Unha familia de Arteixo, ante a Fiscalía por non enviar a clase o seu fillo por ser 'paciente de risco' ante a COVID

Interior do IES Manuel Murguía de Arteixo © EDL do IES Manuel Murguía

Un rapaz de 13 anos de idade, residente en Arteixo, leva sen acudir á súa clase de 2º de ESO dende o inicio do curso. A razón son as patoloxías que sofre (enfermidade de Crohn, episodios de broncoespasmos continuos, migraña retroocular...) e que o converten en persoa de risco ante a COVID-19, como así o acreditan varios informes asinados pola súa pediatra, que concluíu que "é paciente de risco para acudir a clase presencial na situación de pandemia que se vive actualmente".

Dende o mes de setembro, a súa familia ven solicitando que a Consellería de Educación autorice que reciba atención educativa domiciliaria

Dende o mes de setembro, a súa nai e o seu pai veñen solicitando que a Consellería de Educación autorice que reciba atención educativa domiciliaria, o que lle permitiría seguir o curso dende a súa casa. Ademais da saúde no neno, á súa familia preocúpalle a posibilidade dun contaxio á menor dos seus tres fillos, unha nena dun ano de idade tamén moi vulnerable, que sofre anemia ferropénica severa, hipertensión bronco-pulmonar ou un sopro funcional cardíaco, segundo recolle tamén a pediatra no seu informe. Así mesmo, o pai, diabético de tipo 2, é tamén persoa de risco.

Porén, as súas solicitudes veñen sendo denegadas, o que en primeiro lugar está impedindo que o neno siga o curso. E, ademais, agora a Consellaría de Educación vén de trasladar o caso á Fiscalía para que investigue á familia por un posible delito de absentismo escolar.

Alumnado no IES Antón Alonso Ríos de Tomiño © IES Antón Alonso Ríos

"Posto que a familia non logrou acreditar a situación de vulnerabilidade do neno e do seu entorno, decidiuse darlle traslado do caso á Fiscalía, como establece o protocolo", di Educación

Dende Educación explícase que "á vista da documentación achegada, non cumpre cos requisitos para outorgarlle a atención domiciliaria". A Consellaría destaca que o caso foi estudado en varias ocasións no propio centro escolar (o IES Manuel Murguía de Arteixo) e foi analizado tamén na Comisión provincial de seguimento de casos de absentismo con orixe na Covid, que realizou unha segunda avaliación.

Neste proceso "avaliouse outra vez toda a documentación presentada (algunha sen nin siquera selo identificativo nin sinatura de ningún tipo) e se lle volveu insistir á familia que achegara un informe do pediatra do neno no que se certificaran as cuestión médicas ás que aludían e se especificara a necesidade de atención domiciliaria". "Posto que a familia non logrou acreditar a situación de vulnerabilidade do neno e do seu entorno, decidiuse darlle traslado do caso á Fiscalía, como establece o protocolo", engade Educación.

A nai do neno afirma non entender a negativa da Consellaría a autorizar a atención domiciliaria, tendo en conta os sucesivos informes da pediatra, que inclúen a súa sinatura e número de colexiación (aínda que carecen de selo identificativo). A familia reitera que continuará sen enviar o seu fillo a clase, pois a súa saúde e a da súa irmá pequena "están por riba de todo".

"O meu fillo nunca foi absentista e tampouco o é a nosa familia", destaca a nai, que engade que "a nosa outra filla si está a ir a clase, aínda que nin sequera chega á idade obrigatoria (ten tres anos), xa que non ten patoloxías"

Ademais, rexeita as acusacións de absentismo. "Que máis me gustaría a min que o meu fillo fose a clase?", di a nai, que destaca que se trata "dun neno que estuda moito, que a pesar das súas patoloxías e de atoparse mal algúns días sempre quere ir a clase". "É máis, algunha vez foi a clase atopándose mal e desde o propio colexio mandárono para casa porque estaba a sangrar", engade. 

"O meu fillo nunca foi absentista e tampouco o é a nosa familia", destaca. De feito, engade a nai, "a nosa outra filla si está a ir a clase, aínda que nin sequera chega á idade obrigatoria (ten tres anos), xa que non ten patoloxías, e o que facemos con ela é extremar as precaucións", di, 

Área pediátrica dun centro sanitario galego © Sergas

"O neno está a tentar seguir o curso, aínda que nos está a resultar moi difícil porque non todos os profesores están a colgar a aula virtual os contidos que van desenvolvendo na clase"

A nai é moi crítica coa actitude mantida ata o momento pola Consellaría de Educación, á que esixe que se comunique coa familia directamente ("as únicas informacións que tiven sobre o caso chegáronse a través do propio centro", di). E, igualmente, amósase molesta coa falta de colaboración do instituto e dos seus mestres. "O neno está a tentar seguir o curso, aínda que nos está a resultar moi difícil porque non todos os profesores están a colgar a aula virtual os contidos que van desenvolvendo na clase. El está facendo traballos e deberes, que envía aos profesores, e nunca recibiu unha resposta", di. "Preguntei se polo menos podía acudir aos exames e dixéronme que non", engade.

O IES Manuel Murguía de Arteixo é nestes momentos un dos centros de ensino de Galicia que rexistra un maior número de casos positivos de Covid-19 entre o seu alumnado, un total de 28 casos segundo a última notificación da Consellaría de Sanidade, o pasado sábado. Non ten, neste momento, ningunha aula pechada.

O IES Manuel Murguía de Arteixo é nestes momentos un dos centros de ensino de Galicia que rexistra un maior número de casos positivos de Covid-19 entre o seu alumnado

Dende a Consellaría lémbrase que a escolarización é unha obriga para os nenos de entre 6 e 16 anos "agás nos casos xustificados desde unha perspectiva sanitaria", unha cuestión "avalada nun recente informe da Avogacía del Estado, no que especificaba que a situación de pandemia non ampara a decisión dos pais de non levar aos seus fillos ao colexio". "No contexto específico da Covid, a decisión de que un menor non asista ao centro educativo pola súa vulnerabilidade debe seguir criterios médicos", engade, reiterando que non se considerou válido o informe asinado pola pediatra do menor.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.