A expansión da COVID continúa batendo récords nesta terceira vaga da pandemia, mantendo os malos datos e sen albiscar aínda o pico dunha curva que segue disparada en varios indicadores. O Sergas incorpora este sábado, 16 de xaneiro, 1.343 casos confirmados do coronavirus, rexistrados das seis da tarde do xoves á mesma hora do venres, 1.135 deles por PCR.
A detección masiva de contaxios tras o Nadal non fai máis que subir a curva da incidencia e alcanzar valores ata o de agora inéditos en Galicia
A cifra supón bater unha nova marca negativa e, tendo en conta días naturais, supón tamén que xa van tres xornadas seguidas con máis de mil casos novos (martes 12, 1.477; mércores 13, 1.484; xoves 14; 1.492).
A detección masiva de contaxios tras o Nadal non fai máis que subir a curva da incidencia e alcanzar valores ata o de agora inéditos en Galicia, cunha incidencia acumulada a 14 días de 380 casos ou unha media de diagnósticos de máis de 800 na última semana.
A media diaria de diagnósticos a sete días sitúase xa nos 823, cando en decembro non superaba os 300
Porque a media diaria de diagnósticos a sete días sitúase xa nos 823, outra nova marca dunha curva que non para de subir. Este indicador estaba a finais de decembro por baixo dos 300 está situado agora por riba da vaga do outono, onde non e chegaron a alcanzar os 700 casos de media diaria a sete días.
Ademais, e tras os 14 novos falecementos notificados polo Sergas o venres (oito deles en residencias), o total roza xa as 1.500 (1.499) mortes oficialmente ligadas á pandemia en Galicia.
En canto á taxa de positividade media a sete días, supón tamén un récord cos dous períodos comparables, verán e outono, ao roldar o 10% (9,87%), que sitúa Galicia moi por riba do 5% de limiar que marca a OMS para dar por controlada a pandemia, case o dobre.
O dato é aínda máis preocupante de ter en conta o elevado número de PCR que se están a realizar nos últimos días (máis de 10.000 nas últimas 24 horas) e a taxa é especialmente elevada na área de Ferrol ou na da Coruña.
O dato preocupa tamén porque, ao contrario que o pasado outono, o alto número de probas PCR procesadas -moitas delas, ligadas aos cribados masivos tras o Nadal- non propicia unha baixada das taxas de positividade, isto é, da porcentaxe de test que dan positivo. Todo o contrario.
A incidencia acumulada a 14 días supera en Galicia os 380 casos por cada 100.000 habitantes, outra nova marca
Na superación continua de récords sobre o coronavirus destes últimos días, este sábado chega outro, ao situarse o número de positivos activos en 11.666.
Ademais, a incidencia acumulada a 14 días en casos por cada 100.000 habitantes continúa tamén a subir, superando en Galicia os 380 casos e os 430 nas áreas de Ourense, Ferrol, A Coruña e Santiago.
Máis alá das cidades e do conxunto das áreas sanitarias, hai numerosos concellos que superan a incidencia acumulada do conxunto de Galicia, nun incremento de casos que parece claramente vinculado aos desprazamentos das pasadas festas do Nadal.
A situación é máis grave na provincia da Coruña, na área do Baixo Miño, A Limia ou Verín e no norte do país, entre o Ortegal e a Mariña Occidental.
Nesta altura, só quedan 38 concellos que non tiveron casos novos de coronavirus nas últimas dúas semanas, unha cifra que antes do Nadal elevábase a máis de 80 e qie a prinicpios de decembro superaba o cento.
Só quedan 38 concellos que non tiveron casos novos de coronavirus nas últimas dúas semanas
Só dá algo de tregua este sábado a presión hospitalaria, aínda que a preocupación segue no máis alto. O total de persoas ingresadas con test positivo da COVID-19 chega xa ás 597, só dúas máis que o pasado venres, pero achégase ás 611 do pico do pasado outono aínda que está lonxe do récordo de 1.107 do pasado 6 de abril.
Do total de pacientes ingresados por coronavirus en Galicia, 91 están na UCI --unha máis que na xornada anterior-- e 506 en planta. A ocupación de camas de coidados intensivos. A pequena desaceleración nas hospitalizacións obedece ao descenso de ingresados na área da Coruña-Cee, con oito menos, e na de Vigo, con nove altas. No resto de áreas incrementa a presión hospitalaria.
Ademais, na comunidade educativa galega sumáronse outros 157 positivos en coronavirus que elevan o total de casos a 1.692, o que supón un novo máximo por cuarto día consecutivo no peche da primeira semana de clases despois das vacacións do Nadal.
Ademais, outro centro de educación infantil tivo que pechar as súas portas logo de detectarse casos de coronavirus no país, co que xa son tres os centros clausurados nesta altura.
En canto ás residencias galegas, hai 349 usuarios afectados pola COVID, catro máis que os comunicados no día anterior.