No conxunto do ano morreron en Galicia 33.118 persoas, case dúas mil máis que as falecidas no ano 2019 (31.189). O incremento da mortalidade concentrouse nas persoas maiores de 75 anos
O Instituto Nacional de Estatística (INE) publicou este mércores a estatística completa de defuncións semanais do ano 2020, uns datos que poden ser comparados cos de anos anteriores para observar as diferenzas na mortalidade en cada momento de ano e, en concreto, para analizar o efecto da pandemia de Covid-19.
No conxunto do ano morreron en Galicia 33.118 persoas, case dúas mil máis que as falecidas no ano 2019 (31.189). O exceso de mortalidade pode ser atribuído en boa medida ás defuncións provocadas pola Covid-19, que deixou ao redor de 1.300 falecementos no noso país, segundo as estatísticas oficiais de Xunta e Ministerio de Sanidade. O exceso de mortalidade en Galicia (un 6,18% máis que no 2019) é o máis baixo de todo o Estado español, cunha media do 20,45% que supera o 40% na Comunidade de Madrid.
De feito, Galicia foi un dos territorios europeos con menor exceso de mortalidade na primeira vaga da pandemia, segundo as estatísticas publicadas por Eurostat.
Porén, cómpre tomar esa estatística con moita precaución, pois o exceso de mortalidade en Galicia puido ser inferior, se temos en conta que a diferenza de defuncións entre 2020 (33.118) e 2018 (32.325) foi moi inferior, unha mostra de que estes datos varían moito duns anos a outros e que están influídos por moi distintos factores, ademais da actual pandemia de Covid-19. Ademais, o propio envellecemento da poboación galega fai que o número de falementos leve anos en ascenso de forma habitual.
O incremento da mortalidade concentrouse entre o 23 de marzo e o 19 de abril e, de novo, a partir do mes de agosto
En todo caso, a estatística semanal do INE si amosa que en varios momentos do ano 2020 a pandemia de Covid-19 provocou un incremento excepcional do número de falecementos en Galicia. O efecto foi moi claro nas semanas 13, 14, 15 e 16 (do 23 de marzo ao 19 de abril). Neses días o número de mortes foi moi superior ao dos tres anos anteriores, ao redor do 20%.
En decembro o INE publicou unha estimación das mortes totais ligadas á Covid-19 durante a primeira onda da pandemia, concluíndo que a COVID puido causar na primeira onda en Galicia cen mortes máis que as rexistradas oficialmente.
No ano 2020 o número de persoas menores de 75 anos que morreron en Galicia foi o mesmo que no ano 2019
A mellora da situación fixo que ata o mes de xullo non só non houbera un incremento das mortes con respecto aos anos anteriores, senón que mesmo o seu número foi inferior. Porén, a partir dese momento volve detectarse un incremento na mortalidade, que é especialmente claro nos meses de outubro e novembro, coincidindo coa segunda onda da pandemia.
Se collemos unicamente os datos referidos aos falecementos de persoas de 75 anos e máis (o colectivo máis afectado pola Covid-19) o efecto desta enfermidade é aínda máis claro. A diferenza de mortalidade no conxunto do ano, 1.900 defuncións, iguala practicamente a cifra total para o conxunto da poboación. É dicir, no ano 2020 o número de persoas menores de 75 anos que morreron en Galicia foi o mesmo que no ano 2019.
A diferenza entre as dúas liñas, no que atinxe unicamente aos falecementos de persoas de máis de 75 anos, é evidente nos meses de marzo e abril, pero tamén a partir da segunda semana de xullo (semana 28), a pesar de que ata agosto o número de defuncións ligadas á Covid-19 non volveu aumentar en Galicia.
Chama a atención o aumento no número de defuncións que se produciu na provincia de Ourense en outubro
Por territorios, o pico de marzo e abril obsérvase claramente na Coruña, Pontevedra e Ourense e algo menos en Lugo (nesta provincia o número de falecementos ligados á Covid-19 foi reducido na primavera). No resto do ano chama a atención o aumento no número de defuncións que se produciu na provincia de Ourense en outubro, coincidindo coa segunda onda da pandemia, que deixou ducias de mortes nesta área, especialmente nas residencias de maiores.