O pasado xoves, tras a reunión semanal do Consello da Xunta, Alberto Núñez Feijóo prognosticou que as medidas do seu Goberno para procurar frear a terceira vaga da pandemia do coronavirus "seguirán sendo cada vez máis restritivas". O Executivo galego, abondou, non vai tomar "medidas improvisadas" nin "frivolizar sobre elas", se ben advertiu de que non é "descartable" que "teñamos que ampliar a boa parte" do territorio o nivel máis alto de restrición. Iso sería, avanzou, a vindeira semana.
Dende principios de novembro e ata a ponte da Constitución a Xunta aplicou amplamente o modelo de maiores restricións, con vetos ás reunións entre non conviventes, peches perimetrais e suspensión de múltiples actividades sociais e económicas
Ese nivel de restricións reforzadas xa rexe en Arteixo, Viveiro e Xinzo e implica, entre outros aspectos, o peche total da hostalería e outras actividades consideradas "non esenciais" e o veto ás reunións sociais entre persoas non conviventes e peches perimetrais. En esencia, o modelo de restricións que a propia Xunta xa aplicou amplamente, ao abeiro do vixente Estado de Alarma, dende principios de novembro ata vésperas da ponte da Constitución, aprobou o que definiu como nova "desescalada" coa vista posta no período de Nadal.
Este venres, nun acto público na Cidade da Cultura sobre os fondos europeos Next Generation, Feijóo volveu presentar como inevitable unha extensión do modelo de medidas máis restritivo, no que semella que será un retorno á situación de novembro. Atribúeo á mala situación epidemiolóxica -todos os indicadores están por riba dos do outono- pero, sobre todo, a que o Goberno de España non contemple reformular o vixente Estado de Alarma para que o toque de recollida poida comezar antes das dez da noite.
Defende Feijóo que esas "ferramentas para restrinxir a mobilidade e determinadas condutas e comportamentos que teñen unha maior interacción social" xa "se están estudando" e "as vamos a implementar nos primeiros días da próxima semana". Segundo o titular da Xunta, a "lóxica" e o "sentido común" levan a "tomar unha decisión inmediata" que non chegará, en calquera caso, antes do vindeiro luns.
Feijóo presenta o endurecemento das medidas como consecuencia de que o Goberno de España non adiante o toque de recollida e o seu 'número dous' no PP asegura que Pedro Sánchez non o permite, "traspasa a última barreira da moral" e "pon vidas en xogo" para "gañar votos en Cataluña"
Como xa fixera dende o atril de San Caetano o xoves, Feijóo salferiu este venres o avance de medidas máis duras para a vindeira semana de críticas contra o aínda ministro de Sanidade, Salvador Illa, que deixará o cargo nos vindeiros días pola súa candidatura nas eleccións catalás. Case ao mesma hora tamén o facía o número dous de Feijóo no PP de Galicia, Miguel Tellado, para asegurar que a única razón e non "anticipar o toque de queda" son eses comicios.
Segundo o secretario xeral dos conservadores, esa decisión é responsabilidade do presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez, a quen acusa de "traspasar a última barreira da decencia e da moral", ao "poñer vidas en xogo" para, ao seu xuízo, "gañar votos en Cataluña". "Está poñendo os seus intereses políticos por riba da vida das persoas", asegura o PPdeG, que tamén acusa a Sánchez de "quitar e dar competencias sanitarias ás comunidades", sen aclarar a cales se refire. [A Xunta pecha hostalería e actividade "non esencial" en Arteixo, Viveiro e Xinzo e suspende todo o deporte federado autónomico]
Pontón pide confinar e censura que Feijóo "marche de fin de semana sen novas medidas"
Mentres, dende a oposición galega, a líder do BNG coida que, chegados á actual situación, "non se pode ser máis irresponsable" ca Feijóo. "Que outros non actúen non pode servir como escusa para non exercer as funcións como presidente da Xunta", sinala Ana Pontón, para quen resulta "inaudito" que Feijóo, tras "comparecer para dicir nada", vaia "marchar de fin de semana sen anunciar nin unha nova medida" malia ás "cifras nunca vistas" que o Sergas leva rexistrando nos últimos días sobre a expansión da COVID-19.
A líder do BNG ve imprescindible un confinamento dun mínimo de dúas semanas para "deter a cadea de contaxios e salvar vidas"
Neste sentido, a portavoz nacional do Bloque diríxese ao Goberno galego, mais tamén ao central, para reiterar a súa petición dun confinamento de, cando menos, dúas semanas "ampliables, se fose necesario" para "deter a cadea de contaxios e salvar vidas". Ela, asegura, tamén espera que o Executivo central non "estea condicionado por ningún proceso electoral", pero Feijóo debe "deixar de agocharse e decidirse a tomar as medidas necesarias para controlar a pandemia". Tamén, cre, debera "descolgar o teléfono e convocar os responsables das forzas políticas" para afrontar conxuntamente a actual situación.