A Xunta levanta a restrición horaria do comercio pola COVID e reabre espazos culturais e aulas universitarias

A Xunta levanta as restricións horarias do comercio pero mantén pechados os centros comerciais durante as fins de semana © Centro Comercial As Cancelas - Praza Pública

Retómase o deporte en instalacións ao aire libre e a competición federada e fanse máis flexibles as visitas en residencias que completasen a vacinación, pero Feijóo pide “prudencia” porque “a incidencia sobe moito máis rápido do que baixa”

"Eu quixera abrir moito máis, pero non podo; quixera abrilo máis rápido, como todos vostedes, pero non podo". Cinco días despois de que a anunciase o propio Feijóo malia considerar o seu conselleiro de Sanidade que non era o momento de falar diso, este luns o comité clínico que asesora á Xunta fronte ao coronavirus avalou iniciar a desescalada das restricións que están vixentes desde o 27 de xaneiro. Unhas medidas que neste tempo lograron acelerar a redución da incidencia da enfermidade en Galicia que algo antes e situala na metade, pero aínda por riba do pico da segunda vaga mentres que nos hospitais a ocupación segue a ser similar á do peor momento da primeira vaga. 

As restricións establecidas o 27 de xaneiro tiñan como data de caducidade as cero horas deste mércores 17 de febreiro, e agora o Goberno galego vén de decidir que a partir dese momento non se prorrogarán como no pasado se fixo con outras medidas senón que varias delas serán alixeiradas: o comercio deixará de ter as restricións horarias que o obrigaban a pechar ás 18 horas e agora só se verá afectado polo toque de queda de 22 a 6 horas, os espazos culturais reabren cunha capacidade do 30%, retómase o deporte en instalacións ao aire libre e a competición federada e fanse máis flexibles as visitas nas residencias de maiores ou dependentes que xa completasen a vacinación. Ademais as universidades retomarán as aulas presenciais o 1 de marzo e outras ensinanzas especiais como os conservatorios e escolas de idiomas o 22 de febreiro.

 

Foi Feijóo o encargado de informar este luns do inicio da desescalada que deberá agora concretarse no Diario Oficial de Galicia antes da súa entrada en vigor na medianoite do martes o mércores. O presidente comezou a súa intervención asegurando que os datos actuais “confirman de forma notoria e notable a tendencia á baixa” da expansión do coronavirus en Galicia, o que o levou a dicir que as restricións establecidas “están sendo útiles”. “O máis importante de todo”, valorou, foi que “fomos quen de conter a presión hospitalaria”, pero admitiu que “cómpre consolidar con máis intensidade o descenso da incidencia para poder acometer unha desescalada ampla”. De feito, el mesmo condicionou a pasada semana o levantamento dalgunhas restricións, que non detallou, a que remate a vacinación da poboación maior de 80 anos, calculada para comezos de maio.

Feijóo insistiu en pedir "prudencia" porque "a incidencia sobe moito máis rápido do que baixa"

Por iso, malia autorizar o inicio da desescalada, o presidente insistiu en pedir “prudencia” por catro motivos: porque “a incidencia sobe moito máis rápido do que baixa –o que abriría a porta a unha cuarta vaga-; porque xa están a ter relevancia na expansión do virus en Galicia novas cepas máis contaxiosas; por “xustiza” coas persoas afectadas polos peches de actividades económicas e “cos profesionais sanitarios”; e “para non frustrar as nosas propias esperanzas colectivas, as que se abriron co proceso de vacinación”.

A desescalada 

Segundo Feijóo, Galicia seguirá con máximas restricións, que implican manter os peches perimetráis de cada concello, “algo máis de tempo”, pero con “seis aperturas graduais, medidas, que os expertos consideran admisibles ao non estar xa no risco extremo”:

Comercio: A partir do mércores recupera a súa liberdade horaria anterior cunha capacidade limitada ao 50%. “De momento” mantense o peche dos centros comerciais durante as fins de semana.

Formación: O luns 22 de febreiro retómanse as aulas presenciais en ensinanzas especiais como conservatorios e escolas de idiomas, agás no primeiro caso para as prácticas de instrumentos de vento e canto. Na universidade a educación presencial retomarase unha semana máis tarde, o luns 1 de marzo, e a Xunta di que ofrecerá antes un cribado a todo o alumnado que o solicite.

Deporte: Reabren as instalacións deportivas ao aire libre para a práctica de deportes individuais e retómase a competición federada de ámbito autonómico. 

Feijóo presidindo este luns a reunión do comité clínico que o asesora fronte á COVID CC-BY-SA David Cabezón - Xunta de Galicia

Cultura: Reabren cun límite do 30% da súa capacidade instalacións culturais como bibliotecas, arquivos, museos, salas de exposicións, cines, teatros ou auditorios.

Transporte: Reábrese o interior de restaurantes das estacións de servizo que se empracen en vías de altas prestacións”, segundo o termo empregado polo presidente, para que poidan comer de xeito individual transportistas “acreditados” coa tarxeta que os identifica como tales.

Residencias: As residencias que completasen o segundo ciclo da vacinación “hai dez ou máis días” pasarán a permitir visitas ata tres días á semana, fronte á única visita semanal actual, e poderán ser de ata dúas persoas de referencia. Nos centros de discapacidade que tamén completasen as vacinación as persoas residentes poderán saír delas as fins de semana para visitar ás súas familias.

Hostalería e domicilios: Malia asegurar que este luns non se tomou ningunha decisión ao respecto, Feijóo avanzou que o próximo luns avaliarase a situación da hostalería e “se segue a tendencia á baixa, poderase seguir a desescalada das restricións que aínda posúe a hostalería, cun grao de intensidade e ámbitos territoriais en funcións dos datos epidemiolóxicos”. Segundo Feijóo, a súa intención é habilitar “un sistema para transparentar a capacidade” dos locais e que permita, a través dalgún tipo de “rexistro de entradas” que se abre a negociar co sector, localizar ás persoas que estiveron neles ao tempo que calquera persoa que resulte positiva por coronavirus. Igualmente, o próximo luns a Xunta contempla analizar a posibilidade de que se permitan reunións de persoas non convivintes e mesmo “reabrir os ximnasios”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.