Non é posible comparar con precisión a primeira vaga da pandemia do coronavirus coa do pasado outono ou coa actual botando man das cifras absolutas de novos casos detectados, dos indicadores de incidencia ou dos positivos activos. O escaso número de probas -tanto PCR como outros test- daqueles meses de marzo, abril ou maio de 2020 propiciou que fose detectado un número moi limitado de casos (calcúlase que en torno a un terzo), polo que sería un erro equiparar aquelas cifras coas da actualidade, cando o Servizo Galego de Saúde, igual que outros sistemas sanitarios do Estado e do mundo, conta cunha capacidade diagnóstica moito maior.
As hospitalizacións de persoas coa COVID chegan ás 932, unha cifra semellante á de finais de marzo de 2020 que tamén aumenta a un ritmo semanal equiparable ao daquela
Pero si hai cando menos dous indicadores que permiten, aínda que con cautela, comparar a situación actual coa da primeira vaga: o número de persoas hospitalizadas con test positivo do coronavirus e as cifras de persoas falecidas que contraeran a COVID-19. E ambos apuntan a que, ao contrario que no verán e no outono, a situación si comeza a ser equiparable. Especialmente na presión hospitalaria.
Sanidade rexistra este 22 de xaneiro (con datos do día previo ata as seis da tarde) 932 persoas ingresadas. Son 53 máis que o día previo e 337 máis que unha semana antes, un ritmo de incremento semanal semellante ao de finais de marzo que deixa o total cada vez máis próximo ao pico da primeira vaga, con 1.107 persoas ingresadas ao mesmo tempo con test positivo do coronavirus.
O punto máis crítico da asistencia hospitalaria a estes doentes, as unidades de coidados intensivos, hai xa días que tamén deixou atrás os niveis do outono e se asemella máis ás da primeira vaga. Aínda que o ritmo de incremento de ingresos en UCI se moderou nos últimos días, son xa 137 os pacientes con test positivo do coronavirus nestas unidades, máis do dobre que a finais de decembro e practicamente as mesmas que a finais de marzo, na terceira semana de confinamento.
O 20 de xaneiro foi o día con máis mortes de persoas que contraeran a COVID dende finais de abril, con 18 falecementos, e o total chega a 1.584
O segundo indicador que permite comparar as tres vagas, o de falecementos, evoluciona tamén de xeito desfavorable. As cifras absolutas e as medias semanais de mortes oficialmente ligadas á pandemia aínda están lonxe de marzo e abril, cando chegaron a notificarse unha media diaria de máis dunha vintena de decesos. Pero algúns dos sinais dos últimos días convidan igualmente á preocupación: cos datos actualizados este venres xa é posible afirmar que o pasado mércores, 20 de xaneiro, foi o día con máis mortes ligadas á pandemia dende o 18 de abril, con 18 pasamentos confirmados. A media de falecementos a sete días rolda os 13, por riba do pico da anterior vaga.
Entre reflexos xerais dos contaxios das semanas das festas do Nadal, Aninovo e Reis, na información achegada pola Consellería de Sanidade nos últimos días destaca tamén outro elemento: a maior parte dos falecementos seguen sendo de persoas de idade avanzada, pero xa non predominan os ingresados en residencias. Así, por exemplo, das 18 mortes que este venres entran no rexistro oficial (5 das vinte e catro horas previas), todas elas son de persoas anciás, pero só unha delas dun residente nun centro de maiores, un home de 92 anos. O resto faleceron en hospitais procedentes dos seus domicilios. O total de mortes ligadas á pandemia en Galicia chega, deste xeito, ás 1.584 persoas.
Outro récord de casos detectados en 24 horas
Galicia rexistra por primeira vez máis de 1.800 novos casos nun día
Mentres isto sucede, os récords de casos detectados nunha soa xornada seguen caducando ás vinte e catro horas de producírense por chegar, xusto a continuación, unha cifra maior. Nos rexistros do Sergas entran este venres 1.802 novos casos, os computados entre as seis da tarde do mércores e a mesma hora do xoves. Deles, 1.505 son diagnósticos mediante PCR.
Trátase doutro máximo absoluto de casos novos nunha xornada (de seis a seis da tarde) e, en termos de días naturais, Galicia tamén segue batendo os seus propios máximos. O gran número de persoas contaxiadas e a alta capacidade diagnóstica, coa realización de múltiples cribados, provocou que entre as 00:00 e as 23:59 do pasado mércores chegasen a rexistrase 1.859 casos en Galicia, unha cifra sen precedentes.
É así como a media diaria a 7 días de diagnósticos mediante PCR, o que segue sendo o test de referencia, segue sen tocar teito. Ese indicador chega xa a unha media de 1.099 diagnósticos diarios na última semana sen que se albisque tendencia descendente. A cifra non é comparable coa primeira vaga, pero si coa segunda, cando a capacidade diagnóstica do Sergas era máis semellante á actual. Daquela, o pico de diagnósticos medios a sete días non subiu alén dos 673, como amosa o gráfico sobre estas liñas.
Incidencias acumuladas disparadas a 7 e 14 días
Os sucesivos máximos de novos casos detectados manteñen tamén disparadas as incidencias acumuladas (novos casos por cada cen mil habitantes) tanto a 7 como a 14 días para o conxunto de Galicia. No caso da incidencia a dúas semanas, o indicador global de Galicia sitúase na contorna dos 566 casos e segue cara a arriba (o pico do outono foi de 342). Territorialmente, amplas zonas do Baixo Miño e do sur de Ourense, pero tamén da Mariña e do Ortegal, entre outras, superan xa con folgura ese dato medio de Galicia.
Os concellos sen novos casos nas últimas dúas semanas, que en novembro e decembro roldaran o cento, xa son apenas unha vintena
Por cidades [podes consultar os datos íntegros nesta ligazón], a escalada da incidencia acumulada tampouco cesa. Ourense e A Coruña xa superan os 650 casos novos por cada cen mil habitantes a catorce días
Mostra do empeoramento xeral e da extensión do virus por Galicia é que xa só quedan 25 concellos sen novos casos rexistrados nas últimas dúas semanas. En novembro e decembro chegaran a ser máis dun cento.
A incidencia acumulada a 7 días acada niveis semellantes ao que na anterior vaga foi o pico da incidencia a 14 d´as
Outra mostra do empeoramento acelerado tras as festa son as curvas de incidencia acumulada a 7 e 14 días para o conxunto de Galicia, elaboradas para o gráfico sobre estas liñas coas cifras oficiais de poboación para o ano 2020. O pico de incidencia a 14 días da vaga de outono (os devanditos 342 casos novos por cada 100.000 habitantes) xa foi superado hai uns dez días e resulta especialmente significativo que ese valor agora está a próximo a acadarse na incidencia a 7 días, con 339 casos por cada cen mil habitantes na última semana.
A media diaria de probas PCR supera por primeira vez as 10.000 e a positividade media chega ao 11%
Estes elevadísimo número de novos casos aflora nun contexto no que as cifras de probas PCR procesadas tamén son inéditas. Nas últimas vinte e catro horas o Sergas procesou 12.179 (máis de doce mil por segunda xornada consecutiva) e, en termos de días naturais, as 12.607 do pasado mércores supoñen outro máximo absoluto nun día dende o inicio da pandemia [a serie completa, nesta ligazón]. A media diaria de probas a sete día supera así as dez mil por primeira vez.
As taxas de positividade das PCR (porcentaxe de probas que dan positivo) seguen sen amosar sinais que conviden a un claro optimismo a curto prazo. A positividade media a sete días, tras varias xornadas estancada na contorna do 10%, retoma nesta xornada a senda ascendente e supera por primeira vez o 11%. Este indicador está impulsado pola mala evolución nalgunhas áreas sanitarias, especialmente as de Ferrol e A Coruña-Cee, ambas por riba do 15% de positividade media diaria na última semana.