Menos pacientes COVID por primeira vez en vinte días nas saturadas UCI de Galicia, que traspasa o pico da terceira vaga

Cribado da COVID en Betanzos a finais de xaneiro e evolución dos novos casos rexistrados en Galicia CC-BY-NC-SA Foto: Concello de Betanzos | Montaxe: Praza Pública

Un primeiro sinal de alivio no punto máis crítico da presión hospitalaria provocada polo estoupido de contaxios nas semanas do Nadal, Aninovo e Reis en Galicia. É un alivio puntual e leve, pero tamén significativo porque había máis de vinte días que non diminuía o número total de persoas ingresadas nas unidades de coidados intensivos con test positivo da COVID-19. Os datos difundidos este 3 de febreiro polo Sergas (pechados no día previo) reflicten 247 ingresos en UCI. É unha cantidade máis elevada que no pico da primeira vaga e moito máis alta que no pico da segunda, pero tamén supoñen seis ingresos menos que vinte e catro horas antes.

As 247 persoas nas UCI con test positivo supoñen aínda unha cifra moi elevada e Sanidade prevé que a forte presión hospitalaria aínda continúe nos vindeiros días malia estas primeiras baixadas

O número total de pacientes COVID nas UCI galegas non diminuía a respecto da xornada anterior dende o 12 de xaneiro, cando o groso dos contaxios das semanas das festas comezou a disparar as hospitalizacións. Faino nunha xornada na que o total de persoas ingresadas baixa por segundo día consecutivo, o cal non acontecía dende os primeiros días de decembro. 

O total segue, así e todo, en cifras elevadísimas. Son 1.372 persoas ingresadas por mor do coronavirus que, admite o Sergas, manteñen fortemente presionados todos os centros hospitalarios e "máis ao límite" ás instalacións como as da Coruña, Ferrol ou Pontevedra. Nestas dúas últimas, sinalou Sanidade este mércores en rolda de prensa, segue sendo preciso trasladar pacientes COVID a hospitais menos saturados.

En comparecencia ante a prensa tras a reunión do comité clínico -que non introduciu modificación ningunha no mapa de restricións-, o xerente do Sergas, José Flores, sinalaba este mércores que os actuais niveis de hospitalización supoñen que "as camas estruturais de críticos" (das que dispoñen os hospitais galegos en condicións normais) están ocupadas ao 42% por pacientes co coronavirus. Non obstante, especifica, hospitais como os da Coruña, Santiago ou Vigo están a utilizar como UCI outras unidades que non son tal en "condicións normais" e por iso a porcentaxe final "baixa ata dez puntos". Esas porcentaxes, en calquera caso, son unha media de todo o país que se supera amplamente en hospitais como o coruñés. [Máis de 21 persoas enfermas de COVID ingresaron nas UCI galegas cada día da última semana]

"Meseta con tendencia decrecente"

O Sergas suma 1.141 novos casos da COVID mentres a media a sete días de novos diagnósticos continúa a baixar

A Consellería de Sanidade e o persoal médico que forma parte do comité clínico aínda augura, en calquera caso, días de forte presión e mesmo incremento no total de ingresos ligados á pandemia antes de que a lixeira mellora nas cifras de novos casos comece a reflectirse na ocupación hospitalaria. Segundo a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, os datos da última semana son "obxectivamente mellores" que os das previas e "é moi posible" que Galicia xa superase o pico da terceira vaga e a actual situación sexa a dunha "meseta con tendencia descendente". Todo, advirte, coa "cautela debida" e "se todo evoluciona como ata agora".

O que di esa evolución, cos datos máis recentes, é que entre as seis da tarde do luns 1 de febreiro e a mesma hora do martes, día 2, Sanidade rexistrou 1.141 novos casos da COVID-19, 935 deles diagnósticos mediante proba PCR. Alén das oscilacións de días concretos (a cifra comunicada este martes é superior á das dúas xornadas previas), a media diaria de diagnósticos a sete días continúa descendendo e sitúase en 1.129, un nivel aínda moi alto, pero á baixa dende hai algo máis dunha semana. [A COVID provocou 400 mortes en Galicia en xaneiro, con máis proporción de falecementos fóra das residencias]

O lixeiro acougo nos novos casos detectados e a entrada dun alto número de altas epidemiolóxicas a persoas contaxiadas durante o Nadal (na contorna das mil diarias, nas últimas xornadas) permite tamén albiscar os primeiros sinais de alivio noutros dos elos máis presionados do sistema sanitario, a Atención Primaria. O número de casos considerados como "positivos activos" descende por segunda vez nas últimas tres xornada, primeiros sinais de freo dun indicador que segue tamén, non obstante, nun nivel moi alto: 22.440, nas cifras pechadas ás seis da tarde do martes [consulta aquí a serie completa de casos activos por áreas sanitarias].

"É moi posible que chegásemos ao máximo"

Saúde Pública di ler con "cautela" a posible mellora porque as incidencias seguen sendo moi elevadas e tamén por outros factores, como ter "en estudo" uns 200 posibles casos da variante do virus inicialmente detectada no Reino Unido

A relativa cautela en Saúde Pública, amortecida tamén polo feito de que o Sergas ten "aproximadamente 200 casos" en estudo para certificar se son contaxios pola variante do SARS-CoV-2 detectada inicialmente no Reino Unido, débese tamén á evolución da incidencia acumulada (casos novos por cada cen mil habitantes) nas últimas dúas semanas e, especialmente, nos últimos sete días. O indicador a sete días leva xa varias xornadas a baixar para o conxunto de Galicia e a 14 días semella estar inaugurando a liña descendente. Non obstante, como amosa o mapa baixo estas liñas, o camiño por percorrer é aínda prolongado.

Mentres os concellos sen novos casos rexistrados nas últimas dúas semanas son só unha ducia, os municipios e comarcas con incidencias acumuladas a 14 días aínda moi elevadas seguen sendo unha ampla maioría. Máis de 180 seguen por riba de 500 e aínda son varios os concellos con máis de dez mil habitantes nos que a incidencia a catorce días supera amplamente os 1.000 casos novos por cada cen mil habitantes. É o que sucede, por exemplo, en Poio (2.249), Betanzos (1.677), Arteixo (1.548), Vilalba (1.363), Sarria (1.304), Monforte (1.253), Sada (1.223) ou Sanxenxo (1.188).

Na incidencia a 7 días, que a Xunta non revela por concellos, Sanidade di detectar mellorías en todas as cidades agás Lugo e Pontevedra, onde apunta a un "lixeiro empeoramento"

A mellora relativa da incidencia a 14 días tamén se percibe na maior parte das sete principais cidades, nas que este indicador transita por un período de estabilidade ou mesmo de comezo do descenso. Non obstante, son varias as cidades que aínda teñen incidencias a catorce días moi elevadas, especialmente Ourense e A Coruña (ambas na contorna dos 900 casos).

Na súa comparecencia deste mércores ante a prensa, a directora de Saúde Pública detívose tamén nas cidades para fixarse na súa incidencia non a 14, senón a 7 días, un indicador que o Goberno galego non publica, pero que si menciona nas súas comparecencias. Esa incidencia máis inmediata, revela Carmen Durán, mellora na Coruña, Ferrol, Ourense, Santiago e Vigo e experimenta un "lixeiro empeoramento" en Lugo e Pontevedra. No caso da capital galega, ademais, á mellora da incidencia a 7 días agrégase a liña descendente a 14 días, como amosa o gráfico sobre estas liñas.

A evolución da incidencia a 7 días para o conxunto de Galicia xa está en niveis que implican clara diminución e o indicador a 14 días semella estar a piques de facelo

Esa tendencia ao acougo na incidencia acumulada a 7 días é tamén clara para o conxunto do país. Así o amosa o cálculo da razón de taxas (a división da incidencia acumulada dunha xornada entre a do mesmo día da semana anterior). Na incidencia a sete días, este indicador comezou a decelerar a mediados de xaneiro e, dende os últimos días do pasado mes atravesou o limiar do 1, que implica descenso da incidencia acumulada.

Os valores inferiores a 1 en razón de taxas implican que a incidencia acumulada a sete días está a baixar para o conxunto de Galicia, onde aínda non o fai con claridade a 14 días, pero está a piques de facelo agás no caso de que se produza un cambio brusco de tendencia. Ese freo na incidencia acumulada a dúas semanas principiou nos últimos dez días de xaneiro e Sanidade confía en que a súa mellora acelere co impulso das actuais restricións no conxunto de Galicia.

Máis cribados mentres descende a positividade media das PCR

Todos estes datos rexístranse nun contexto no que o número de test do coronavirus realizados en Galicia segue sendo moi elevados. A media diaria de probas PCR procesadas na última semana supera as 12.000, o que implica continuar en niveis máximos da pandemia nun contexto marcado pola realización de cribados poboacionais que a Consellería de Sanidade volvía defender este mércores como a mellor vía para atallar a pandemia mediante a detección de positivos en persoas asíntomáticas.

Sanidade comezará a recoller en farmacias mostras para test da COVID mediante saliva 

Con esta intención, anunciaron, Sanidade vén de pechar un acordo co Colexio de Farmacia de Pontevedra para que as farmacias desta provincia (inicialmente 6, pero ata chegar ás 235 do territorio) ofrezan a diferentes "poboacións diana", inicialmente persoas de entre 40 e 64 anos, a posibilidade de realizaren un test mediante unha mostra de saliva recollida na farmacia e procesada no Laboratorio de Microbioloxía do Sergas en Vigo. "No caso de obter un resultado positivo, realizaráselles unha proba PCR", di Sanidade, que prevé estender esta práctica ao resto de Galicia.

O alto número de probas PCR procedentes de cribados poboacionais de amplo espectro (nos que participa un gran número de persoas non contaxiadas) adoita contribuír a baixar as taxas de positividade destes test (porcentaxe dos que dan positivo), indicador que, na súa media diaria a sete días, tamén vén baixando dende finais de xaneiro. Os últimos datos sitúano, para toda Galicia, un chisco por riba do 8%, isto é, máis de tres puntos superior ao limiar fixado pola Organización Mundial da Saúde como referencia para dar a pandemia por controlada nun territorio determinado.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.