Case vinte días despois de deixar atrás o pico de incidencia acumulada a 14 días na terceira vaga da pandemia da COVID-19, este indicador xa está en Galicia por baixo do que fora o pico da segunda. Faino despois de que a explosión de contaxios nas semanas do Nadal, Aninovo e Reis disparase a incidencia ata a contorna dos 770 casos novos por cada cen mil habitantes en dúas semanas.
A incidencia a 14 días rolda os 329 casos novos por cada cen mil habitantes; antes do Nadal estaba en torno a 165
Mostra da virulencia desta terceira vaga é que, mesmo tras este prolongado período de pronunciado descenso, os arredor de 329 casos novos por cada cen mil habitantes rexistrados nos últimos 14 días son practicamente o dobre dos que se rexistraban antes das festas. No punto máis baixo da incidencia tras a segunda vaga, nos primeiros días de decembro, este indicador chegou a roldar os 165 casos por cada cen mil habitantes.
A incidencia acumulada a 14 días segue baixando e, como amosa o gráfico sobre estas liñas, tamén o fai o indicador a sete días, aínda que nas últimas xornadas a velocidade de descenso está a moderarse. Os arredor de 120 casos novos por cada cen mil habitantes nos últimos sete días que agora se rexistran supoñen tamén estar por baixo do pico da segunda vaga, pero tamén implica estar lonxe dos rexistros previos ao Nada, por baixo dos cen.
O Sergas suma 351 novos casos e a media diaria de novos diagnósticos segue descendendo, aínda que a menor ritmo nos últimos días
Estes descensos nos datos de incidencia son produto da sostida baixada nas cifras de novos casos detectados dende comezos de febreiro, isto é, unha vez superado o groso do impacto epidemiolóxico dos contaxios das festas. Este 18 de febreiro, o Sergas suma 351 casos novos, os rexistrados entre as seis da tarde do martes e a mesma hora do mércores. Deles, 307 son diagnósticos mediante PCR.
Galicia segue así rexistrando as cifras máis baixas de novos casos en vinte e catro horas en máis dun mes. Non obstante, a media diaria de novos diagnósticos a sete días, que agora rolda os 470, segue igualmente por riba dos niveis previos ao Nadal (en torno aos 300). Ademais, como acontece cos datos de incidencia, aínda que a melloría segue sendo clara, nos últimos días é tamén máis lenta.
O acougo no número de novos casos detectados chega nun contexto no que, malia ao descenso no número de probas PCR dos últimos días (nas última semana procesáronse unha media dunhas 7.600 diarias), ligado ao menor número de casos sospeitosos e tamén ao menor número de cribados masivos, a taxa de positividade (porcentaxe das que dan positivo) non aumenta. Ben ao contrario, a media a sete días deste indicador permanece na contorna do 5% e mesmo baixa un chisco dese limiar, o sinalado pola Organización Mundial da Sáude como referencia para dar por controlada a pandemia nun territorio.
Apenas 40 concellos con incidencias superiores a 500
Este freo nos datos de incidencia tamén se vai reflectindo, aos poucos, sobre o mapa. Os concellos que superan os 500 casos novos por cada cen mil habitantes son xa apenas 40 (chegaran a ser máis de 180 durante o mes de xaneiro). Mentres, os municipios sen novos casos nas últimas dúas semanas seguen aumentando aos poucos e xa son 42; antes do Nadal chegaron a ser máis de cen, pero despois das festas reducíronse a menos dunha decena.
Entre os municipios con incidencias a 14 días superiores aos 500 casos novos por cada cen mil habitantes xa non está ningunha das sete principais cidades. A última en deixar atrás ese nivel é A Coruña, que agora rolda os 485 tras superar os 900 a finais de xaneiro. Na banda contraria atópase Vigo, que xa baixa dos 200. Tamén destaca a mellora en Santiago, que deixa atrás os 250. Vigo aproxímase así a niveis de incidencia semellantes aos que rexistraba antes das festas, mentres o resto de cidades están aínda por riba daqueles valores.
O acougo vai chegando ás cifras de hospitalización e mortes
As 863 persoas ingresadas con test positivo supoñen a menor cifra nun mes, pero aínda por riba dos máximos niveis de hospitalización na segunda vaga
Como prognosticaran dende os centros sanitarios e como sucedera -aínda que en magnitudes menores- nas anteriores vagas, tras o descenso no número de casos detectados e o acougo nas incidencias acumuladas e nas taxas de positividade, vai chegando tamén un relativo acougo ás cifras de hospitalización. As 863 persoas ingresadas con test positivo da COVID que este 18 de febreiro notifica o Sergas son as máis baixas en case un mes, aínda que supoñen seguir por riba do pico de hospitalización da primeira vaga.
Mentres que, na pasada semana, o alivio chegaba fundamentalmente dende as unidades ordinarias de hospitalización, nesta semana o descenso comeza a percibirse tamén nas unidades de coidados intensivos, onde así e todo aínda hai 180 persoas con test positivo da COVID (-7). En total, as 863 persoas ingresadas con test positivo son 282 menos que unha semana antes.
Cómpre ter en conta, non obstante, que non todos estes descensos se deben a altas hospitalarias en sentido estrito. Tamén son causa da alta epidemiolóxica de persoas que superan o virus, pero deben seguir ingresadas por mor doutras complicacións de saúde, aínda que estean ligadas á COVID. E tamén, aínda que en menor medida, se deben ao falecemento de pacientes que estaban nos hospitais.
As cifras de mortes son, precisamente, o último indicador ao que vai chegando a remisión da terceira vaga da pandemia. Tras 736 mortes dende o 1 de xaneiro de persoas que contraeran a COVID-19 e 783 dende o Nadal, o total de falecementos oficialmente ligados á pandemia en Galicia chega a 2.147. Na última semana aínda morreron cada día unha media de máis de 14 persoas que se infectaran do virus. Segundo as cifras oficiais de Sanidade, o día con máis mortes no que vai de pandemia segue sendo o pasado 21 de xaneiro, con 36.