Os contaxios das semanas das festas elevan a presión no sistema sanitario galego ata máximos da pandemia

Cribado da COVID-19 en Negreira a pasada fin de semana CC-BY-NC-SA Foto: Concello de Negreira | Montaxe: Praza Pública

Galicia pechou a segunda semana completa do ano 2021 con 739 persoas ingresadas nos seus hospitais con test positivo da COVID-19, segundo os datos divulgados polo Sergas este luns, 18 de xaneiro. Son 84 máis que un día antes, o maior incremento dende o 28 de marzo de 2020 (daquela foran +108), e 271 máis que o mesmo día da semana anterior. Chégase así a 739 ingresos simultáneos formalmente ligados á pandemia, a cifra máis elevada dende o 15 de abril. Deles, 104 son persoas hospitalizadas na UCI, máis de cen por primeira vez dende finais de novembro.

O incremento de persoas hospitalizadas por mor da COVID-19 é o maior dende o 28 de marzo e a cifra total de ingresos é a máis elevada dende o 15 de abril

O veloz incremento da presión hospitalaria pola COVID-19, coa cifra de persoas contaxiadas ingresadas a duplicarse amplamente en apenas un mes, é unha das consecuencias máis evidentes no sistema sanitario do alto número de contaxios das semanas das festas do Nadal, Aninovo e Reis, que continúan a ser detectados. Mais non a única. A comezar polo feito de que, en realidade, as hospitalizacións ligadas á pandemia adoitan ser máis que as reflectidas nas estatísticas, toda vez que as persoas contaxiadas que pasan a dar negativo pero precisan seguir no hospital por mor do seu estado xeral de saúde, desaparecen deste cómputo en aplicación dos protocolos vixentes.

Co volume total de ingresos en niveis de abril, en pleno confinamento domiciliario, as alertas dende os hospitais multiplícanse. Especialmente dende as áreas sanitarias da provincia da Coruña, as que sofren maiores cifras de hospitalización e onde, dende a pasada semana, están a ser adiadas operacións programadas non urxentes por mor da necesidade de prazas nas UCI.

O elevado número de "positivos activos", por primeira vez máis de 13.000, contribúe a sobrecargar a Atención Primaria en plena vacinación

Pero a presión sobre o sistema sanitario a causa da pandemia non se reflicte só nos ingresos hospitalarios. Tamén no número global de contaxios detectados e na suma de persoas consideradas como positivos activos. A evolución deste indicador, que vén sendo o de referencia para a Xunta, está disparada dende os primeiros días do ano e vén de superar por primeira vez o limiar das 13.000 persoas. Tamén é a primeira vez que se rexistran en Galicia máis de 12.000 persoas en seguimento domiciliario por seren localizadas como contaxiadas do coronavirus.

O elevado número de positivos activos sobrecarga o sistema en elos especialmente sensibles, como a Atención Primaria ou os servizos de enfermaría. E faino xusto cando este persoal é tamén clave no traballo de vacinación. [O camiño das vacinas: dos ultraconxeladores á busca da inmunización

Unha media superior aos 900 casos diarios na última semana

O Sergas suma 1.025 casos novos e son xa seis as xornadas por riba do milleiro

Esta forte presión no sistema sanitario prodúcese tras unha escalada constante no número de novos casos detectados dende finais de 2020, disparada de vez a partir dos primeiros días de 2021. En apenas dúas semanas, a media diaria de novos diagnósticos mediante PCR duplicouse amplamente ata superar, cos datos do último día completo (o sábado, día 16) o limiar dos 900. Este luns, 18 de xaneiro, Sanidade agrega 1.025 novos casos detectados entre as seis da tarde do sábado e a mesma hora do domingo (890, diagnósticos mediante PCR). Son xa seis as xornadas consecutivas por riba do milleiro de casos novos e, en termos de días naturais, sucede o mesmo dende o martes día 12 de xaneiro.

Mentres todo isto acontece, o Sergas continúa confirmando mortes de persoas que contraeran a doenza. Este luns entran no cómputo oficial un total de nove falecementos (un deles, dunha muller de 89 anos hospitalizada en Vigo e procedente da residencia Paz y Bien de Tui, intervida a pasada semana pola Xunta). O total de falecementos ligados oficialmente á pandemia chega así aos 1.512.

Novo récord de incidencia a 14 días para o conxunto de Galicia

A incidencia a 14 días xa supera os 500 nas áreas de Ourense, A Coruña e Ferrol

O elevado número de casos detectados provoca que continúe á alza a incidencia (casos novos por cada 100.000 habitantes) a 14 días para o conxunto de Galicia coa escalada máis veloz dende o comezo da pandemia ata superar xa os 450 casos. Por áreas sanitarias, o crecemento da incidencia a 14 días é especialmente pronunciado nas de Ourense, A Coruña-Cee e Ferrol, as tres xa por riba dos 500 casos por cada cen mil habitantes.

Territorialmente, como amosa o mapa baixo estas liñas, as incidencias acumuladas máis elevadas seguen en varias áreas da provincia da Coruña, no Baixo Miño ou nas contornas da Limia e Verín. Tamén na Mariña Occidental e no Ortegal. O empeoramento é, en calquera caso, xeral; mostra disto é que xa só quedan 35 concellos sen novos casos rexistrados nas últimas dúas semanas. Nos meses de novembro e decembro chegaron a roldar o centenar.

No que atinxe ás principais cidades, que a Xunta adoita sinalar como principais termómetros da evolución da pandemia, a evolución da incidencia a 14 días segue especialmente disparada en Santiago e Ourense, ambas por riba dos 500 casos novos por cada 100.000 habitantes. Tamén na Coruña, que se aproxima aos 500. Con incidencias máis moderadas logran manterse polo momento Vigo e Pontevedra, aínda que ambas están xa por riba dos 300. Lugo, pola súa banda, aguanta como a cidade con menor incidencia acumulada a 14 días, se ben nas últimas xornadas semella abandonar a súa estabilidade, trazando unha repunta que a leva a superar xa os 150 casos detectados por cada cen mil habitantes nas últimas dúas semanas.

Positividade por riba do 10% e mostras de acougo moi puntuais

A media diaria de probas PCR procesadas na última semana é a máis elevada dende o comezo da pandemia

O gran volume de casos detectados está intimamente relacionado co alto número de probas PCR procesadas nos últimos días. Nas últimas vinte e catro horas foron algo máis de 8.800 e, malia a ser a cifra máis baixa da última semana, a media diaria a sete días de probas PCR segue escalando e marca outro máximo da pandemia, cun número medio de máis de 8.900 PCR procesadas ao día.

Este elevado número de probas PCR provoca que, á hora de observar a taxa de positividade (porcentaxe de test que dan positivo) non sexa posible comparar a situación actual coa de marzo ou abril de 2020, cando a media de PCR ao día apenas superou as 3.000. Si é comparable, no entanto, co acontecido o pasado verán e tamén co sucedido no outono. E o resultado e ambas comparacións é que a actual taxa de positividade, por riba do 10%, así como a súa tendencia, amosa un escenario moito máis negativo que nos anteriores picos.

Neste negativo panorama xeral, a letra pequena das taxas de positividade permite albiscar o que, cando menos de momento, son levísimas mostras de acougo. A positividade media a sete días para o conxunto de Galicia semella moderar -moi levemente, de momento- o seu incremento, en boa medida porque ata en tres áreas sanitarias (Lugo, Ourense e Vigo) as probas procesadas ata as seis da tarde do domingo regresaron á contorna do 6%, un punto por riba do recomendado pola OMS para dar por controlada a pandemia. Este é, en calquera caso, un dato parcial e puntual e cómpre observar a súa evolución nos vindeiros días para ratificar se está próximo un cambio de tendencia ou a situación xeral segue a empeorar.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.