O impacto da pandemia continúa descendendo moi aos poucos en Galicia, con efectos constatables en diferentes valores, pero aínda non trasladados ás UCI dos hospitais --que seguen con cifras récord-- nin ás mortes, ao sumarse 114 falecementos por COVID máis nesta semana que remata.
O coronavirus afrouxa pero moi lentamente, logo de que o Sergas detectase nas 24 horas que van desde as 18 horas do pasado venres ás 18 horas do sábado 419 positivos (387 deles por PCR).
O número de positivos detectados sitúase en niveis previos ao Nadal, pero cunha media diaria semanal de 573, case o dobre que antes das festas
A cifra é semellante á que se daba xusto antes da explosión da terceira onda --416 foran o pasado 23 de decembro, xusto antes da Noiteboa--, pero cunha media diaria na última semana de 573 casos, un número moito maior do que habia antes das festas, cando se situaba arredor de 300.
A pandemia mantén as súas duras consecuencias e segue a provocar unha importante detección de casos xusto cando este domingo se cumpre un ano da primeira proba PCR realizada en Galicia, segundo as series que facilita o Sergas.
Fora o 14 de febreiro de 2020 na área de Pontevedra, con resultado negativo, xa que ata o 6 de marzo non se rexistrara ningún positivo en Galicia por COVID.
Case un ano despois daquela primeira proba, Galicia levou a cabo este sábado máis de 8.000 test PCR, unha cifra semellante á da xornada anterior e á de comezos de xaneiro, pero menor á das últimas semanas.
Galicia baixou do milleiro de persoas hospitalizadas por COVID, pero aumentou as camas en UCI, de 218 a 222
O efecto das restricións vaise notando pero aínda é moi feble, sobre todo no que se refire á hospitalización. Galicia baixa este domingo do milleiro de persoas hospitalizadas con test positivo de coronavirus (997) por primeira vez nas últimas semanas, aínda que incrementa en catro persoas o número de camas ocupadas pola COVID na UCI, ao pasar das 218 a 222.
A tendencia na hospitalización e á baixa, pero continúa en niveis superiores á que se daba no mes de marzo e duplicando as cifras máximas do pasado novembro.
A cifra de persoas falecidas por COVID no país sitúase xa nas 2.086, logo das seis mortes notificadas por Sanidade na noite do pasado sábado, unha delas nunha residencia de maiores.
O Sergas notificou 114 mortes por coronavirus na última semana
Son 114 mortes por coronavirus notificadas na última semana, máis de 300 nas últimas dúas semanas e case 600 no último mes. Datos demasiado semellantes aos dos peores momentos da primeira vaga da pandemia.
Con todo, a taxa de positividade baixa en Galicia do 5% --limiar establecido pola OMS para dar por controlada a pandemia-- por primeira vez desde o pasado 27 de decembro, coas áreas da Coruña, Ferrol e Pontevedra aínda como as que detectan unha maior porcentaxe de probas positivas.
En total, a Consellería de Sanidade notifica un total de 13.745 casos activos de coronavirus en Galicia, 1.102 menos que hai 24 horas, o que supón un descenso de máis de 6.000 na útlima semana.
Os casos activos descenden en todas as área sanitarias, especialmente na da Coruña e Vigo, que se manteñen como as que teñen máis pacientes COVID. Nas residencias de maiores, son 193 os casos activos, tras 14 altas e tres novos positivos.
En canto á incidencia acumulada (IA) (casos novos por cada 100.000 habitantes) nos 14 días anteriores, os datos seguen a mellorar en todas as cidades galegas, coa Coruña e Ferrol aínda destacadas coas peores cifras, con sobre 584 e 535 de IA respectivamente. Séguenlle Ourense, Pontevedra, Santiago, Lugo e Vigo. A urbe máis grande de Galicia rolda os 258.
No resto de Galicia, continúan destacando os datos de Moeche e Cabanas, cunha incidencia acumulada por riba de 2.000.
Ademais, hai unha ducia de municipios por riba dos 1.000 e na contorna da cidade da Coruña --ademais de en Poio e Ordes-- é onde se sitúan as localidades dun considerable número de habitantes con peores datos: Sada, Arteixo, A Laracha, Carballo ou Betanzos.
Ademais, no conxunto de Galicia hai 28 concellos onde non se detectou caso ningún de coronavirus nos últimos 14 días.
En resumo, desde o principio da pandemia infectáronse en Galicia, segundo os datos do Sergas, máis de 108.000 persoas, das que curaron xa 92.246, 1.335 nas últimas 24 horas.
O conselleiro de Sanidade advirte "dalgún axuste" nas restricións este luns pero limitado pola mala situación das UCI
Por outra banda, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, avanzou que o comité clínico podería adoptar este luns "algún axuste" nas restricións vixentes polo coronavirus, pero advertiu de que os cambios serán limitados ante a preocupación pola situación das UCI.
Nunhas declaracións na Radio Galega, o titular de Sanidade optou pola "prudencia" ante uns "números" en coidados intensivos que "están por riba do pico de marzo".