Nos últimos sete días diagnosticáronse 34 novos casos de Covid-19 nas residencias galegas de maiores e de atención á discapacidade, 28 entre os usuarios e usuarias e 6 entre o persoal. Trátase da cifra máis baixa dende o pasado mes de setembro e chega cando aínda estamos a sufrir os efectos da terceira vaga da pandemia. A derradeira semana de xaneiro o número de casos rexistrados foi case dez veces superior (322).
Nos últimos sete días diagnosticáronse 34 novos casos de Covid-19 nas residencias galegas de maiores e de atención á discapacidade
O descenso da incidencia da enfermidade, que se está a produción no conxunto de Galicia, dentro e fóra das residencias, é moi superior entre as persoas que viven ou traballan nestas instalacións. A razón, ademais das medidas de control e restricións aplicadas dende o Nadal (prohibición ou limitación das visitas, limitación das saídas ao exterior), está no proceso de vacinación, que foi xa completado entre as persoas residentes e traballadoras, que recibiron xa a segunda dose das vacinas, que despois duns días proporciona a inmunidade contra a COVID-19.
Trátase da cifra máis baixa dende setembro e amosa que a mellora nestes centros, onde todos os seus usuarios e persoal recibiron xa a segunda dose da vacina, está a ser moito máis rápida que no conxunto do país
Os 34 casos notificados nos últimos sete días contrastan cos 334, 374 e 392 que se rexistraron na segunda, terceira e cuarta semana de xaneiro, cifras semellantes ás do mes de novembro, durante a segunda vaga da pandemia. Dende o mes de setembro, a media dos últimos sete días só é equiparable aos datos que se daban a mediados de decembro, xusto no momento en que comezou a relaxación das medidas de control e prevención.
Aínda que é certo que no conxunto de Galicia tamén se está a producir un importante descenso no número de casos activos e na cifra de novos positivos diagnosticados cada día, a redución non está a ser tan rápida e, ademais, comezou máis tarde. O número total de casos activos non comezou a caer ata o 5 de febreiro, mentres que nas residencias leva en descenso dende a última semana de xaneiro.
Durante a segunda onda da pandemia entre o 7% e o 9% de todas as persoas diagnosticadas de Covid-19 vivían ou traballaban nas residencias e na actualidade a porcentaxe rolda o 2%
A diferenza entre a redución do número de casos activos nas residencias e no conxunto de Galicia obsérvase claramente no seguinte gráfico, que amosa a relación diaria entre as dúas magnitudes. Mentres que durante a segunda onda da pandemia entre o 7% e o 9% de todas as persoas diagnosticadas de Covid-19 vivían ou traballaban nas residencias (cando este grupo, unhas 30.000 persoas, representa ao redor do 1% da poboación galega). Durante a 'tregua' vivida durante o Nadal, os casos nas residencias pasaron a representar o 4% do total, porcentaxe que volveu medrar por riba do 5% durante os primeiros días de xaneiro.
Porén, dende entón esta proporción non deixou de reducirse, chegando na actualidade ao 2,11%. Das 10.908 dignosticadas de Covid-19 en Galicia nestes momentos, tan só 151 viven en residencias e 79 son traballadoras e traballadores destas instalacións.
Durante xaneiro e febreiro as defuncións de usuarios e usuarias das residencias representaron o 27% do total, unha proporción moi inferior á dos meses anteriores
Hai uns días analizamos nesta peza a diferente incidencia que a terceira vaga da pandemia estaba a ter nas residencias, en comparación coa segunda onda e coa situación que se estaba a vivir no conxunto do país. No mes de xaneiro houbo 1.395 casos de coronavirus nas residencias, unha cifra comparable á do mes de novembro. Nas residencias, a segunda e a terceira onda da pandemia tiveron efectos semellantes no que atinxe ao número total de casos diagnosticados e tamén ao número de falecementos. Pola conta, no conxunto de Galicia a cifra global de casos activos de Covid-19 e de positivos diagnosticados chegou a ser máis do dobre da acadada na segunda onda.
Durante as últimas dúas semanas morreron 56 persoas nas residencias, un número aínda moi elevado, pero inferior aos datos dos meses anteriores
A diferenza entre a situación actual das residencias e a que se vivía meses atrás é clara tamén no que respecta no número de mortes rexistradas. Dende o inicio da pandemia as residencias foron o espazo que rexistrou máis falecementos, superando o 40% das mortes totais durante moitos meses, e chegando mesmo ao 45% durante a preimeira vaga, entre marzo e xuño. Durante a segunda vaga, o pasado outono, a proporción seguiu sendo moi elevada, roldando o 40%, coa única excepción de outubro (33%). Porén, durante o mes de xaneiro e febreiro as defuncións de usuarios e usuarias das residencias representaron unha proporción moi inferior, ao redor do 27%.
Durante as últimas dúas semanas foron 56 os falecementos, un número aínda moi elevado, pero inferior aos datos dos meses anteriores.
Naquelas residencias nas que transcorreran 10 días desde a administración da segunda dose da vacina, permítense ata tres visitas semanais de dous familiares diferentes
A maior protección proporcionada polas vacinas e o consecuente descenso no número de infeccións e de mortes está a permitir, ademais, relaxar as medidas de prevención e restricións impostas nas últimas semanas nas residencias. Así, por exemplo, naquelas residencias nas que transcorreran 10 días desde a administración da segunda dose da vacina, permítense ata tres visitas semanais de dous familiares diferentes.
Na actualidade tan só uns poucos centros manteñen un elevado número de casos activos, destacando a situación que aínda se vive na Residencia DomusVi Laraxe (61 casos, máis do 26% do total de Galicia), na Residencia Mi casa Ferrol (29 casos) e na Residencia Adultos Pai Menni de Betanzos (16 casos).