No conxunto de Galicia están a aflorar nas últimas semanas os contaxios do coronavirus que se produciron nas derradeiras semanas de 2020 e nos primeiros días do actual 2021. Da man dun gran número de probas, os casos detectados están a rachar todos os rexistros e as cifras de incidencia acumulada a 14 días son, con diferenza, as máis altas dende o comezo da pandemia.
Os positivos de residentes en centros de maiores e discapacidade aumentan dende finais de ano e achéganse aos 500 mentres agardan pola segunda dose da vacina, a chamada a fornecer a inmunidade e que polo momento chegou a case 4.000 persoas en Galicia
Como nas anteriores vagas, o incremento xeral da incidencia ten o seu reflexo tamén nas residencias de persoas anciás e con discapacidade. Os centros de maiores foron o punto de inicio da vacinación contra a COVID-19 e, dende o pasado domingo, nestas residencias comezou a administración da segunda dose, a que está chamada a fornecer a inmunidade ante a enfermidade uns días despois de completar o tratamento. Segundo os datos máis recentes, ata o pasado mércores, día 20, recibiran as dúas doses 3.861 persoas en Galicia.
Mentres esta inmunización non chega (o Sergas prevé ter completada en marzo a vacinación de todas as persoas anciás que viven en residencias e tamén da poboación en situación de gran dependencia), a dinámica xeral da pandemia, neste caso co reflexo dos contaxios das semanas das festas, segue impactando neste sector máis vulnerable da poboación. O incremento de casos da COVID-19 vinculado a estes centros é constante dende finais de ano e xa se aproxima ao pico do pasado outono.
Ata este xoves, o Sergas e a Consellería de Política Social computaban 494 positivos de coronavirus de persoas que viven en residencias. 422 deles son de residentes en centros de persoas anciás e os restantes 72, de persoas usuarias de residencias para poboación con discapacidade. Ademais, 212 membros do cadro de persoal dos centros de maiores e 29 persoas que atenden as residencias de discapacidade están tamén contaxiadas e con infección activa.
Máis de 600 persoas que vivían en residencias de maiores e persoas con discapacidade faleceron coa COVID-19 en Galicia
No que atinxe ás residencias de maiores, os positivos rexístranse en case nunha trintena delas, a gran maioría de titularidade ou xestión privada -reflexo da composición do sector no país-. Tras varios gromos significativos, actualmente a residencia con máis positivos activos entre as persoas que alí viven é a residencia de Ribeira, propiedade da Xunta e xestionada polo grupo DomusVi, con 64 casos entre residentes. Un número semellante de positivos entre residentes é o rexistrado no centro Paz y Bien de Tui (60), propiedade dunha orde relixiosa e intervido pola Xunta dende mediados de mes.
Tamén destaca o alto número de persoas residentes infectadas noutros centros como DomusVi Carballo (42), DomusVi Vimianzo (39), ou a residencia Fogar de Santa María, en Verín (36). Os centros de atención á discapacidade con casos activos de coronavirus son catro e o que máis rexistra é a residencia de adultos Pai Menni de Betanzos, con 14.
O 40% das mortes ligadas á pandemia en Galicia
Alén da foto fixa dos casos activos, dos gromos puntuais e do seu incremento ou descenso, o forte impacto da pandemia nas residencias de persoas maiores e con discapacidade queda tamén acreditado nas cifras de falecementos. Ata o 40% das mortes oficialmente ligadas á pandemia en Galicia son de persoas que vivían nestas residencias; delas, 273 morreron nos propios centros e outras 359, no hospital ou en residencias medicalizadas habilitadas pola Xunta.
Aínda que nos últimos meses a Consellería de Sanidade si está a revelar a que centro corresponden cada unha das mortes das persoas infectadas que vivían en residencias, tanto o departamento sanitario do Goberno galego como o de Política Social seguen esquivando ofrecer unha relación completa do número de falecementos desagregados por centros. Tampouco ao abeiro da lei de transparencia.
Este é o escenario no que continúa a vacinación a residentes e persoal das residencias, onde o horizonte da inmunidade é tamén o da esperanza do retorno a unha relativa normalidade ou, cando menos, a unha relaxación das duras restricións en materia de visitas e saídas ao exterior, así como de contacto e actividade entre os propios residentes. Así o relataba para Praza.gal a enfermeira Lidia López, integrante dun dos equipos do Sergas encargado de administrar a vacina nestes centros: "Houbo días nos que custou aguantar as bágoas; estamos vacinando xente que o pasou fatal e que te recibe con alegría porque chegas con ese anaquiño de esperanza", resumía.
Os datos máis recentes indican que en Galicia xa foron administradas máis de 62.000 doses da vacina contra o coronavirus, o 90% das recibidas
No mesmo sentido pronunciábase, a pasada semana, a primeira residente en ter administradas as dúas doses, Nieves Cabo, que vive no centro compostelán Porta do Camiño. Tamén a directora do centro, Vanesa Castro: "Esperamos que isto sexa para ben, que nos inmunice e poidamos facer unha vida normal", resumía.
Segundo os datos fornecidos este xoves polo Ministerio de Sanidade -no caso da maior parte das comunidades autónomas, entre elas Galicia, referidos ao día 20-, o Sergas leva administradas 62.011 doses de vacinas contra o coronavirus, o 90,4% das recibidas, a segunda maior porcentaxe de todo o Estado, só por tras de Canarias. Esta semana, ademais de residentes en centros de maiores e persoal que os atende, tamén está sendo vacinado o persoal sanitario máis exposto ao virus.