 as localidades neste nivel máximo, ou o que é o mesmo, o 72% da poboación galega.
Entre os novos concellos con restricións máximas, 11 están na área sanitaria da Coruña e Cee; 3 na de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos; 5 na de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras; 5 na de Pontevedra e O Salnés; 10 na de Vigo; 10 na de Santiago de Compostela e Barbanza e 9 na de Ferrol.
En total, agora pasan a ser 115 as localidades neste nivel máximo, ou o que é o mesmo, o 72% da poboación galega
Estes concellos son, na área coruñesa, Betanzos, A Laracha, Sada, Abegondo, Cabana de Bergantiños, Coristanco, Dumbría, Muxía, Oza-Cesuras, Sobrado e Vilasantar (inicialmente, a Xunta tamén incluíu Corcubión, pero despois aclarou que este concello continuará en nivel alto). Na área sanitaria de Lugo son Burela, Cervo e O Vicedo. Na área ourensá, Celanova, Porqueira, Ribadavia, Trasmiras e Vilar de Santos. Na área de Pontevedra son A Lama, Catoira, Forcarei, Meis e Moraña.
En canto a área sanitaria de Vigo, os concellos afectados son Gondomar, Mos, Nigrán, O Porriño, Arbo, A Cañiza, As Neves, Crecente, Mondariz e Salceda de Caselas. Na área de Santiago, Ordes, Teo, A Baña, Negreira, Padrón, Rois, Dodro, Touro, Arzúa e Silleda. Finalmente, na área de Ferrol, pasan ao nivel máximo Cariño, Cedeira, Cerdido, Mañón, Moeche, Mugardos, Neda, San Sadurniño e Valdoviño.