O freo da COVID comeza a chegar aos centros sanitarios galegos, aínda máis presionados que na primeira vaga

Indicacións para o cribado da COVID-19 en Sada, onde a veciñanza convocada tivo que agardar en longas ringleiras CC-BY-SA Concello de Sada

"Cando un paciente que está na UCI dá negativo aos 15 días e segue na UCI, a situación non muda" aínda que si o fagan as cifras de hospitalización. Quen lanzou esta advertencia o pasado mércores foi o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña. Apenas unhas horas despois de que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzase a súa intención sobre unha desescalada "medida e gradual" dende as actuais restricións, o titular de Sanidade pedía cautela adiantándose ao inminente efecto sobre os datos da COVID-19 das altas epidemiolóxicas de persoas que se contaxiaron durante as semanas do Nadal, Aninovo e Reis.

As máis de 14.000 altas epidemiolóxicas dos primeiros dez días de febreiro contribúen á moderación dos caso activos e tamén da hospitalización, que rexistra a primeira baixada significativa nas UCI  aínda que segue por riba do pico da primeira vaga

Ese gran número de altas epidemiolóxicas (máis de mil ao día dende finais de xaneiro e máis de 14.000 nos primeiros dez días de febreiro) está a contribuír a que descenda con intensidade o número total de "positivos activos". Este xoves queda en 16.643 tras diminuír en -989, o maior descenso en vinte e catro horas (das seis da tarde do martes á mesma hora do xoves) dende o inicio da pandemia. 

Esa diminución alivia moi levemente os servizos de Atención Primaria e rastrexo e un efecto semellante prodúcese nos hospitais, en combinación coas persoas que se recuperan e deixan de estar ingresadas e tamén cos falecementos. O total de persoas hospitalizadas con test positivo do coronavirus, 1.145, é o máis baixo dende o 24 de xaneiro e supón 172 persoas menos ingresadas que hai unha semana, pero segue por riba do pico de hospitalización da primeira vaga.

A combinación de recuperacións, altas epidemiolóxicas e falecementos tamén se percibe no total de persoas con test positivo do coronavirus ingresadas nas unidades de coidados intensivos. Agora son 234, o primeiro descenso destacable en varias semanas que non impide, de momento, que este indicador siga por riba do pico da primeira vaga e moi lonxe de abandonar a saturación no conxunto do sistema sanitario público galego.

O Sergas suma 677 novos casos e o gran número de probas ligadas aos cribados contribúe a que descendan as taxas de positividade

As caídas no número de casos activos e nas cifras de hospitalización están relacionadas coas altas, pero tamén coa diminución no número de novos casos detectados que, alén de oscilacións dun día concreto, seguen nunha tendencia claramente descendente. O Sergas suma este 11 de febreiro 677 novos casos rexistrados entre as seis da tarde do martes e as do mércores. Deles, 617 son diagnósticos mediante PCR, o que permite que a media de diagnósticos a sete días siga baixando e se sitúe en 721 ao día na última semana, aínda por riba do máximo da segunda vaga, a única comparable porque daquela o Sergas xa dispuña dunha capacidade diagnóstica semellante á actual.

Este descenso de casos novos detectados chega nun contexto no que o número de probas PCR procesadas segue nos niveis máis altos de toda a pandemia. A media de probas PCR procesadas cada día da última semana rolda as 12.000 nun contexto moi marcado pola realización de cribados masivos. Estes cribados, que axudan a detectar casos asintomáticos, tamén contribúen a que descendan as taxas de positividade (porcentaxe de PCR que dan positivo), ao ser realizadas moitas probas a persoas que non están contaxiadas. 

Así, a positividade media a sete días segue baixando para o conxunto de Galicia e aproxímase ao 5%, o limiar que a Organización Mundial da Saúde sinala como referencia para dar por controlada a pandemia nun territorio. Así e todo, cómpre ter en conta tanto o efecto destes cribados como o feito de que o Sergas utiliza outro tipo de probas (como os test de antíxeno) que non figuran nesta serie estatística en termos comparables ou agregados.

Catro concellos con máis de dez mil habitantes con incidencia superior a 1.000

A incidencia acumulada a 14 días rolda os 540 casos novos por cen mil habitantes e o intenso descenso do indicador a 7 días augura que seguirá moderándose

O relativo acougo da situación xeral percíbese tamén nos datos de incidencia acumulada (casos novos por cada cen mil habitantes) para o conxunto de Galicia e por concellos. O indicador global de todo o país mantén a súa liña descendente e sitúase arredor dos 540, aínda máis do dobre do fixado polo propio Sergas como primeiro obxectivo (250) para poder afirmar que a situación mellora con claridade. A sete días, a incidencia acumulada tamén descende e achégase aos 200, aínda por riba do pico da primeira vaga, pero cunha intensidade que augura, ao tempo, continuidade na mellora do indicador a 14 días [podes consultar a serie completa destes datos nesta ligazón].

Este freo tamén se percibe nos datos por concellos. Son xa só catro (Betanzos, Poio, Ordes e Arteixo) os municipios con máis de dez mil habitantes onde a incidencia acumulada a 14 días supera os 1.000 casos novos e en todos eles a liña tende a descender. Mentres, os concellos que superan os 500 casos novos por cen mil habitantes na incidencia a 14 días tamén van descendendo e roldan os 140 (a pasada semana roldaban os 180).

Por cidades, as liñas descendentes son a tónica dominante coa única excepción de Ferrol, que tende a un certo estancamento arredor dos 600 casos novos por cada cen mil habitantes na incidencia acumulada a 14 días. A urbe con maior incidencia acumulada A Coruña, continúa descendendo aínda que segue, de momento, en niveis moi altos (673). Na banda contraria, as cidades con menor incidencia acumulada, Vigo e Lugo, seguen a baixar camiño dos 300 casos por cada cen mil habitantes a catorce días. Todas elas están lonxe, en calquera caso, das incidencias acumuladas que lograran acadar antes do Nadal. 

Galicia rexistra na última semana unha media de 22 mortes ao día de persoas que contraeran a COVID e o total chega a 2.039, 222 delas nos primeiros dez días de febreiro

Como xa auguraran dende os centros sanitarios e a propia Consellería de Sanidade, o último indicador en acougar tras un empeoramento sostido da pandemia é, xunto a ocupación das UCI, o dos falecementos. Isto tamén comeza a suceder en Galicia, onde así e todo se rexistra unha media superior ás vinte mortes ao día na última semana e o total chega xa ás 2.039 tras sumar o Sergas un total de 23, nove delas da última xornada.

No que vai de mes de febreiro xa se confirmaron en Galicia 222 mortes de persoas que contraeran o coronavirus, máis que en todo o mes de decembro e máis da metade das rexistradas en xaneiro. Os primeiros dez días de febreiro tamén superan en falecementos oficialmente ligados ao coronavirus a todas as mortes rexistradas noutros seis meses do ano pasado, todos agás abril.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.