As novidades da desescalada pola COVID: do rexistro de asistentes a cines ao permiso para saír do concello no deporte federado

Control policial e novidades nas restricións pola COVID CC-BY-SA Foto: Delegación do Goberno de España en Galicia | Montaxe: Praza Pública

O novo esquema de restricións fixa a súa vixencia ata o 3 de marzo tras avanzar Feijóo que o revisará a próxima semana 

Tras o anuncio verbal do presidente Feijóo este luns a primeira hora da tarde, unha nova edición extraordinaria do Diario Oficial de Galicia (DOG) concretou a última hora as novidades nas restricións pola COVID que estarán vixentes a partir das cero horas deste mércores 17 de febreiro. Tanto o decreto como a orde que actualizan o esquema xeral de restricións para toda Galicia fixan a súa vixencia ata as cero horas do mércores 3 de marzo, un prazo de dúas semanas establecido no documento oficial despois de que o presidente avanzase a súa intención de revisar a próxima semana algunhas das restricións, en especial as relativas ao peche da hostalería. 

Á espera de que se concrete ou non ese anuncio, o que fai o DOG é manter en vigor ata o 3 de marzo o groso das restricións establecidas o 27 de xaneiro, entre elas a prohibición de desprazamentos entre concellos ou de entrada e saída de Galicia salvo para certas excepcións, e introduce varias medidas de desescalada en diversos eidos. Estes son os principais matices nelas a respecto do anunciado este luns polo presidente:

Deporte

Neste eido atópase a única nova excepción á limitación de movementos entre concellos, que xa non afectará a desprazamentos para “adestramentos ou competicións de ámbito federado profesional ou non profesional” pero aos que a Secretaría Xeral para o Deporte “poderá establecer requisitos, condicións e limitacións”. O DOG permite a apertura de instalacións deportivas ao aire libre para a práctica da actividade física e deportiva non federada sempre que sexa “de forma individual ou con persoas conviventes e coa utilización de máscara” e no caso da actividade deportiva federada de ámbito autonómico, adestramentos e competicións, a mesma axustarase aos correspondentes protocolos que xa se viñan aplicando antes do peche do 27 de xaneiro. 

A Xunta amplía as excepcións de uso dos taxis e permite a restauración en áreas de servizo só para transportistas con tarxeta profesional

Transporte

As novas medidas permiten que os centros loxísticos ou áreas de servizo de boa parte da rede de estradas de Galicia poidan ofrecer comidas a transportistas profesionais, condición que deberá ser acreditada coa presentación do Certificado de Aptitude Profesional. A medida non só se aplicará nas autovías e autoestradas ou noutras vías de alta capacidade como os corredores senón que o DOG estende a mesma a todas as estradas de titularidade estatal, incluídas as estradas nacionais, e tamén á denominada Rede Primaria Básica de estradas de Galicia, que suma outros 1.500 quilómetros de vías convencionais que unen as principais poboacións. “En todo caso, a consumición no interior destes establecementos deberá realizarse de xeito individual e sentado e non se poderá realizar venda ou dispensación de bebidas alcohólicas”, matiza o DOG. [Aquí pode consultarse o mapa oficial coa catalogación do tipo de estradas da Xunta].

No eido dos taxis, onde ata agora as restricións establecían que “non poderán desprazarse nun mesmo vehículo persoas que non sexan conviventes”, a nova regulación permite que poidan prestar servizo tamén “para escolares, persoal sanitario, pacientes ou traballadores non conviventes”, colectivos dos que “poderán desprazarse tantas persoas como prazas teña o vehículo e procurarase, cando o nivel de ocupación o permita, a máxima separación entre as persoas usuarias”.

Cultura

Reabren as bibliotecas, arquivos, museos, salas de exposicións, monumentos, cines, teatros ou auditorios cun límite do 30% da súa capacidade. Pero no caso da “celebración de actividades en cines, teatros, auditorios, congresos e outros eventos, e espazos similares, así como en recintos ao aire libre e noutros locais e establecemento destinados a espectáculos públicos e actividades recreativas” establécese un novo requisito: “Deberá existir un rexistro de asistentes ao evento e custodiar este durante un mes despois do evento, coa información do contacto dispoñible para as autoridades sanitarias, cumprindo coas normas de protección de datos de carácter persoal”.

Medidas de protección ante o coronavirus nunha biblioteca da Universidade de Vigo © Uvigo

Formación 

O luns 22 de febreiro retómase a actividade lectiva presencial en escolas oficiais de idiomas, escolas de arte e superior de deseño, Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais, Escola Superior de Arte Dramática, conservatorios de música e danza, escolas de música e danza, centros autorizados de deportes, centros autorizados de artes plásticas ou escolas privadas de música e danza. Na universidade a actividade docente presencial retómase o 1 de marzo.

Comercio

Fronte ao peche do comercio non esencial ás 18 horas que estaba en vigor ata agora, a partir deste mércores non recupera toda a liberdade horaria anterior senón que se establece nas 21.30 horas o novo límite, salvo que sectorialmente sexa inferior. Ademais, os centros comerciais, salvo as súas zonas de comercio esencial, seguirán pechados os sábados, domingos e festivos.

Residencias

O presidente Feijóo avanzou este luns que as residencias de persoas maiores ou discapacitadas que completasen o segundo ciclo da vacinación “hai dez ou máis días” pasarán a permitir visitas ata tres días á semana, fronte á única visita semanal actual, e poderán ser de ata dúas persoas de referencia. Igualmente, que nos centros de discapacidade que tamén completasen as vacinación as persoas residentes poderán saír delas as fins de semana para visitar ás súas familias. Porén, esas medidas, aínda non reguladas, non aparecen no DOG senón que adoitan establecerse en protocolos de funcionamento de rango inferior que poderán consultarse neste enlace

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.