Pasou mes e medio dende a fin das festas do Nadal, Aninovo e Reis. Transcorreron case dúas semanas coas restricións máis estritas para o conxunto de Galicia dende a fin do confinamento da primavera de 2020. Agora, a incidencia do coronavirus en Galicia sitúase en niveis semellantes ao que foi o pico da segunda vaga, a do pasado outono, a única comparable porque daquela o Sergas xa dispuña dunha capacidade diagnóstica semellante á actual.
A incidencia acumulada a 14 días está a piques de baixar dos 400 casos novos por cada cen mil habitantes, un chisco por riba do pico da segunda vaga
A incidencia acumulada (casos novos por cada cen mil habitantes) a 14 días está a piques de baixar dos 400 casos, nivel que non chegou a superar naquela segunda vaga. O indicador a sete días, un descenso máis pronunciado, baixa de 150 e xa descende por baixo do seu máximo do outono. Ningún dos dous descende, polo momento, ata niveis equiparables aos logrados nas semanas anteriores ás festas.
O descenso dende o que ata agora foi o pico máis alto de incidencia da COVID-19 en Galicia chega tras semanas marcadas pola realización de cribados por parte do Sergas en numerosos puntos do país. Esta realización masiva de test chegou, no caso das probas PCR, a niveis máximos dende o inicio da pandemia. Nos últimos días, non obstante, a media diaria a sete días baixa das 10.000 PCR por xornada tras estar por riba dese nivel dende finais de xaneiro. A súa positividade (porcentaxe das que dan positivo) media a sete días segue tendendo a baixar e, alén de lixeiras oscilacións, vaise aproximando ao 5% que a Organización Mundial da Saúde considera como referencia para dar a pandemia por controlada nun territorio.
O Sergas suma 372 novos casos e a media diaria de diagnósticos a sete días xa é inferior ao pico da segunda vaga, pero aínda supera as cifras previas ao Nadal
Este descenso das incidencias acumuladas é produto dunha caída sostida no número de novos casos rexistrados cada xornada. Este luns, Sanidade suma 372 novos casos, os rexistrados entre as seis da tarde do sábado e a mesma hora do domingo, dos que 345 son diagnósticos mediante PCR. Unha semana antes, o Sergas computara 582 casos novos e hai dúas semanas, un milleiro.
O descenso é claro e o mesmo sucede en termos de días naturais. No último día completo con datos dispoñibles, o sábado 13, o Sergas rexistrou 368 casos novos. O mesmo día da semana anterior sumara 763 e o sábado de dúas semanas antes, 1.212. Neste contexto, Galicia rexistra unha media duns 520 diagnósticos novos mediante PCR cada día da última semana. Xa son menos que no pico da segunda vaga, pero aínda máis que antes do Nadal.
A combinación no pronunciado descenso de novos casos co alto número de altas epidemiolóxicas de persoas contaxiadas nas semanas das festas, superando amplamente o milleiro por día no que vai de mes de febreiro, permite que sigan descendendo os casos considerados como positivos activos. Este luns quedan un chisco por riba dos 13.000 tras chegar a superar os 22.000 a finais de xaneiro. No pico da segunda vaga apenas superaran os 10.000 [podes consultar nesta ligazón a serie íntegra de casos activos por áreas sanitarias, recentemente revisada polo Sergas].
Menos de cen concellos por riba de 500 casos a 14 días, case unha trintena sen ningún
O acougo xeral da incidencia tamén se vai percibindo cada vez máis claramente sobre o mapa. Xa non queda ningún concello con máis de dez mil habitantes onde a incidencia acumulada a 14 días sexa superior a mil casos por cen mil persoas (durante o mes de xaneiro foron máis dunha decena). Entre estes municipios máis poboados, a maior incidencia é a de Betanzos, que segue baixando e rolda os 970.
Xa non quedan concellos con máis de 10.000 habitantes onde a incidencia a 14 días supere os mil casos
Os concellos onde a incidencia acumulada supera os 500 casos novos por cada cen mil habitantes a 14 días tamén van descendendo aos poucos e xa son menos dun cento. Hai apenas dúas semanas, roldaban os 180. Ao tempo, os municipios que non rexistraron casos novos nas últimas dúas semanas seguen aumentando e roldan a trintena, unha cifra aínda afastada da acadada a mediados de decembro, cando chegaron a ser máis dun cento.
A incidencia acumulada a 14 días baixa en Vigo dos 250 casos novos por cen mil habitantes por primeira vez dende o 12 de xaneiro
No que atinxe ás principais cidades, a liña descendente na incidencia acumulada segue sendo xeneralizada segundo uns datos que este luns traen consigo un feito reseñable. A cidade máis poboada do país, Vigo, descende dos 250 casos novos por cada cen mil habitantes a 14 días por primeira vez dende o 12 de xaneiro. Baixar dese limiar é o primeiro dos obxectivos marcados polo Sergas para o conxunto de Galicia antes de relaxar significativamente as restricións.
No resto das cidades, a maior incidencia a 14 días segue sendo a da Coruña, aínda por riba dos 500 casos malia á súa curva descendente dende comezos de mes. Lugo logra baixar dos 300 e Santiago tamén está a piques de facelo. Todas elas están, non obstante, por riba das incidencias a catorce días que lograran ter antes das festas.
Os hospitais seguen reflectindo a dureza da terceira vaga
Malia ás obvias melloras de todos os indicadores epidemiolóxicos, onde o alivio segue sen ser substancial é nos centros hospitalarios. Este luns (con datos pechados ás seis da tarde do domingo), o total de persoas hospitalizadas con test positivo do coronavirus son 1.016, segundo o Sergas, case un 70% máis que no máximo da segunda vaga. Son 19 máis que un día antes, aínda que é un incremento menor ao rexistrado o luns anterior (+43) e o total de persoas ingresadas está tamén claramente por baixo do mesmo día de hai unha semana (-301).
Eses alivios a respecto de hai unha e dúas semanas chegan, sobre todo, dende as unidades de hospitalización convencional. A ocupación nas UCI segue sendo moi alta e o seu descenso, moi lento. Os datos deste luns reflicten 224 persoas (+2) con test positivo da COVID-19 en coidados intensivos, vinte menos que unha semana antes e aínda por riba dos picos de hospitalización en críticos tanto na primeira como na segunda vaga da pandemia.
Neste contexto, tamén van descendendo, aínda que aos poucos, as cifras de mortes de persoas que contraeran a COVID-19. O Sergas suma este luns dez falecementos máis -tres deles, do día previo- e o total chega a 2.096. Tras as revisións de datos dos últimos días (incluíndo a suma de 9 mortes de novembro, decembro e xaneiro en residencias intervidas pola propia Xunta que non notificaran estes decesos), o total de mortes oficialmente ligadas á pandemia no que vai de 2021 chega a 686. En toda a primeira vaga da pandemia foran 619.