Mellor, pero aínda non o suficiente: a maior parte de Galicia segue a ter máis positivos de COVID que antes do Nadal

Cribado da COVID no Carballiño a comezos de febreiro de 2021 CC-BY-SA Sergas

A incidencia da Covid-19 leva 17 días en descenso en Galicia, dende o 'pico' da terceira vaga da pandemia que se acadou o pasado 29 de xaneiro. A mellora experimentada nestas dúas semanas e media permitiu rebaixar a incidencia acumulada a 14 días de 775 casos por cada 100.000 habitantes a pouco máis de 400, un nivel que se xa se achega ao punto máximo da segunda onda. Outros indicadores, como o da Incidencia Acumulada a 7 días xa se atopan neses niveis de novembro.

A maior parte do país ten aínda unha situación epidemiolóxica moito máis negativa que a que presentaba o pasado 24 de decembro

Porén, dende as autoridades sanitarias (tanto a Xunta como o Ministerio de Sanidade) advírtese de que é aínda é necesario conter máis a circulación da enfermidade antes de levar a cabo unha desescalada das restricións impostas ao longo de xaneiro, sobre todo no ámbito da hostalaría e nas reunións sociais, onde se producen un maior número de contaxios. Máis aínda tendo en conta a maior prevalencia da variante da virus descuberta no Reino Unido, máis contaxiosa e posiblemente máis grave que a dominante anteriormente

A pesar da rápida mellora das últimas semanas, o número de casos detectados cada día é aínda moi superior ao que se rexistraba en decembro. E, ademais, a situación hospitalaria segue a ser moi grave, cun número de camas ocupadas nas UCI moi por riba do nivel acadado na primeira e na segunda vaga da pandemia.

Dende as autoridades sanitarias advírtese de que é aínda é necesario conter máis a circulación da enfermidade antes de levar a cabo unha desescalada das restricións

Indo máis aló dos datos xerais para toda Galicia e observando a incidencia que se rexistra en cada concello, atopamos que a maior parte do país ten aínda unha situación epidemiolóxica moito máis negativa que a que presentaba o pasado 24 de decembro. 

De feito, entre os concellos de máis de 5.000 habitantes (nas localidades máis pequenas a comparación resulta máis difícil, pois non sempre a Xunta achega o número exacto de casos), nos que viven case 2,3 millóns de persoas, tan só 21 rexistran hoxe unha incidencia inferior á da Noiteboa e 86 teñen aínda máis casos activas que o pasado 24 de decembro.

Ao redor de 2,2 millóns de galegos e galegas residen nestas localidades que, a pesar da mellora das últimas semanas, están aínda peor que antes do Nadal

Ao redor de 2,2 millóns de galegos e galegas residen nestas localidades que, a pesar da mellora das últimas semanas, están aínda peor que antes do Nadal. Entre eles están cidades como A Coruña (+394% de casos dende o 24 de decembro), Ferrol (+274%), Ourense (+154%), Lugo (+186%) ou Pontevedra (+111%); Compostela (+51%) ou Vigo (+28%) tamén presentan peores datos que o 24 de Nadal.

Igualmente, vilas como Carballo, Arteixo, Oleiros, Culleredo, Narón, Cambre, Poio, Ordes, Marín, Redondela, Vilalba, A Estrada, O Carballiño ou A Laracha tamén están aínda moi por riba dos datos previos ao Nadal.

As excepcións corresponden a Boiro, Santa Comba, Ribeira, As Pontes de García Rodríguez, Bueu, Noia, Baiona, O Grove, O Pereiro de Aguiar, Vimianzo, Rianxo, Muros, Porto do Son, Viveiro, Nigrán, Gondomar ou A Guarda, concellos que hoxe presentan menos casos de Covid-19 que o pasado 24 de decembro. Na maior parte destes casos, trátase de localidades que chegaron ao Nadal con gromos de importancia.

Tan só 48 concellos teñen hoxe menos casos de Covid-19 que antes do Nadal. Pola contra, 189 presentan unha incidencia superior á daquelas datas

No conxunto de Galicia, tan só hai 48 concellos que teñan hoxe menos casos de Covid-19 que os que rexistraban antes do Nadal. Pola contra, 189 presentan unha incidencia superior á daquelas datas. As restantes 76 localidades amosan datos semellantes aos anteriores ao 24 de decembro (en boa parte deles a Xunta non achega o dato axacto e só informa de que teñen 'entre 1 e 9 casos').

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.