Docentes, policías, persoal de emerxencias e de farmacias, entre os novos grupos prioritarios na vacinación da COVID

Vacinación contra a COVID na área sanitaria de Santiago-Barbanza en febreiro de 2021 CC-BY-SA Sergas

O Ministerio de Sanidade vén de actualizar a estratexia de vacinación da COVID, que inclúe as características de cada vacina e os grupos aos que se administrará. O documento marca as pautas que deben ser seguidas por todas as comunidades autónomas. A principal novidade desta actualización é a incorporación da vacina desenvolvida por AstraZeneca, aprobada xa para o seu uso na Unión Europea e que comezou a ser distribuída no Estado español. Tamén se detallan os novos grupos prioritarios para a súa vacinación, engadíndose á poboación maior de 80 anos, que comezará a ser protexida na derradeira semana de febreiro.

A actualización da estratexia de vacinación incorpora a desenvolvida por AstraZeneca e detalla os novos grupos prioritarios

A nova vacina de AstraZeneca ten algunhas vantaxes con respecto ás vacinas de Pfizer/BioNTech (Comirnaty) e Moderna, comezando polas maiores facilidades de transporte e conservación, pois necesita ser almacenada a unha temperatura de entre 2 e os 8 graos, fronte aos -15 graos da de Moderna ou os -60 graos da de Pfizer. 

Ademais, a vacina de AstraZeneca non presenta efectos adversos excesivamente importantes, ao igual que as vacinas de Pfizer e Moderna, referídose a posibilidade de provocar fatiga, cefalea, migrañas ou náuseas nalgúns casos, "maioritariamente de intensidade leve ou moderada" e de forma máis frecuente nas persoas novas e trala segunda dose.

A vacina de AstraZeneca necesita tamén da administración dunha segunda dose es erá administrada ás persoas de 55 anos ou menos. As de ARNm reservaranse para as poboacións de máis idade e máis vulnerables

A vacina de AstraZeneca necesita tamén da administración dunha segunda dose, que debe ser aplicada entre 10 e 12 semanas despois da primeira. Este prazo é maior que nas vacinas de Pfizer (21 días) e Moderna (28 días). A eficacia desta nova vacina é inferior ás dúas anteriores: un 62,6% que se se eleva ao 70% cando se agarda 12 semanas para administrar a segunda dose). No caso das outras dúas vacinas, que empregan a tecnoloxía de ARN mensaxeiro (ARNm), a eficacia despois da segunda dose superou o 93% e o 94%.

Con todo, a maior diferenza entre a vacina de AstraZeneca e as dúas anteriores está nos grupos aos que vai administrada. O Ministerio de Sanidade decidiu que só será aplicada ás persoas menores de 55 anos (no resto da Unión Europea optouse maioritariamente por limitala aos menores de 65), debido ao escaso número de persoas de maior idade participantes nos ensaios clínicos, que tampouco incluíron doentes con enfermidades graves (por debaixo de 55 anos a vacina si probou a súa eficacia en decenas de milleiros de persoas en todo o mundo). Tampouco se lle administrará ás persoas con inmunodepresión grave (incluíndo cancro en tratamento quimioterápico), enfermidade cardiovascular non controlada e enfermidade hepática, renal, metabólica/ endocrina ou neurolóxica graves.

Este xoves comezou en Galicia a vacinación dos profesionais do Servizo de Axuda no Fogar menores de 55 anos

Deste xeito, as vacinas de ARNm reservaranse para as poboacións de máis idade e máis vulnerables e a vacina de AstraZeneca utilizarase inicialmente para persoal sanitario e sociosanitario e outro persoal esencial. Porén, o Ministerio de Sanidade anuncia que podería reconsiderar esta diferenciación nos vindeiros meses se os ensaios clínicos da vacina de AstraZeneca que se están levando a cabo nestes momentos e que inclúen máis persoas maiores de 55 demostran a súa eficacia e seguridade neste grupo.

Persoal sanitario que non está en primeira liña, persoal de farmacia, fisioterapeutas, forzas de seguridade, persoal de emerxencias e docentes están entre os novos grupos prioritarios

A pasada semana a Xunta informou de que prevé rematar "a principios de maio" a vacinación das persoas 80 anos e máis, un ritmo que podería mellorar se chegan máis vacinas de Pfizer e Moderna, as indicadas para este grupo. De igual xeito, o Goberno galego confirmou este mércores que xa rematou a vacinación nas residencias e nos profesionais sanitarios de primeira liña e que “desde esta semana comezarase a vacinar ao resto do persoal sanitario”. De igual xeito, tras recibir 11.100 doses da vacina producida por AstraZeneca, este xoves comezará a vacinación dos profesionais do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) menores de 55 anos.

Ata este mércores, recibiran as dúas doses da vacina en Galicia un total de 55.082 persoas e o Sergas levaba administradas 117.783 doses, o 78,7% das recibidas, segundo datos do Ministerio.

A actualización da estratexia de vacinación detalla os grupos de poboación que pasarán a ser vacinados dende agora, de forma simultánea, unha vez que está xa rematando a vacinación das persoas usuarias de residencias, o persoal destas instalacións e o persoal sanitario de primeira liña.

As persoas de menos de 55 anos que xa superaron a enfermidade e que se atopen nestes grupos prioritarios deberán agardar para ser vacinadas seis meses para ser vacinadas

  • Grupo 3: Outro persoal sanitario e sociosanitario (alén do que está en primeira liña, xa vacinado). Inclúe persoal de odontoloxía, hixiene dental e outro persoal sanitario que atende de forma habitual a pacientes sen máscara e durante un tempo superior a 15 minutos. Persoal dos servizos de saúde pública que non se vacinou no grupo 2. Persoal sanitario e sociosanitario non vacinado con anterioridade, incluíndo servizos de axuda a domicilio, centros de menores e centros de día. Persoal sanitario dos seguintes colectivos: fisioterapeutas, terapeutas ocupacionais, persoal de oficinas de farmacia, protésicos dentais, logopedas e persoal de psicoloxía clínica. Traballadores de institucións penais.
  • Grupo 4: Persoas consideradas como grandes dependentes (grao III de dependencia, é dicir, con necesidade de intensas medidas de apoio) que non estean actualmente institucionalizadas
  • Grupo 5: Persoas de 80 e máis anos de idade. Posteriormente, e a medida que se vaia dispoñendo de vacinas incluiranse outros grupos de idade comezando polas persoas entre 70 e 79 anos.
  • Grupo 6: Colectivos en activo cunha función esencial para a sociedade, entre eles integrantes das forzas de seguridade, persoal de emerxencias ou docentes

Finalmente, na actualización da estratexia de vacinación tamén se decidiu que as persoas de menos de 55 anos que xa superaron a enfermidade e que se atopen nestes grupos prioritarios deberán agardar para ser vacinadas seis meses para ser vacinadas (contando dende o momento do diagnóstico). Así mesmo, as persoas de menos de 55 anos que se infectaron despois de ter recibido a primeira dose da vacina (que só ofrece unha protección limitada) deberán agardar seis meses para recibir a segunda dose.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.