As autoridades sanitarias definen os grupos prioritarios de vacinación contra a COVID ata a poboación entre 45 e 55 anos

Anxo Abal, enfermeiro da UCI, primeiro sanitario vacinado na área sanitaria de Pontevedra-O Salnés CC-BY Sergas

A Comisión de Saúde Pública, na que está representado o Ministerio de Sanidade e mais todas as comunidades autónomas, definiu este mércores os novos grupos prioritarios para a vacinación contra a Covid-19, que seguirán na orde de administración ás persoas maiores de 80 anos, grandes dependentes e traballadores e traballadoras esenciais, xa anunciados previamente e nos que a vacina xa se está comezando a aplicar.

Despois das maiores de 80 anos, os seguintes serán as persoas entre 70 e 79 anos, entre 60 e 69 anos e, posteriormente, as de menos de 60 anos "con condicións de risco alto de padecer enfermidade grave pola COVID-19"

Os seguintes grupos en recibir as vacinas de ARN mensaxeiro (Pfizer ou Moderna) unha vez inmunizadas as persoas maiores de 80 anos serán, nesta orde, as persoas entre 70 e 79 anos, as persoas entre 60 e 69 anos e, posteriormente, as persoas de menos de 60 anos "con condicións de risco alto de padecer enfermidade grave pola COVID-19", que se concretarán na vindeira xuntanza da Ponencia de Vacinas.

Por outra banda, os seguintes grupos en recibir a vacina de AstraZeneca (non indicada para menores de 55 anos), unha vez protexido o persoal esencial (resto de persoal sanitario, forzas de seguridade, de emerxencia ou docentes), serán as persoas entre 45 e 55 anos.

Non se detallan os prazos previstos para a administración da vacina a cada grupo, que dependerá principalmente do ritmo de distribución das doses por parte dos distintos fabricantes

A Comisión de Saúde Pública non detallou os prazos previstos para a administración da vacina a cada grupo, que dependerá principalmente do ritmo de distribución das doses por parte dos distintos fabricantes. Nestes momentos está a iniciarse a vacinación das persoas de 80 anos ou máis, un dos colectivos máis vulnerables á enfermidade e que en Galicia suma 234.270 persoas, o 8,67% da poboación total, dos que unha pequena parte (residentes e grandes dependentes) xa foron inmunizados.

O vindeiro luns 22 comezará en Galicia a vacinación das persoas de máis de 80 anos, máis de 200.000 en Galicia, que supoñen máis do 8% da poboación

O vindeiro luns 22 comezará en Galicia a vacinación das persoas de máis de 80 anos, empezando por aquelas cuxo primeiro apelido se inicie pola letra H. O obxectivo fixado a nivel do Estado é que a finais de marzo ao redor do 80% reciba a súa primeira dose, o que en Galicia supón a administración de 160.000 doses, unha cifra superior á administrada ata agora (algo menos de 140.000).

En paralelo, levarase a cabo a vacinación dos traballadores esenciais das forzas de seguridade, emerxencias, ensino e o persoal sanitario aínda non protexido, unha inmunización que se levará a cabo co medicamento desenvolvido por AstraZeneca.

Dado que tanto as vacinas de ARNm como a de AstraZeneca requiren da administración de dúas doses separadas por varias semanas (3 ou 4 nas de Pfizer e Moderna, entre 10 e 12 na outra), o proceso non se deterá, solapándose uns grupos con outros, e é posible que chegue a quenda dos novos grupos prioritarios anunciados este mércores antes de que se administre a segunda dose aos grupos iniciais.

Galicia recibiu ata o momento 186.985 doses das tres vacinas aprobadas, das que foron administradas 138.601

Galicia recibiu ata o momento 186.985 doses das tres vacinas aprobadas, das que foron administradas 138.601 segundo o Ministerio de Sanidade (138.668 segundo a Xunta). 57.397 persoas recibiron xa as dúas doses que, despois duns días, proporcionan a protección contra a Covid-19. 

Cómpre ter en conta que ata agora Galicia recibiu un número de vacinas por habitante inferior á media española (por ter un menor número de persoas usuarias de residencias en termos relativos e tamén un inferior ratio de persoal sanitario). Porén, prevese que na fase de vacinación que está a piques de comezar o ritmo de envío de vacinas a Galicia sexa moi superior, tendo en conta a maior proporción de poboación maior de 80 anos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.