Galicia xa suma en febreiro máis mortes de persoas coa COVID que en todo decembro mentres a incidencia segue a baixar

Recollida de mostras de saliva para o cribado do coronavirus en Fene CC-BY-SA Foto: Concello de Fene | Montaxe: Praza Pública

A terceira vaga da pandemia do coronavirus está a remitir en Galicia. Así o acreditan os datos dende finais de xaneiro e así o constatou este mércores a Consellería de Sanidade tras a reunión co comité clínico que asesora á Xunta ante a COVID-19. Os novos casos detectados descenden con claridade tanto a 7 como 14 días e ademais, de media, cada persoa infectada provoca menos dun novo contaxio -o denominado número reprodutivo baixa de 1-, o que indica remisión.

Nos primeiros nove días do mes rexistráronse xa 199 mortes de persoas coa COVID-19 tras outras 411 en xaneiro e o total chega a 2.016

Pero, mentres todo isto sucede, os indicadores que máis tardan en empeorar cando os contaxios se disparan e que máis demoran en mellorar cando a situación se controla, as mortes e as hospitalizacións, seguen dando mostras da virulencia desta terceira vaga. No que vai de mes de febreiro (con datos pechados no serán do día 9) xa morreron en Galicia 199 persoas que contraeran a COVID-19. Son máis que en todo o mes de decembro e chegan despois de que para o mes de xaneiro se anotasen xa 411 decesos (os datos do mes pasado continúan en revisión), o mes con máis mortes de persoas contaxiadas dende abril de 2020.

O total de falecementos ligados á pandemia en Galicia chega así xa aos 2.016, case vinte e catro diarios na última semana. Nestas semanas destaca tamén a menor porcentaxe de persoas que vivían en residencias de maiores ou discapacidade entre a poboación contaxiada que está a falecer. Tamén destaca, na información ao respecto fornecida polo Sergas, a maior presenza de persoas que roldan os 60 anos ou mesmo de idades inferiores, se ben a maior porcentaxe de falecementos (o 44%) dende o comezo da pandemia segue rexistrándose entre persoas octoxenarias, informa Sanidade. [A terceira vaga da pandemia está a ter nas residencias galegas menor impacto que no conxunto da sociedade]

A media diaria de diagnósticos segue en descenso

Estas elevadas cifras de falecementos rexístranse nunha xornada na que o Servizo Galego de Saúde suma ao seu cómputo 708 novos casos do coronavirus, máis que nos dous días previos pero notablemente menos que calquera día das semanas previas. Un total de 654 destes positivos, rexistrados entre as seis da tarde do luns e a mesma hora do martes, son diagnósticos mediante proba PCR.

O Sergas suma 708 novos casos, máis que nas dúas xornadas previas pero moitos menos que calquera día das semanas anteriores

Aínda que os casos sumados nesta xornada sexan máis que nas dúas previas, a media diaria de diagnósticos a sete días seguen en descenso. Este indicador rolda agora os 780 tras chegar a superar os 1.300 a finais de xaneiro e a súa liña segue sendo claramente descendente, aínda que continúa superando o que fora o pico da segunda vaga, a única comparable por ter xa daquela o Sergas unha capacidade diagnóstica semellante á actual.

O acougo no número de novos casos detectados e o gran número de altas epidemiolóxicas de persoas contaxiadas durante as semanas do Nadal, Aninovo e Reis segue permitindo que baixe o número de casos considerados como positivos activos. Esa cifra chega quedou este mércores en 17.632 tras chegar a superar os 22.000 casos a finais de xaneiro. Así e todo, o propio conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, subliñaba este mércores a necesidade de ler con cautela este indicador. "Cando un paciente que está na UCI dá negativo aos 15 e segue na UCI, a situación non muda" aínda que xa non conste como positivo, ilustra.

O descenso da incidencia, sobre o mapa

A incidencia acumulada a 14 días para o conxunto de Galicia rolda os 570 casos tras un descenso pronunciado que, admite Sanidade, aínda está "moi lonxe do obxectivo" de descender, cando menos, por baixo dos 250

O freo no número de novos positivos da COVID rexistrados en Galicia tamén se vai percibindo, aos poucos, no mapa da incidencia acumulada (casos novos por cada cen mil habitantes) a 14 días. Este indicador descende para o conxunto de Galicia dende comezos de mes e sitúase actualmente na contorna dos 574 casos. Neste sentido, a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, sinala que é tan evidente a baixada como o feito de que Galicia aínda está "moi lonxe do obxectivo" de descender, cando menos, alén dos 250 casos por cada cen mil habitantes. O país non baixa desa cota dende o 7 de xaneiro.

Por concellos, os que non rexistran casos novos nas últimas dúas semanas seguen aumentando aos poucos e volven superar a vintena. Mentres, os que teñen máis de dez mil habitantes e superan os 1.000 casos na incidencia acumulada a 14 días son xa só media decena: Betanzos (1.279), Poio (1.259), Vilalba (1.122), Arteixo (1.108) e Ordes (1.077). Hai apenas unha semana eran máis do dobre.

No que atinxe ás cidades, a mellora tamén é sostida, aínda que con intensidades dispares. Nos sete principais concellos urbanos remite a incidencia da COVID-19 a 14 días e a máis elevada segue na Coruña, que baixa dos 700 por primeira vez dende o 21 de xaneiro. Na banda contraria están Vigo e Lugo, ambos xa por baixo dos 400 casos novos por cada cen mil habitantes en dúas semanas. En calquera caso, todas as cidades seguen moi por riba dos niveis que deran acadado antes do Nadal, cando a urbe con maior incidencia acumulada, Santiago, apenas superaba os 200 casos novos por cada cen mil habitantes en dúas semanas.

Varias semanas por diante para o alivio relevante nos hospitais

O total de persoas hospitalizadas con test positivo da COVID segue descendendo, pero as UCI aínda non rexistran cambios significativos, con case 250 persoas ingresadas

Boa parte dos sinais de cautela na valoración do Sergas a respecto das actuais cifras están vinculadas, admiten Comesaña e o resto de responsables da Consellería, co alto nivel de ocupación de camas hospitalarias por pacientes contaxiados do coronavirus ou por persoas que, xa con test negativo, teñen a COVID-19 na orixe da súa doenza. O total de persoas hospitalizadas con test positivo do coronavirus son agora 1.215, segundo os datos de Sanidade, 63 menos que vinte e catro horas antes e 157 menos que o mesmo día da semana anterior.

No entanto, a ocupación das unidades de coidados intensivos, o elo máis sensible do sistema, segue sendo moi alta, con 248 persoas con test positivo (oito menos que un día antes) e varios centros hospitalarios tendo que habilitar como unidades de críticos espazos e camas habitualmente non concibidos para este fin. Tanto o total de persoas hospitalizadas como o de persoas na UCI segue por riba dos niveis máximos da primeira vaga. Sanidade calcula que aínda faltan varias semanas ata chegar a unha situación de alivio significativo nas cifras de hospitalización. [Sanidade ve "pouco prudente falar de desescalada" das restricións da COVID e Feijóo anúnciaa como "medida e gradual"]

Estes datos rexístranse nun contexto no que o número de probas PCR procesadas cada día segue sendo moi elevado, cunha media superior ás 11.500 na última semana. Estas cifras seguen estando influídas pola realización de cribados en diferentes puntos do país (neles empréganse probas PCR, mais tamén test de antíxeno), procuras de casos asintomáticos que tamén inflúen -Sanidade considera que non de xeito determinante- no descenso das taxas de positividade, isto é, a porcentaxe de probas que dan positivo.

Para o conxunto de Galicia, a positividade media das probas PCR na última semana segue en claro descenso e sitúase un chisco por baixo do 6%, isto é, arredor dun punto por riba do limiar indicado pola Organización Mundial da Saúde para dar por controlada a pandemia nun determinado territorio. Non obstante, tres das sete áreas sanitarias (Ferrol, A Coruña e Pontevedra) están notablemente por riba deste valor global, entre o 8% e o 9%.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.