Pequenos clubs deportivos e empresas temen pola supervivencia por mor da parálise do deporte federado galego

Aula de taekwondo, con medidas anti-COVID, nun club deportivo galego CC-BY-SA Praza Pública / Cedida

As novas restricións implican que os deportistas federados non poidan adestrar en grupos de máis de catro e que teñan que respectar os peches e o toque de recoller

As restricións que a Xunta aplica desde este pasado xoves ao deporte federado en Galicia para controlar a expansión do coronavirus deitan luz sobre unha realidade que vai moito máis aló do fútbol ou das grandes ligas. Só as categorías estatais, as que dependen do Consello Superior de Deportes (CSD), evitan a suspensión das competicións tras unhas medidas que implican tamén rematar coas excepcións que as persoas con licenzas federativas tiñan á hora de adestrar. 

Só poden facelo do mesmo xeito que calquera outro cidadán: de maneira individual, ou colectiva cun máximo de catro persoas, e sen superar o 50% da capacidade máxima permitida da instalación. E deberán, ademais, respectar os peches perimetrais por concellos e os horarios do toque de recoller --ás 22 horas-- dos que tamén estaban exentos no caso de contar con licenza. 

Partido de balonmán en Galicia, coas xogadoras con máscara © Federación Galega de Balonmán

As limitacións supoñen non só a paralización oficial das competicións non estatais, senón a suspensión de facto de moitos adestramentos e actividades ante a imposibilidade de cumprir cos requisitos da Xunta. Unha situación que abrangue case na súa totalidade as máis de 282.000 persoas con licenza federativa dalgún deporte en Galicia, xa que apenas 15.000 pertencen a deportistas que compiten a nivel estatal. Pero tamén un duro golpe para moitos negocios, empresas ou autónomos, que viven precisamente dese deporte federado e que quedan tantas veces fóra do foco. 

As limitacións abranguen as máis de 282.000 persoas con licenza en Galicia, pero supoñen un duro golpe económico para negocios que viven do deporte federado

"O deporte federado ten realidades moi diferentes e que non teñen nada que ver", conta Pedro, responsable e adestrador nun ximnasio dunha cidade galega que funciona tamén como club de taekwondo, disciplina con máis de 2.600 licenzas en Galicia. Como explica, en moitos deportes a suspensión das competicións son problemáticas no deportivo, na saúde ou mesmo na conciliación familiar, pero non tanto no económico ao dispoñer de convenios con administracións e instalacións municipais. 

Pero para moitos dos case 8.000 clubs deportivos que hai en Galicia, "o deporte federado é o negocio". "Vivimos das cotas mensuais que pagan eses deportistas federados para os adestramentos", di Pedro, con 300 licenzas no seu ximnasio e clases de ducias de pequenos e maiores. Logo de perder xa usuarios pola pandemia, pregúntase "como se pode facer para manter a actividade con grupos de catro". E como pagar soldos, alugueiros, autónomos, luz ou impostos...

Moitos clubs son negocios privados que viven das cotas que os seus deportistas pagan para adestrar nas súas instalacións, sen convenios con administracións

"É inviable, abócannos a pechar ou a non poder elixir", insiste quen cre que se a expansión da COVID obriga a pechar todas as actividades, "que se faga, e o deporte o primeiro". "O que non se pode é facer como coa hostalería: non pechar pero limitar tanto que os negocios se fan inviables e non teñen dereito a axuda", engade quen asegura que a COVID fíxolle perder nun ano a metade da súa facturación. 

"Quen asumiu a responsabilidade de abrir a mobilidade no Nadal e permitir reunións amplas sabendo o que viña, que teña agora a de asumir que está levando á ruína moitos negocios", explica Pedro, nunha reflexión na que coincide con Rubén, responsable e adestrador doutro club nunha vila e con máis de 200 deportistas, tras perder un cuarto dos usuarios por mor do coronavirus. "Como non nos pechan de vez, non podemos acollernos a case ningunha axuda, pero ao tempo limítannos tanto que case non compensa abrir", explica. 

Adestramento de remeiros co CR Mecos, no Grove, en pandemia © Martín González

As problemáticas son variadas. Martín, remeiro no Club de Remo Mecos do Grove, advirte da inviabilidade duns adestramentos en traiñeiras ocupadas por quince persoas cando o límite é agora de catro. "Non se pode facer nada, agás adestramentos individuais fóra da auga... Cando volves ao mar, precisas quince días para recuperar porque non ten nada que ver", explica desde unha entidade que, xa pola perda de patrocinios e axudas, veu descender os seus ingresos en 6.000 euros desde o inicio da pandemia. E que ve como a planificación deportiva escacha pola limitación á mobilidade que afecta moitos remeiros e por unhas novas restricións que, como mínimo, durarán ata mediados de febreiro. 

"Quen asumiu a responsabilidade de abrir a mobilidade no Nadal e permitir reunións, que teña agora a de asumir que está levando á ruína moitos negocios"

No balonmán galego, por exemplo, investiuse tempo e diñeiro en adaptarse á realidade da COVID, con esixentes protocolos que permitiron o inicio das competicións --mesmo coa obrigatoriedade da máscara-- ao igual que aconteceu no atletismo ou no baloncesto. A Federación Galega de Balonmán non dubida agora en criticar unhas medidas que cre "inxustas" ao "non estar motivadas en datos de contaxios"

No fútbol, con case 96.000 licenzas e logo de que a Federación impulsase con moitos atrancos e rexeitamentos o inicio das categorías rexionais e de base para final de mes, todo quedou parado tamén. Agora a Federación traballa na devolución do seguro deportivo abonado por milleiros. 

Con todo, a voz máis alta xorde de quen ten no deporte o seu modo de vida. "A maioría dos nosos ingresos xorden dun deporte federado, das cotas de quen vén aos adestramentos e clases", explica Rubén desde o seu club, tras advertir de que a limitación a catro persoas "só vai provocar suspensións e baixas de alumnado", tamén noutro ámbito moi afectado pola pandemia: o emprego que proporcionaban as actividades extraescolares. Foron moitos os colexios que optaron por prescindir delas este curso polo temor ao coronavirus. Agora, coas novas restricións, están a desaparecer as poucas que quedaban. "Pasei de ir a seis colexios a ter só dous... Témome que coas novas limitacións estas actividades serán moi difíciles de coordinar", conta. 

"A maioría dos nosos ingresos xorden dun deporte federado, das cotas de quen vén aos adestramentos e clases", quéixanse desde un club deportivo

"Temos pouca ou ningunha axuda mentres vemos recortados os nosos ingresos", explican Rubén e Pedro, que destacan, ademais, que son estes meses os de maior afluencia a ximnasios ou clubs coma os seus. Ao contrario que na hostalería, neste sector a primeira época do ano "é crucial". "Están desanimando os que se decidiron a empezar este ano e inculcando de novo o medo nos que xa volveran", aseguran. 

Todo, insisten, tras aplicaren uns estritos protocolos impulsados pola Secretaría Xeral para o Deporte (SXPD) que implicaron formación para cada federación deportiva, que logo aprobaba as súas normas e que tiñan que recibir o visto e prace da propia SXPD. Cada club, ademais, está obrigado a ter un responsable COVID que comunica calquera incidencia e faise responsable do cumprimento das medidas, que se van adaptando á situación epidemiolóxica do momento. 

"Son decisións doloras, pero politicamente responsables", asegura José Ramón Lete Lasa, titular da SXPD, que trata de paliar con algunha federación as consecuencias das novas limitacións abrindo a man a través da interpretación laxa do texto publicado polo DOG. 

Competición de roller derby, con máscara © Federación Galega de Patinaxe

"Somos clubs con protocolos estritos e medidas que non vin en tenda nin bar ningún"

"Á vista está que no deporte federado non hai contaxios... Non estamos falando dunha persoa que fai deporte e aproveita que ten unha licenza para ir correr ou andar en bici a onde non debe, falamos de clubs organizados, con protocolos estritos e medidas que non vin en tenda nin bar ningún", di Pedro, que fai referencia á obrigatoriedade de desinfección cada pouco tempo, aos controis de temperatura ou ao uso da máscara nos adestramentos. E que destaca, ademais, a "desesperación" de pais que "están máis seguros tendo os pequenos en actividades así que noutros lugares aos que terán que acudir agora". 

Con todo, insisten ambos, "haberá que arrimar o ombreiro". "Se hai que parar as actividades un, dous ou tres meses, que se faga, pero que non nos deixen tirados e sen ingresos nin axudas; só pedimos iso", defenden, tras reflexionar: "Estamos pagando os deportes minoritarios e os clubs pequenos os problemas doutros"

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.