O presidente contrapón o seu “ánimo de salvar vidas” coa negativa do Goberno central a ampliar o toque de queda polo “interese” do PSOE en Catalunya
Tres meses despois de que tras o Consello da Xunta do xoves 22 de outubro o presidente Feijóo pedise “non especular con medidas futuras” fronte ao coronavirus e rexeitase chamar “toque de queda” ao que consideraba “restrición sanitaria en horario nocturno”, este xoves prognosticou que “as medidas da Xunta seguirán sendo cada vez máis restritivas” e cargou contra o Goberno central por non permitir que as comunidades autónomas amplíen o horario do toque de queda: “Non xestionan a pandemia e non nola deixan xestionar”, sentenciou.
Segundo Feijóo, o toque de queda, con cuxa restrición de movementos estaba de acordo hai tres meses pero non coa súa denominación, é “unha ferramenta esencial” para loitar contra a actual situación da pandemia en Galicia. A súa ampliación horaria é unha solicitude que fixo, di, “co ánimo de acertar e de salvar vidas”, frase á que a continuación engadiu que non entende “que hai detrás para negar o que se pide”. “Que hai detrás? Hai algún interese porque hai algunha outra comunidade autónoma que está nun proceso electoral?”, sentenciou, en referencia aos comicios cataláns e supostos intereses do PSOE que presentará como candidato ao ministro de Sanidade, Salvador Illa.
Feijóo di que esta terceira vaga "pode superar á primeira" canto ao seu impacto na hospitalización pero fixo ver que o sistema sanitario galego está mellor preparado
Na súa intervención deste xoves Feijóo asegurou que a Xunta non vai tomar “medidas improvisadas nin frivolizar sobre elas”, na liña de cando hai tres meses pediu “non especular con medidas futuras”. Porén, o presidente prognosticou que “as medidas da Xunta seguirán sendo cada vez máis restritivas” e especulou con que as xa tomadas en Arteixo, Viveiro e Xinzo, onde pechou as actividades non esenciais, “non é descartable que teñamos que amplialas a boa parte da Comunidade”.
Feijóo tamén especulou con que esta terceira vaga da pandemia “pode superar á primeira” canto ao seu impacto na hospitalización, pero fixo ver que o sistema sanitario galego está mellor preparado que daquela para afrontala. Preguntado pola posibilidade dun novo confinamento nos domicilios como durante a primeira vaga, o presidente dixo que “é a última decisión cando non queda ningunha outra” e que hai que “intentar evitala”.
O presidente di que quere ser "o último" en vacinarse cando lle toque por idade e apoia as dimisións de políticos que recibiron a vacina malia non ser persoal de atención sanitaria
O presidente tamén foi preguntado polas dimisións de cargos políticos ou de xestión sanitaria que nos últimos días recibiron a vacina fronte á COVID en diversos puntos do Estado malia non ser persoal de atención sanitaria directa. Feijóo defendeu que debían dimitir xa que “os políticos temos que dar exemplo”. E sen que ninguén lle preguntase por esa cuestión, el mesmo avanzou que “cando me toque por idade [a vacina], quero ser o último”.
Igualmente, Feijóo foi preguntado pola situación que se produciu esta semana cando á súa chegada a un acto en Ourense baixou do coche oficial sen a máscara posta. “Ía bebendo no coche”, dixo, e puxo a máscara cando se deu conta do seu despiste.