As últimas semanas Galicia está a vivir os peores momentos dende o inicio da pandemia de Covid-19, só comparable ao das últimas semanas de marzo e primeiras de abril. Nos últimos sete días detectáronse case dez mil novos casos (9.696), moi por riba dos datos da primeira onda (aínda que naquel momento a capacidade de detección era moi inferior). E, ademais, o número de ingresos hospitalarios está a achegarse moito aos indicadores daquelas primeiras semanas.
A semana do 13 ao 20 de xaneiro foi o período cun maior número de ingresos hospitalarios en Galicia dende maio(687), fronte aos 431 da semana anterior. Tamén a semana con máis ingresos en UCI (113)
O Instituto de Saúde Carlos III (ISCIII) publica todas as semanas un informe da situación da pandemia que recolle o número de persoas que foron ingresadas nos hospitais nos sete días anteriores, ademais doutros indicadores que axudan a comprender os efectos da enfermidade e o xeito en que o sistema sanitario está a responder a ela. Os datos, segmentados por comunidades autónomas, amosan que a semana do 13 ao 20 de xaneiro foi o periodo cun maior número de casos dende o 10 de maio (8.850 positivos, fronte ás 6.631 da semana anterior ou as 5.315 do peor momento da segunda onda).
Ademais, foi a semana cun maior número de ingresos hospitalarios en Galicia dende o verán (687), fronte aos 431 da semana anterior. Tamén a semana con máis ingresos en UCI (113, fronte aos 63 da semana anterior). E a semana con máis mortes dende a primeira onda (104, fronte ás 61 da semana anterior).
De feito, nas últimas dúas semanas pasaron pola UCI dos hospitais galegos o 24% de todos os pacientes que dende o 10 de maio necesitaron ser ingresados nas unidades de coidados intensivos.
Dende o pasado 10 de maio un total de 5.795 persoas foron hospitalizadas en Galicia despois de ter enfermado de Covid-19. Esta cifra representa o 8,3% de todos os casos detectados
Dende o pasado 10 de maio (momento en que comezou o proceso de desconfinamento) un total de 5.795 persoas foron hospitalizadas en Galicia despois de teren enfermado de Covid-19. Esta cifra representa o 8,3% de todos os casos detectados, unha porcentaxe superior á que se rexistra no conxunto do Estado Español (5,7%), probablemente consecuancia do maior envellecemento da poboación galega.
De igual xeito, 737 persoas foron ingresadas na UCI, un 1,1% do total de casos detectados en Galicia. De novo, a porcentaxe galega está moi por riba da media española (0,5%).
Estas porcentaxes veñen manténdose relativamente estables dende o comezo do verán. Porén, si que se detectou nos últimos meses un incremento na porcentaxe de casos que necesitaron hospitalización. Mentres que entre maio e outubro a porcentaxe de pacientes hospitalizados fora do 8,3%, en novembro e decembro a proporción chegou ao 9%. No que levamos de mes de xaneiro a porcentaxe é lixeiramente inferior, por mor do incremento de casos que aínda non se traduciu nunha escalada igual no número de ingresos hospitalarios, que chegará nas vindeiras semanas.
Nos últimos meses detéctase un incremento na porcentaxe de casos que necesitan ingreso en UCI
Así mesmo, en cambio, facemos un cálculo en relación cos casos detectados na semana anterior, nos últimos 15 días estamos vendo xa unha porcentaxe de pacientes ingresados por riba do 10%. No que atinxe aos ingresos nas UCI, os datos si que amosan un progresivo incremento dende o verán. Un aumento que no que levamos de xaneiro é aínda maior.
Dos 10.000 casos diagnosticados nos últimos sete días, ao redor de 805 serán ingresados nos hospitais galegos. Ademais, 107 necesitarán ocupar unha cama de UCI, o que agravará a actual situación xa saturada nestas unidades
Os últimos datos incluídos polo ISCIII chegan unicamente ata o mércores 20 de xaneiro. Porén, cada día de pasa os indicadores de novos casos e ingresos hospitalarios seguen a medrar en Galicia. Entre o 15 e o 21 de xaneiro detectáronse 9.696 novos casos de Covid-19. Unha parte destas persoas infectadas acabarán necesitando o seu ingreso nun hospital e, entre eles, algúns precisarán ser internados na UCI ou falecerán.
Estes procesos de agravamente da enfermidade desenvólvense varios días despois da aparición dos síntomas e do diagnóstico da doenza. Así, pódese proxectar que a semana que vén este incremento no número de casos positivos terán a súa dolorosa tradución en ingresos hospitalarios e tamén en mortes.
Atendendo ás medias calculadas polo Instituto Carlos III nos últimos meses (que en realidade son superiores nas últimas semanas), pódese prever que deses 10.000 casos diagnosticados nos últimos sete días cando menos 805 serán ingresados nos hospitais galegos. Ademais, un mínimo de 107 necesitarán ocupar unha cama de UCI, o que agravará a actual situación xa saturada nestas unidades. De igual xeito, Galicia pode sumar 136 mortes máis, que se engadirían á actual traxectoria crecente nas cifras de defuncións.